Kindle 2

Hoxe coñecimos dúas noticias sobre dispositivos electrónicos portátiles de lectura, o novo modelo de sony e o novo kindle de Amazon. O Sony PRS-700 é un e-book que presenta a pantalla táctil como novidade máis importante sobre o modelo anterior, o coñecido como Sony reader. Pola súa banda, Amazon presentará o luns en Nova York o Kindle 2 que, polas fotos filtradas, parece moi semellante ao modelo anterior e manterá o seu carácter pechado. No entanto e a pesar destas novidades de dispositivos específicos de lectura baseados en tinta electrónica, o futuro da lectura en pantallas pode estar en dispositivos non especializados (pedeás, ultraportátiles, iphones e outros teléfonos ou as consolas portátiles domo a PSP ou a Nintendo) asociados á posibilidade que proporciona Google Book Search. Cada vez parece máis claro o futuro da lectura sobre pantallas portátiles, porén non se albisca, aínda, cál pode ser o soporte que se impoña no mercado.
Manuel Gago e máis eu fomos convocados hoxe polo Diario Cultural da Radio Galega para opinar sobre o libro electrónico. As entrevistas de Anxo Quintela poden escoitarse aquí.
Esta anotación de onte de José Antonio Millán non pode pasar desapercibida. Carmen Balcells, a gran axente catalana, promove «Palabras maiores», unha colección de libros electrónicos dalgúns autores que xestiona a axencia, editados por Leer-e, unha empresa navarra que ata agora se dedicada só á distribución de e-books. Cada un dos títulos (o catálogo total recolle máis de seiscentas referencias) pode descargarse por prezos sempre inferiores aos cinco euros. Ademais de poder descargarse dende a rede, o sistema de venda de Leer-e contempla a implicación, polo momento, de 18 librarías. «Palabras maiores» é unha experiencia de distribución de libro electrónico en España chamada a converterse en referente (para emular, mellorar, modificar…).
Os amigos de Ediciona acaban de traducir o Informe sobre o libro e os contidos dixitais, encargado polo Ministerio de Cultura francés. O documento propón respostas para as preguntas que adoito se realizan os membros da cadea de valor do libro (fundamentalmente autores e editores), ao tempo que examina ao ferta de contidos dixitais, con atención especial, a situación de Francia e Xapón. O texto é moi interesante, clarificador e de lectura recomendable. Pódese baixar dende aquí en pdf. Volveremos sobre os seus contidos. Grazas.
Editions Gallimard acaba de anunciar que antes que remate este mes de setembro ofrecerá un catálogo de libros electrónicos descargables dende a súa libraría electrónica, «Le Divan». A selección de obras incluirá algunhas das novidades literarias da vindeira tempada. Este anuncio coincide co lanzamento en Francia do Sony Reader pola FNAC, a un prezo de 299€, e por Hachette livre como proveedor exclusivo de títulos durante tres semanas deste soporte electrónico de lectura. O libro electrónico móvese en Francia.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).