Kindle

Este si que pode ser unha das modalidades do libro electrónico do futuro. Da factoría Amazon. Recomendo a lectura do comentario de Enrique Dans sobre esta nova intentona de libro electrónico:

“El anuncio me ha parecido bastante impactante: no se trata de un dispositivo para navegar, ni tiene WiFi, pero puedes navegar por un montón de blogs, periódicos y contenidos –incluido acceso gratuito a la Wikipedia- sin preocuparte de la conexión, que es vía EVDO a través de Amazon Whispernet, rápida (un libro se baja en un par de minutos) e incluida directamente en el precio de los contenidos que compras. Pesa menos de trescientos gramos, acepta tarjetas SD Card para que puedas llevar tus propios contenidos, te puedes enviar por e-mail documentos en .JPG, .GIF, .BMP, .PNG para verlos en el dispositivo, y la batería dura un par de días con la conectividad abierta, y más de una semana con ella apagada, pero se recarga completamente en dos horas. El Kindle sólo está disponible por el momento en los Estados Unidos (la red Amazon Whispernet está construida sobre Sprint, un carrier norteamericano), y por el momento no he visto fecha para su salida internacional.”

Non menos interesante é estoutro comentario de Comunicación Cultural: somos conscientes editores e libreiros das mudanzas que este novo aparello pode provocar?

Actualización (21-11-2007): Alfaias dá conta do fenómeno xaponés das Kentai bunko, novelas para ler no móbil. 20.000 subscritores anuais e unha facturación de 60 millóns de euros. Aí queda. Moi interesante son tamén os comentario sobre a presentación do kindle de Alessandro Martins, que o considera o futuro da lectura, e, nunha posición contraria, de Martín Gómez. O debate sobre o formato futuro do libro seguirá aberto.

Etiquetas: Kindle

O pregón de Suso de Toro

Co pregón de Suso de Toro comeza hoxe a Feira do Libro da Coruña. Recollemos unha boa parte do interesantísimo texto do autor de Home sen nome no referido ao libro, a lectura e as bibliotecas públicas:

“O libro […] ten ese carácter case personal, o lector le no libro e dialoga con el. Se non gusta del déixao quedar arrombado, se lle reina mergúllase nel e disfruta, outras veces, párase e discute con el, nega o que di ou para a pensalo, a discutilo. O diálogo entre quen escribe e quen le a través dun libro é un diálogo democrático. Baséase na liberdade do lector sempre, se o lector non gusta do libro o libro será unha máquina que non funcione, que non consiga comunicar aquilo que o autor pretendeu.
O libro é unha máquina moi fráxil pois esa comunicación é delicadísima. Todo o humano é delicado, fráxil, pois somos unha marabillosa máquina caída das estrelas e feita de carne.
Mais sendo fráxil o libro é poderosísismo: As transformacións da nosa civilización nos últimos cincocentos anos foron posibeis grazas ao libro.
O libro era o lugar onde vivía o texto escrito. Hoxe ocorreu unha transformación, o texto xa non vive exclusivamente no libro, está tamén, e sobre todo, nas pantallas. Non debemos ver isto como algo malo, pois a Rede, Internet, permite que todos leamos e tamén escribamos texto. Internet permítenos a todos enviar mensaxes, non só recibilos. Ten un aspecto democrático indudábel.
Mais se as pantallas se fan exclusivas liquidarán ao libro. E o libro é o que crea individuos. A lectura é un acto solitario, un acto individual, individualizador. Lendo estamos sós. Mais non estamos incomunicados, estamos dialogando cun autor, cun texto. Un texto que moitas veces é producto de moitas persoas, de tradicións colectivas, é un diálogo con outro, con moitos outros.
E estando sós, lendo, estamos a soas con alguén importantísimo, nós propios. A soas con un mesmo. A lectura é a ximnasia do “eu”, da identidade personal. Os medios estimulan o noso abandono, buscan fascinarnos, que abramos os ouvidos, os ollos, a boca… A nosa entrega total, quere que nos disolvamos, que deixemos de ser. A lectura en cambio é esixente, quere que sexamos, que esteamos aí, máis ou menos atentos. Lendo entramos no texto mais nunca é un labirinto do que non poidamos saír, sempre hai un camiño de volta e sempre mantemos a conciencia. A lectura respecta á nosa intelixencia e integridade, e lendo respectámonos.
A lectura individual, a lectura personal, o libro, é o grande invento moderno e, á súa vez, a lectura é a inventora da modernidade, do individudo ilustrado e con criterio propio. O individuo que cre na persoa, o que esixe respecto para as persoas, para si propio, para os demais. A lectura, e o libro, evolucione como evolucione, seguirá a ser o alimento dos individuos con sentido da dignidade personal. O alimento dos cidadáns.
E si, o libro, como as estradas, os portos e aeroportos, o alumado, a sanidade ou a escola pública, precisa apoio. Un apoio democrático, claro. Sen populismos.
E a garantía de que vai seguir habendo libros ao alcance do cidadán foi, é e seguirá a ser a biblioteca pública e mais o libreiro. Non se trata de regalar ou tirar cos libros, trátase de que, nunha sociedade no que hai diñeiro para consumir a eito, os cidadáns, que previamente adquiriron a capacidade e mais o hábito de ler na escola, teñan perto de onde viven unha biblioteca e mais unha librería na que encontren alimento para a súa cidadanía: libros.
Falei de feiras, reclamándoas como a fonte da democracia, e falei de libros, que son os que forman individuos libres, cidadáns. Os protocolos dun pregón da feira do libro aconsellan tamén que se cite a localidade que acolle a feira dun modo encomiástico. A min non se me ocorre máis que dicir que das feiras da Galiza esta feira da Coruña é onde máis libros se venden. Contra a visión tópica das cousas, eu considero que é un grande mérito cívico.”
Etiquetas:

Libro electrónico

Esta interesante curta de anticipación, promovida polo grupo Editis, propón unha reflexión sobre o que poderá ser o futuro do libro: posible ou probable? Inevitable, diría eu. Recoméndoa.

Vía Txetxu.

Ver a curtametraxe (10 minutos).

Etiquetas:

Listos para ler

Chega a Madrid a exposición “Listos para leer“, que recolle unha colección de catro centos libros editados en España entre 2000 e 2006. Comisariada por Enric Satué esta exposición supón unha reivindicación da necesidade de poñer en valor o traballo dos deseñadores gráficos editoriais. Entre estes volumes temos a satisfacción de que se atopan catro títulos de Kalandraka e outro de Xerais.

Etiquetas: Listos_para_leer

Montolieu, vila do libro

Xa oíra falar algunha vez de Montolieu, a pequena vila francesa do libro e das artes gráficas, situado pretiño de Carcassone. Conta apenas 800 habitantes e porén posúe catorce librarías e un fondo dispoñible de 250.000 exemplares, ademais dun museo sobre as artes gráficas, dun muíño de papel e de diversos artesáns dedicados á impresión. Grazas ao bibliómano sei de que a revista Bibliophile dedica unha reportaxe a este auténtico almeiro do libro francés. Esta é a receita que dan en Montolieu para crear unha vila do libro. Quen podería en Galicia ter a coraxe e a audacia de acometer semellante proxecto, que a este pobiño francés lle está a proporcionar un espazo no turismo experimental? Unha experiencia interesante para mellor coñecer.

Etiquetas: Montolieu