Sonotone

Sei por Pawley da aparición hoxe na rede de Sonotone, unha revista galega (de actualización semanal) sobre música na que tamén terán cabida outras disciplinas como o cine e a literatura. Nesta primeira entrega no apartado de libros aparecen reseñas de ¡Viva o Fu Remol!, Éxodo e dz ou o libro de esperma. Ten moi boa pinta (tanto o deseño como os contidos): novas tendencias e moito onde aprender e sorprendernos (os que non pertencemos á xeración agromante). Seguirémola.

Etiquetas:

Máis alá

Moi xeitosa a nova canle cultural de Vieiros. A estrutura de seccións, a presenza importante da imaxe e do vídeo e, sobre todo, o tratamento da información cultural presentada nestas primeiras entregas son novidades que anuncian que este novo espazo vai constituír un paso importantísimo para Vieiros e para a ampliación da súa audiencia. Ademais, gústame esa homenaxe sutil que con este nome se lle fai á cultura galega renovadora dos oitenta (Máis alá foi, ademais do manifesto manuelantoniano, o título daquel primeiro programa cultural vangardista dos primeiros anos da TVG que presentaba e dirixía Manuel Rivas, que ben se poderían ir publicando na rede). Beizóns para Lois e o seu equipo por este novo paso adiante.

Etiquetas: ,

Tempos novos

No panorama da prensa impresa en lingua galega Tempos novos é un referente indiscutible de rigor e calidade informativas. O veterano mensual de Luís A. Pousa foi alicerzando o seu proxecto de publicación de pensamento progresista, mellorando as súas calidades de edición e deseño, aumentando a súa publicidade ata conseguir ofrecer un produto de gorentosa lectura.
Un exemplo ben acaído do que dicimos é o número de outubro que contén artigos moi valiosos: unha longa entrevista a Pasqual Maragall, realizada por Suso de Toro (desas que xa non se publican en case ningún medio); unha reportaxe sobre o independentismo galego; outra sobre blogs e literatura (un expléndido traballo de Iago Martínez sobre o panorama dos blogs en galego, incluíndo unha entrevista a Xavier Cid na que o especialista en xornalismo dixital dá por finiquitado o chamado “blogomillo”); un reflexivo ensaio de Victoriano Pérez Prieto sobre a polémica Vaticano-Islamismo ou unha crítica longa e literariamente fermosa de Antón Patiño sobre a “maxistral novela oceánica” de Rivas, por citar só cinco dos contidos moi destacados deste número da revista.
Porén, botamos de menos unha maior presenza dos contidos da revista na rede. Estou certo de que de publicarse en formato dixital, este número de outubro tería milleiros de lecturas electrónicas. Aspecto que supoño os responsables da revista tratarán de mellorar no futuro, sobre todo, a partir da edición dun suplemento da revista dedicado especificamente aos libros e á literatura galegas do que teño oído falar e que coordinará un profesional de absoluta solvencia.
No panorama informativo en galego tan reducido (onde apenas salienta a continuidade teimosa d’ A Nosa Terra e a aparición esporádica dalgunhas publicacións institucionais), o esforzo de Tempos novos por ofrecer un produto desta dignidade merece ser salientado e recoñecido. Os lectores en galego debemos superar algúns prexuízos (escasamente xustificables) e apoiar publicacións tan notables como a aquí reseñada. Beizóns para Tempos novos e os seus responsables. Apoiemos a prensa en galego.

Actualización: (23-10-2006): Na canle de Tempos en Vieiros publícanse algúns contidos aos que fixemos referencia.

Etiquetas:

Exit

Grazas a Michelena e Comunicación Cultural chego á versión dixital da revista trimestral Exit, dedicada ás artes visuais máis características do século XXI, que ofrece no seu último número un monográfico sobre “Lectura e lectores“. É magnífico todo o material fotográfico publicado arredor do acto de ler, dos espazos para a lectura e do mundo do libro, aínda o que máis me prestou é o texto do editorial de Rosa Olivares apostando máis pola lectura ca polo libro (unha actividade “que nos estigmatiza e introduce nun club cuxo lema é paixón ou insatisfacción).
Etiquetas: , ,

Galicia gastronómica

Acaba de aparecer Galicia gastronómica, o primeiro xornal electrónico sobre cultura gastronómica galega. Á fronte do novo medio está á sabedoría e o rigor ao que nos ten afeitos Miguel Vila. Tivo a ousadía de convidarme a que publicase un dos meus textiños. Recomendo vivamente seguilo.

Etiquetas: ,

Nova etapa para "Vieiros da escola"

Os Vieiros da escola iniciaron unha nova etapa, xestionados por Nova Escola Galega, dedicando un monográfico ao Día das Letras. A escola en galego precisa destes recursos electrónicos, que botamos en falta. Un eido que debemos atender con maior interese. Boa camiñada!

Etiquetas: , ,

Praza das letras

Coñezo grazas a Vieiros e de forma sorpresiva a aparición do primeiro número de Praza das letras, revista en papel de promoción do libro e a lectura que edita a Consellaría de Cultura. O deseño é magnífico e os contidos moi interesantes e coidados (repasándoa dinme conta que somos os editores de case todos os libros en galego sobre literatura e fútbol, madia leva!). Agardamos que o proxecto do portal web do libro galego, coa mesma denominación, sexa unha realidade proximamente. Benvidas todas as iniciativas que axuden a visibilizar o libro galego. Beizóns.

Volve Eiroa

Que se preparen os radioescoitas do Vigo metropolitano: o 18 volve Eiroa.
Etiquetas: , ,

Máis sobre o relevo na Voz

Juan Varela ofrece esta completa información sobre os relevos e o futuro da Voz.

Relevo en Sabón

O tempo novo tamén tiña que chegar estes meses a Sabón.
Actualización (23-03-2006): Por que?