Celta: ascenso ou intervención
A raíz das informacións recentes, no artigo da semana volvo sobre a crise societaria do Celta.
A raíz das informacións recentes, no artigo da semana volvo sobre a crise societaria do Celta.
DERBI MOI IGUALADO
O primeiro derbi da tempada co Racing de Ferrol foi moi igualado e vistoso para as dúas afeccións. A primeira parte foi de claro dominio celeste. Conducidos dende o centro do campo por un criterioso Jorge Larena, os vigueses desenvolveron un xogo ordenado, unha intensa presión e un tratamento agarimoso da pelota, o que obrigou aos ferroláns a pecharse de forma meduliana e capear o temporal o mellor que puideron. Tivo o Celta, entón, as súas mellores oportunidades, dende un fermoso peiteado de Lequi que saíu rozando o pé do pau, a varias subidas veloces de Núñez que non atoparon rematador. Tras a reanudación, Juan Veiga, moi cuco, adiantou a súa defensa e optou por defender dende o campo céltico, o que foi amodiño desfacendo o sobrio esquema dos locais. Non obstante, despois dun parede preciosa entre Diego Costa e Georges Lucas, que conseguiu centrar dende a liña de fondo, Okkas rematou pola escuadra de forma inapelable. Aí rematou o encontro para os célticos que, como xa lles sucedera co Numancia, quedaron paralizados na “síndrome do 1-0” e non foron capaces de seguir impoñendo a súa autoridade. O “cacique” Medina avisou cun pexegazo ao longueiro, tocado por Pinto, mais no lanzamento do córner, Charpenet (totalmente só, nun clamoroso fallo de marcaxe) igualou o marcador. A partir dese momento, faltando case media hora, o Racing foise a polo encontro con enorme afouteza, sobre todo grazas á velocidade e aos caneos do vigués Jonathan Pereira (o fillo dos propietarios do “Xantar de Mari”) que toleou á defensa celeste. No minuto oitenta, nunha das súas arrincadas, o “Maradona do Calvario” combinou con recén saído Joselito que puido marcar cun punteirazo, rexeitado polo poste. Evolucionando as cousas desta guisa, compréndese que a igualada non foi mal resultado para os célticos. É innegable que con López Caro o equipo noso xa sabe a qué xoga, o que supón un adianto moi importante, mais non acaba de resolver aínda a súa problemática intermitencia no control dos tempos de cada encontro e a definición nos metros finais. Vamos, pero non imos; arrincamos, e axiña paramos. Aínda falta chispa, paciencia!
Tiña o convecemento que a demisión de Cobas como director xeral do Celta era un síntoma claro dunha crise societaria. Tras a convocatoria da Xunta de Accionistas para o 3 de decembro, xa non hai dúbida ningunha de que isto é unha realidade. A estratexia da ampliación do capital social, actualmente de só 9 millóns de € (para facer fronte a unha débeda neta xa recoñecida de 42 millóns de €), é a medida coa que Carlos Mouriño pretende facerse co control da maioría das accións, convertendo os 2,4 millóns de € que avalou durante os meses do seu mandato. Transformar, pois, estes avais en capital social é unha solución cómoda (xa empregada por Horacio Gómez) para intentar facerse definitivamente co control total do club. Se o equipo consegue ascender, esta estratexia pode permitir salvar a entidade, xa que os contratatos televisivos asinados por Cobas o permitirían; se, polo contrario, os resultados deportivos son adversos, a posibilidade que o Celta acuda, ao remate da tempada, á lei concursal pode ser inevitable. Ascenso ou disolución, velaí o dilema. Así de difíciles están as cousas para a viabilidade societaria céltica.
Entendo que a demisión de Xabier Martínez Cobas pecha definitivamente ás portas a un proxecto de transformar ao Celta nun club de fútbol xestionado con criterios modernos e en sintonía permanente coa sociedade galega. Os sectores máis conservadores do Consello de Administración conseguiron, por fin, o seu obxectivo de colocar o club nas posicións máis involucionistas, deixándose seducir polos cantos de serea de Ramón Martínez, actual director deportivo, que, como ben demostran as súas “fichaxes” (todas elas cesións), considera ao Celta como un mero club vasoira de provincias, onde os clubs da súa maior querenza e interese poidan formar as súas canteiras e onde el mesmo poida volver a pegar un chimpo na súa carreira. A demisión de Cobas, ademais, é un síntoma moi preocupante sobre a situación económica real do club, que pode ser de auténtica emerxencia, ás portas, como xa sucedeu con outros, da temida concursal (imaxinemos que podería pasar se Facenda reclama a débeda que os clubs manteñen con ela?). Despois de intentar regularizar a nefasta xestión económica e organizativa do Consello de Administración presidido por Horacio Gómez, despois de intentar conservar a racionalidade (defendendo, en contra do criterio da maioría do Consello, o traballo de Fernando Vázquez) na dirección deportiva, despois de intentar galeguizar o club de forma intelixente como forma de achegalo á sociedade (coa oposición, tamén, de parte do Consello), Cobas marcha enfastiado de lidar con persoas que pretenden xestionar un club de fútbol utilizando os mesmos criterios empresariais que manexan no sector da construción e da promoción inmobiliaria. A marcha do bo de Xabier é un síntoma de que a doenza celeste como club é moito máis grave que a vacilante marcha deportiva na segunda división. Temo que volverán os asesores da FAES que contratou Mouriño ao inicio do seu mandato. Coa marcha de Cobas a involución societaria está asegurada e o ascenso, a pesar de certa melloría no xogo, máis lonxano do que todos desexamos. Unha peniña.
XUSTO EMPATE
López Caro non conseguiu despexar aínda as dúbidas sobre o futuro que lle agarda ao Celta nesta difícil andaina por Segunda. É innegable que o andaluz en apenas dúas semanas conseguiu introducir maior disciplina táctica e conformar un “once” máis estable, aliñando aos que todos os afeccionados sabemos deben xogar, a Lequi na medular da defensa e a Perera, como revulsivo atacante das segundas partes. Mudanzas que provocaron, unhas mellores sensacións no xogo celeste, mais que se amosaron aínda insuficientes para vencer a pasada semana a un frouxo Albacete, como onte a un excelente Numancia, un equipo moi ordenado e paciente que en Balaídos soubo manter durante gran parte de encontro o control da pelota e do ritmo de xogo. Saíu o Celta disparado e dominador, cunha clara ocasión de Núñez no primeiro ataque e con outra de Okkas, tamén clarísima, aos cinco minutos. Axiña chegaría o magnífico cabezazo de Lequi, rematando unha falta sacada por Larena. Entón, o Celta amainou –sobre todo a partir da desgrazada lesión de Canobbio (hoxe o santo e seña galego)–, comezando a desintegrase, a enredarse nas súas dúbidas e a ceder o control a un Numancia que, minutos despois, conseguiu empatar transformando un penalti, provocado inocentemente por Lequi. Coa reanudación, un disparo letal na frontal da área grande dun inspirado Diego Costa provocou o penalti marcado por Larena. Dende ese preciso momento, os nosos volveron naufragar na vertixe de verse por diante no marcador. Deixaron o leme a un Numancia que entón aseñorou o encontro como quixo, empatándoo nunha falta maxistralmente executada por Moreno e mesmo podendo levalo, se non fose polas intervencións salvíficas de “San Pinto”, que se convertiu no mellor dos celestes. Non hai dúbida: o empate foi xusto e o encontro ben bonito, propio de dous conxuntos con anceios de Primeira. Quédanos a dúbida de cáles son as razóns dos baixóns físicos e anímicos que padece o Celta, sobre todo, nas segundas partes. Semella que López Caro debe acelerar as rotinas de pretempada para recuperar este treito preparatorio desperdiciado.
No artigo da semana reflexiono sobre as relacións entre fútbol e literatura. Dedico o texto a Borja Oubiña, con todos os azos para a súa recuperación. A mantenta quixen deixar fóra a dimensión tráxica, que poden compartir fútbol e literatura, preferindo rematar con estas palabras da escritora camerunesa Calixthe Beyala: “O balón é redondo coma o planeta, coma ventre da nai, coma o sol. Cando un futbolista xuta ao aire semella que o balón vai tocar as estrelas. Na literatura tamén hai un desexo de tocar o ceo, de ir máis alá dos límites da vida cotián”. Quizais nese horizonte é, tamén, onde se atopan o fútbol e a literatura.
O despido de Stoichkov chega tarde, xa que os seus partidos na tempada pasada (cinco derrotas consecutivas) abondaron para demostrar que non era o técnico axeitado nin para salvarnos nin para devolvernos a categoría. Pobre Fernando Vázquez!, canto piamos por ti. A decisión desta substitución, con seguridade, tomouse antes do encontro co Xerez (onde o equipo demostrou unha evidente melloría da calidade de xogo), debido a que nestas primeiras xornadas se esfumou o efecto mediático que se pretendeu conseguir coa súa contratación no pasado mes de abril. Demóstrase así que non foron as razóns deportivas as que motivaron a súa chegada e, tampouco, as que provocaron o seu relevo. Stoichkov, un tipo simpático, foi un tigre de papel, amortizado. O Consello de Administración, esta tempada, non quixo asumir riscos que lle provocasen maior impopularidade diante dunha afección, xa moi resignada, que amosa o seu descontento e aborrecemento quedando na casa.
AUTORIDADE
Fronte ao Xerez xogou o Celta o seu mellor partido, nesta difícil andaina para recuperar a categoría. A Stoichkov saíulle moi ben a súa aposta pola calidade e o fútbol combinativo aliñando xuntos a Canobbio, Larena e Diego Costa, hoxe os tres xogadores celestes con máis capacidade para mover a pelota con criterios de profundidade. Dende os intensos minutos iniciais, os célticos impuxeron a súa autoridade (algo que moito botabamos en falta), desenvolvendo un xogo máis ordenado, ligado e dominante ca en ningún outro encontro. Así chegou o primeiro gol de Canobbio, froito dun magnífico pexegazo seco, raso, perfecto. Mágoa, que despois, os de Stoichkov, incomprensiblemente, perderan a tensión, deixando o control do balón aos andaluces que, avisaron do seu perigo cun magnífico xute dende a frontal, salvado por unha estirada inmensa de Pinto, que, cinco minutos despois, xa non puido evitar o empate nun contragolpe xerezano que non souberon defender os lentísimos centrais galegos (máis cedo que tarde, haberá que contar con Lequi e Contreras, a parella de apartados). Na reanudación, o Celta recuperou o pulo e a orde ofrecendo os mellores minutos da tempada. Larena tomou con autoridade o mando do xogo, suturando case todas as xogadas de ataque. Así chegou o primeiro dos goles de Diego Costa (anulado por fóra de xogo inexistente, tras un contra fermosa, triangulada por Larena e Núñez) e o segundo, tras un servizo espectacular de Canobbio, un xogador imprescindible que, a pesar da súa desesperante intermitencia, sabe poñer as pingas de calidade e sentido necesarias para recuperar o relato celeste. De novo, co marcador por diante, os celestes medraron e chegaron ocasións a moreas, o golazo de Mario Suárez e a ledicia á bancada. Non hai dúbida, o fútbol é a creación de sentido atacante, só así chegan as vitorias e aparecen alustros de beleza efémera sobre a lameira. Semella que Stoichkov vai achegándose ao equipo ideal, na procura do camiño desas tres vitorias consecutivas que nos coloquen nos postos da ilusión.
DOUS GOKKAZOS
Os dous goles de Yiannis Okkas, o dianteiro internacional chipriota que debutaba en Balaídos, devolvéronos a ledicia. Porén, a pesar da clara vitoria diante da U.D. As Palmas (o equipo máis frouxo dos que por aquí pasaron), iso que chamamos fútbol aínda non compareceu sobre a lameira do Fragoso. A primeira parte celeste foi moi pobre. Os de Stoichkov non puideron impoñer a súa autoridade: a parella de pivotes (Vitolo e, o tamén debutante, Mario Suárez) quedaba trabada no medio do campo e os dous laterais (de carácter ultradefensivo e moi estáticos) eran incapaces de colaborar dalgunha forma no xogo atacante polas bandas. Apenas unhas poucas escintilacións técnicas de Larena e, sobre todo, do punta chipriota (unha agradable sorpresa) introducían algún fío polo que estirar o xogo e construír un relato cun mínimo de perigo. Na segunda parte mudou radicalmente o panorama, grazas, ao empuxe que supuxo a presenza diante dos pivotes de Diego Costa, que substituíu ao inofensivo Quincy “o bicicleteiro”. Unha xogada a balón parado, tocada co veludo preciso de Larena e peiteada con grande elegancia por Okkas, e unha contra ao límite do fóra de xogo, aínda mellor resolta, tamén, polo chipriota abondaron para pechar o marcador. Estes dous gokkazos de fermosa factura foron o mellor dun encontro que, a pesar do resultado, non resolve as dúbidas que arrastra o Celta deste comezo de tempada. Non vimos un esquema táctico definido, non vimos continuidade no debuxo das liñas (entre unha defensa caótica, que aposta máis polo pelotazo ca pola anticipación, e un medio campo sen personalidade nin capacidade de recuperación), non vimos, polo momento, capacidade de xerar ese fútbol ligado e coherente que gosta en Balaídos dende os tempos de Mazinho e Mostovoi. Mágoa, que o resultado quedase ennegrecido pola grave lesión de Borja Oubiña, na xornada na que debutaba en Anfield Road, un dos templos do fútbol mundial. Todo o noso agarimo, nestes momentos tan difíciles, para o mellor xogador galego deste século.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).