Crónica de Dijon
/en Cidades/por bretemasBaixo a proposta de reflexionar sobre a Galicia do século XX, o Centre d’ Etudes et de Recherches Hispaniques du XXème siècle HISPANISTICA XX, coa colaboración do Instituto Cervantes de Lyon, convocou a máis de trinta persoas para falar sobre a cultura e identidades galegas. Unha iniciativa suxestiva dun grupo numeroso de hispanistas franceses e moi de agradecerlles nesa difícil tarefa de darnos a coñecer e desmontar tantos prexuízos que hai sobre nós. Houbo intervencións moi boas e clarificadoras (Vázquez Sola, Patiño, Benoit Mitaine) e outras que cairon no tópico extendido (desgrazadamente) de que a literatura galega se reduce a figuras como Cela, Torrente, Cunqueiro ou Valle Inclán (foron as que centraron o maior número de intervencións).
Se algo me quedou claron tras esta viaxe é a necesidade de elaborar unha estratexia compartida de país para proxectar no exterior a nosa cultura, arte, lingua, literatura e edición. Temos aquí unha febleza e, ao tempo, unha oportunidade que non podemos desaproveitar en tempos de cambio. É moi desmoralizador escoitar falar durante dous días de “literaturas rexionais”, de “bucles melancólicos”, de “cidades inmersas na néboa”, de “folcore e identidade” e doutras trapalladas identitarias polo estilo. Moito temos que traballar, e de forma intelixente e atractiva, para desmontar estes tópicos que aínda manexa a xente máis interesada por Galicia. Para os que non teñen noticias ningunhas nosas (a maioría do entorno académico e do mundo editorial internacional) haberá que artellar unha estratexia de presentación e difusión diferente. Nun caso como noutro, aposto por situar o noso discurso internacional non no das culturas minorizadas, se non no das culturas europeas de dimensións semellantes á nosa (danesa, finesa, eslovena…). Esa é a vía que tan bos resultados está proporcionando a Cataluña. Non estaría de máis que intentásemos ensaiala.
Produtores de odio
/en Cidades, Política/por bretemasAvenida Castellana, 31 de outubro de 2005
Os produtores de odio traballan a eito nalgunhas zonas céntricas de Madrid. Afortunadamente estes carteis insidiosos son combatidos por outros madrileños demócratas e solidarios. Cara ónde quere levarnos esta dereita española irresponsable e mentirosa?
Fronte estes produtores de odio ofrezo os versos de Manuel Rivas:
Madrid de outono, / capital mesterosa dun imperio / de colleiteiros de follaxe.
Libros á rúa
/en Cidades, Libro, Promoción do libro/por bretemasSabía desta veterana campaña Libros a la calle promovida por editores e libreiros madrileños (dende hai oito anos), e apoiada por empresas de transportes públicos e administracións da Comunidade e Concello de Madrid. A presenza e a calidade da de 2004 é mellor do que agardaba: en cada vagón do metro ou en cada autobús aparecen pegadas páxinas ilustradas (tamaño A-4) de diferentes fragmentos literarios de máis dunha decena de autores. “Non te quedes na primeira páxina“, “Ler fainos felices (e máis libres)“, “Ningún día sen poesía” son reclamos para achegar a lectura aos usuarios do transporte público, que no seu traxecto poden ler anacos de textos de Ángel González, Galeano, Luis Mateo Díez ou Ignacio Martínez de Pisón, entre outros autores. Son consciente das limitacións destas campañas publicitarias, só unha pequena parte dos Plans de Promoción da Lectura; porén, creo que son imprescindibles para visibilizar o libro na sociedade e para desmontar o prexuízo de que a lectura é unha actividade que require espazos especializados. Sen dúbida, non hai lugares mellores que outros para ler; cada cidadán debe poder exercer o seu dereito á lectura onde mellor considere (no metro, no autobús, no parque, no café…).
Teño insistido en que este tipo de campañas de promoción popular da lectura deberían ser emuladas en Galicia. O seu custe non é moi elevado, a implicación das empresas privadas e das administracións públicas sería un modelo que proporcionaría prestixio ao libro galego, e, por riba, a repercusión social sería, seguramente, moito máis grande da agardada. Libros galegos á rúa.
Eloxio da cadeira
/en Cidades, Teatro/por bretemasOnte, domingo, inevitablemente, ruamos polo rastro entre milleiros de persoas. Había moitos anos que non o facía e pareceume que perdeu un chisco do seu sabor tradicional, transformándose nun hipermercadiño de roupa, semellante aos nosos de Bouzas ou Sabarís.
Despois fomos coñecer a colección de Carmencita e a permanente do seu barón, dúas sínteses (de calidade ben diferentes) da historia da pintura europea, que sempre pagan a pena contemplar. Deste museo coqueto, gosto moito da colección de retratos de finais do século XVI.
Antes de entrar no teatro, descansamos na cafetería do Círculo, outro dos nosos lugares preferidos, que abraia pola súa intensa actividade cultural. Mágoa que non puidésemos coincidir co Salón Internacional do Libro Teatral, que se abrirá dentro de tres días.
Tricicle non nos decepcionou. Pasámolo de medo. Sit, montaxe arriscada que perderamos cando estivera en Vigo, amosa como o humor é a intelixencia destilada na cotidianidade. A historia da cadeira serve para reconstruír as limitacións da humanidade, enfrontada cos seus medos e carencias (os mesmos do público que, antes do inicio da función, intenta montar con enormes dificultades a cadeira-programa de cartolina). Tricicle sorprende durante dúas horas. O espectáculo non acaba ata que o espectador está na rúa gozando da derradeira gargallada. Daquela decátase que en Madrid tamén chove a trebóns.
Madrid bole
/en Cidades/por bretemas Estamos en Madrid de fin de semana cultural. Pretendiamos visitar uns cantos museos e exposicións, asistir a un teatro musical e á nova montaxe do Tricicle. O primeiro día xa foi agotador. Dedicamos a mañá ao Prado, un museo no que sempre se descubre algo novo. Desta volta, quedamos moi impresionados coa profética modernidade, anticipatoria, do último Goya das pinturas negras. Ao mediodía cumprimos co rito de xantar en Casa Alberto, un local de sabor moi “taurino”, situado preto da praza de Santa Ana, que sabemos frecuentan adoito algún dos nosos deputados nacionalistas (alí paga a pena pedir o entrecote de boi, excelente). Despois rebuscamos durante un par de horas no hipermercado cultural, onde sempre se atopa algo descoñecido, sobre todo, na sección de DVD e de literatura en inglés, cunha oferta que nada ten que ver coa que atopamos en Galicia. E rematamos o día no teatro botando derreados.
Madrid é un bulebule moi riquiño. Nada que ver coa imaxe antipática á que nos teñen afeitos os produtores de odio e de medo. Sempre gosto desta cidade acolledora, onde hai moito para ver e para vivir.
País da esperanza
/en Cidades/por bretemasViaxe a Berlanga
/en Cidades/por bretemas
Acompañei a Antón ata Berlanga de Duero. Fixemos mil trescentos quilómetros en pouco máis de vinte e a catro horas para visitar o Centro da Memoria da Cultura Escolar que están montando o catedrático Agustín Escolano e a súa compañeira a profesora Puri Lahoz.
Este vai ser o máis importante museo existente en España sobre manuais escolares non universitarios (aproveitamos a viaxe para achegar varios centos de pezas en galego). Folleamos algúns libros memorables, o que nos produciu unha grande emoción.
Este centro, instalado nunha magnífica casona do século XVI, declarada monumento nacional, pretende constituírse nun centro de documentación audiovisual de referencia internacional sobre a memoria escolar, tanto de docentes como de escolares. Un proxecto moi interesante, que agardamos reciba todos os apoios que merece tamaña proeza.
Na viaxe comprobamos o estado desolador do Monterrei queimado (as lapas chegaron ata a autovía, que semella serviu de cortalumes), que constrataba coas paisaxes luminosas da Ribera, pouco antes da vendima. Coñecimos, tamén fugazmente, San Baudilio (polos seus frescos románicos, chamada a capela sixtina castelá) e, á noitiña, ruamos pola vila de Frei Tomás de Berlanga, o descubridor das illas Galápagos. Non se pode pedir máis para tan pouco tempo.
Librarías soterradas
/en Cidades, Librarías/por bretemasVin poucas librarías independentes (xeralmente técnicas e universitarias), sendo as cadeas como Feltrinelli e Mel books (espazos amplos, cómodos, surtidísimos e, xeralmente, con cafetaría) as que levan o peso do negocio. En case todas elas véndense tamén discos (máis caros que en España, vinte euros os lanzamentos e trece nas series medias). Nas librarías italianas son habituais as promocións, empregando outros produtos como reclamo para a venda de libros.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Parteiras2 de Outubro de 2024 - 11:38 a.m.
- Porteiro pioneira1 de Outubro de 2024 - 11:37 a.m.
- Aspas ao rescate1 de Outubro de 2024 - 11:29 a.m.
- 500 con Aspas28 de Setembro de 2024 - 9:46 a.m.
- Economía e letras25 de Setembro de 2024 - 10:32 a.m.