Montolieu, vila do libro
/en Cidades, Edición, Iniciativas, Librarías, Libro/por bretemasXa oíra falar algunha vez de Montolieu, a pequena vila francesa do libro e das artes gráficas, situado pretiño de Carcassone. Conta apenas 800 habitantes e porén posúe catorce librarías e un fondo dispoñible de 250.000 exemplares, ademais dun museo sobre as artes gráficas, dun muíño de papel e de diversos artesáns dedicados á impresión. Grazas ao bibliómano sei de que a revista Bibliophile dedica unha reportaxe a este auténtico almeiro do libro francés. Esta é a receita que dan en Montolieu para crear unha vila do libro. Quen podería en Galicia ter a coraxe e a audacia de acometer semellante proxecto, que a este pobiño francés lle está a proporcionar un espazo no turismo experimental? Unha experiencia interesante para mellor coñecer.
Xavier Queipo
/en Cidades, Iniciativas, Poesía, Presentacións, Xerais/por bretemasLa Voz de Galicia anuncia hoxe que Xavier Queipo formará parte dun grupo de nove poetas de todo o mundo co que Bruxelas, a cidade sede das institucións europeas, “quere lucir, fomentar e fachendear da súa multiculturalidade e da súa condición de urbe internacional, multirracial e multilingüística. Os versos de Queipo, inéditos e escritos expresamente para a ocasión xunto aos doutros oito poetas de orixe española, marroquina, camerunesa, belga e rumana, serán expostos en grandes paneis por toda a cidade, que unirá así, baixo o común denominador da poesía, o espírito de seis linguas, coas que pretende dar fe da pluralidade idiomática que a conforma”. Unha iniciativa a emular. Queipo viaxará a Galicia os días 8 e 9 de febreiro para participar en Santiago e Vigo nos actos de presentación de Dragona, a súa máis recente novela. Informaremos da obra e destes actos, onde haberá moita música, nos vindeiros días. Parabéns para Xavier!
Gaiás
/en Arquitectura, Artigos, Artigos Faro de Vigo, Cidades, Cultura/por bretemasNo artigo da semana reflexiono sobre a redefinición do complexo de Gaiás. Entendo que a decisión do Goberno Galego de continuar as obras era inevitable. Porén, o dilema que hai por diante agora é facer compatible as expectativas altas cos recursos cos que conta o país. Sen dúbida, as claves para solucionalo serán acertar no deseño dos contidos e nas formas de xestión.
Un "L" con moita miga
/en Cidades, Lingua/por bretemasUnha estratexia, que entendo, moi meditada nas súas intencións políticas arredor tanto do modelo actual de política lingüística, dos contidos sobre a lingua no novo Estatuto de Autonomía e, mesmo, influír sobre o resultado das futuras eleccións municipais.
As raíces do conflito do “L”
A polémica sobre a utilización do “L” é un conflito xurídico, xa moi reseso, provocado pola rebeldía reiterada de Francisco Vázquez e os membros do seus equipos de goberno (dos que Méndez Romeu formou parte en varios mandatos) en negarse a utilizar o único topónimo oficial recoñecido e avalado polas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (1994), do Tribunal Supremo (2000) e do Tribunal Constitucional (2002). Hai vinte e tres anos que a Lei de Normalización Lingüística (aprobada unanimemente por todos os grupos parlamentarios galegos) estableceu sen ambigüidades que en Galicia os topónimos dos municipios, núcleos de poboación e vías de comunicación interurbanas terán como única forma a galega. Unha competencia que o Estatuto de Autonomía atribúe á Xunta de Galicia de forma exclusiva e que non modificou a Lei de Modernización do Goberno Local (mal chamada “Lei de Grandes Cidades”) xa que unha norma do seu rango non pode modificar a distribución competencial realizada pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, que atribúe ao Estado a determinación dos nomes oficiais das provincias (no noso caso, lembremos que “A Coruña” e “Ourense” son as denominacións vixentes) e aos concellos o de fixar os nomes das vías urbanas.
Mal que lles pese aos membros do grupo municipal socialista da Coruña o actual ordenamento xurídico non lles atribúe competencias abondo para modificar o tópónimo da súa cidade, mais si, e se así o quixeren, para mudar os nomes de reseso avoengo franquista que aínda afean Marineda. Avenida del Alférez Provisional, Viaducto del Generalísimo, Avenida del General Sanjurjo (que no seu día reemprazou a do pedagogo Francisco Ferrer i Guardia), Plaza de Millán Astray (con estatua), General Mola (que desprazou ao nome tradicional de Perete), Juan Canalejo son algunhas das denominacións actuais que demostran que o franquismo non desapareceu do actual rueiro coruñés. Algo incomprensible nunha cidade de tradición liberal e republicana como A Coruña e que nos vinte e sete anos de corporacións democráticas nunca coñeceu un goberno municipal que se declarase como “conservador”.
O conflito do “L” e a política lingüística
Seguir cuestionando teimudamente o topónimo “A Coruña”, despois de ter perdida de forma reiterada a batalla xurídica, supón de facto rachar o consenso que os tres partidos parlamentarios acadaron no Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), o documento fundamental para volver poñer en valor a Lei de Normalización de 1983, texto normativo que establece a forma galega como a única da toponimia da comunidade e que recoñece a autoridade da RAG para cuestións léxicas e ortográficas relacionadas coa nosa lingua. Este disenso, defendido polo conselleiro da Presidencia explica porqué, despois de dezaseis meses, o PXNL non acabe de arrincar nin a nova Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) conte con todos os medios e coa enerxía política precisa para impulsalo.
As consecuencias para o bipartito
Semellante paralización do PXLN ten que provocar importantes tensións no seo do goberno bipartito. O vicepresidente e conselleiros nacionalistas deben aturar tanto a anemia normalizadora dos seus socios (que quedaron coa responsabilidade da SXPL) como as críticas constantes da MNL, feitos que indubidablemente os desgastan na súa credibilidade de compromiso coa lingua e agoiran que, se non lle poñen remedio decontado, esta lexislatura (mesmo coa súa presenza goberno) se estragou para remontar a maltreita política lingúística.
As consecuencias sobre o debate Estatutario
Esta anemia normalizadora non é a máis favorable para propiciar un debate sereno sobre os importantes cambios que debería introducir o novo Estatuto no referido á lingua: especialmente, o deber de coñecemento do galego por parte de todos os cidadáns, alén doutros referidos á toponimia e á redacción dunha carta de dereitos lingüísticos. Aspectos, na miña opinión, tan decisivos como o recoñecemento do carácter de Galicia como nación, para poder acadar un texto aceptable.
Un caneíño curto
Méndez Romeu reavivando a polémica sobre o “L” pretende realizar un caneíño en curto que seduza á bancada conservadora coruñesa (rota en dúas candidaturas e, segundo as enquisas, cunhas expectativas pésimas). Nesa bancada de “voto PP” é onde pode aspirar Losada atopar a maioría absoluta que evite ter que contar cun certo apoio do BNG de Tello.
Coda
Méndez Romeu guindou un intelixente globo sonda consciente de que a súa aparición no escenario desgastaría ao bipartito, especialmente ao BNG (algo que lle interesa), entorpecería o debate estatutario (do que tampouco é moi favorable) e paralizaría o anunciado relanzamento do PXNL. Unha carambola a tres bandas con mínimo custe político para el. Outro éxito para o grupo do PSOE coruñés. Que pensarán o presidente Touriño e o embaixador vaticano?
Gústame A Coruña
/en Cidades/por bretemasPecha a libraría Colón da Coruña
/en Cidades, Librarías/por bretemasPropoño que, cada vez que peche unha libraría nas nosas cidades ou vilas, sexa denunciado nos nosos blogs coa intención de confeccionar un mapa de librarías da memoria. Será un xeito de tributarlles a homenaxe que merecen.
Sen coches
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Cidades/por bretemasCartaces de Bruxelas
/en Cidades/por bretemasDas trescentas fotos que tirei, escollín para non caer nos tópicos belgas (Tintin, Magritte, gaufres e Godiva, que tamén exploramos con teimosía), as destes tres cartaces pillados na rúa: o da editorial de Jacques Brel, o da cervexa Celta e o da estrea da primeira película de Jason Reitman. Nese pequeno país (pareceume moi conservador e ríxido) de comedores de patacas e bebedores de cervexa había moito no que fixarse.
Zagat
/en Cidades/por bretemasNY é todo un bazar, onde se pode mercar case calquera cousa. O maior perigo do turista (non renego desa denominación) é transformar o seu paseo nunha interminable xornada de visitas a todo tipo de tendas. Dende as máis exclusivas da Quinta e da Madison (preto de Central Park) ás elegantísimas do Soho ou do Greenwich Village, o comercio é a primeira actividade económica da cidade. O prezo asequible para nós dalgúns produtos, sobre todo da roupa (con formidables rebaixas de ata o 70%), e a magnífica arquitectura interior dalgúns establecementos (ollo!: o aire acondicionado está tan alto que podemos pillar un arrefriado) son dous alicientes máis para anestesiarnos saíndo e entrando en porta si e porta tamén.
Unha boa guía para non perder moito tempo é seguir os indicativos ZAGAT Survey, que tamén axudan para atopar restaurantes e outros servizos de hostelería. A Time out e a Where (as dúas impresas en papel e na rede) son outras axudas bastante fiables nesta tarefa de economía da atención. Con todo, é inevitable (e recomendable) entrar a botar unha ollada por Macys e polo Apple Store (experiencia ineludible para os que somos maceiros). Ademais das tendas, en NY hai magníficos mercados populares onde mercar todo tipo de trapalladas ou tomar unha masaxe antiestres; non hai que perder o longuísimo da Avenida Madison (os domingos ao mediodía) e o de Union Square (os sábados pola mañá).
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Proa +11 de Setembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Santa María de Castrelos10 de Setembro de 2024 - 9:54 a.m.
- Lei de Medios Públicos4 de Setembro de 2024 - 6:08 p.m.
- Campo de Granada 25 anos3 de Setembro de 2024 - 2:33 p.m.
- Máis concertado28 de Agosto de 2024 - 10:23 a.m.