Google maps e os blogs

Google maps acaba de introducir a posibilidade de que as súas buscas poidan ser publicadas nos blogs. Premendo en “establecer unha ligazón con esta páxina” aparece unha ventá, na que aconsello escoller a opción “personalizar e visualizar previamente o mapa que se inclúe”. Alí podemos escoller tamaño e copiar o código html para pegar na nosa anotación. Desde o blog poden utilizarse todas as utilidades e mesmo enlazar co mapa ampliado; así, as posibilidades de emprego didáctico, aumentan considerablemente. Eis a busca da miña oficina.

Visualizar o mapa ampliado

O blog de Fidel Castro

Até hoxe non sabía da existencia deste espazo na edición electrónica de Granma, que constitúe o que poderíamos chamar o blog do comandante Fidel Castro (a entrada máis recente é do 27 de xullo). Falando de Fidel non está de máis anunciar que estamos preparando a tradución do seu libro de conversas con Ignacio Ramonet que pretendemos presentar no vindeiro mes de xaneiro na Habana coincidindo coa Feira do libro na que Galicia será o país convidado.
Etiquetas:

A contrafío

Visitei ao longo de toda esta semana este novo blog de política nacionalista. Recoméndoo: anotacións moi ben escritas, rigorosamente documentadas e arriscando opinións nacionalistas fóra do marco do politicamente correcto (as anotacións sobre a saída da Volta a España e sobre a composición do goberno municipal de Vigo son dous bos exemplos). Saudable tamén é a volta a actividade, tras un pequeno descanso, dos blogs de Ian e do Funambulista coxo (magnífica a súa anotación sobre Terrorista de Updike e a pintura de Antonio López)

Etiquetas:

12 indicacións para favorecer o hábito lector

Vía Hora de ler, o blog da campaña Hora de ler da Asesoría de Bibliotecas Escolares, coñezo estas doce indicacións para promover o hábito lector de inequívoco sabor brasileiro (o blog de Alessandro Martins é outra descuberta que moito aconsello). Entre todas elas, escollo estas que fan referencia á lectura nos soportes electronicos (dunha anotación toda ela moi útil e suxestiva):

Etiquetas:

Os blogs na escola

Moi recomendable este número de Vieiros na escola sobre o uso educativo dos blogs. Coa implantación da nova reforma curricular e a necesidade do desenvolvmento da competencia dixital, producirase o estoupido do fenómeno dos blogs escolares. Unha boa oportunidade para reflexionar sobre a utilidade do soporte e o traballo sobre a literacidade electrónica e crítica da que tantas veces temos aquí falado.

Etiquetas: Edublogs

Blog das bibliotecas escolares

Botou andar o blog da asesoría de bibliotecas escolares. Pode atoparse moita información, recursos e enlaces a blogs de bibliotecas escolares e outros espazos relacionados coa lectura. Un punto de referencia. Recoméndoo vivamente.

Máis blogs sobre edición

Vía Leroy actualizo o meu listado de blogs sobre edición: Editado (un veterano espazo para seguir o mundo editorial arxentino), Introducción al mundo de la edición (unha ferramenta de traballo do módulo de “Introdución ao mundo editorial” do posgrao da UOC de edición dixital), Planos de puentes y túneles (sobre edición e novas tecnoloxías, recomendo as súas anotacións sobre webnovelas, videolectures e teacher tube), La estrella que fa l’ ullet, Los futuros del libro (o completísimo blog de Joaquín Rodríguez). Todos proporcionan información ben interesante. Afortunadamente vaise conformando unha rede de blogs de calidade sobre o mundo do libro e da lectura. Seguirémolos.

Etiquetas:

David Rodríguez premiado

O noso admirado David Rodríguez resultou gañador absoluto da Iª edición do premio de teatro radiofónico convocado pola Radio Galega pola súa obra O bambám. A obra de David resultou vencedora tanto para a audiencia como para o xurado que destacou, segundo a noticia publicada por Vieiros, “a limpeza e a claridade expresiva da obra gañadora, a aposta polo teatro conversacional e a creación dunha atmosfera densa e fluída á vez”.
Os medios literarios e teatrais compostelanos quedaron pampos coa noticia (David é un perfecto descoñecido para eles), mais para os que acreditamos, dende hai tempo, no talento literario formidable de David, a noticia non é máis ca un xusto recoñecemento que tiña que chegar. Bo será que se repasen, agora, algunhas anotacións do seu blog, o funambulista coxo, e comprobarán que non esaxero unha miga. Outro autor que emerxe da xeración blog?
A edición do texto gañador e do resto das obras finalistas témola moi adiantada na editorial. Aparecerá nun volume xunto a un cedé coas gravacións emitidas pola Radio Galega. Creo que será unha publicación moi interesante. Hoxe, beizóns para O Fuco. Un refacho de aire puro para a nosa literatura.

Xelís de Toro

Xelís de Toro, un dos nosos narradores máis orixinais, mantén dous espazos na rede que reomendo non perder: o SEN (Sindicato do Escritor Nervioso) e o espazo laboratoro. Alí poden lerse artigos, contos e textos inéditos, poemas para nenos e cinco poemas sonoros. Xelís traballa dende hai anos en Inglaterra como editor free lance internacional, o que non lle impide continuar escribindo na nosa lingua. Dentro duns poucos meses publicaremos unha edición actualizada e revisada de Seis cordas e un corazón, a súa primeira novela asinada co alcuño de Roque Morteiro. Un autor a revisitar.

Etiquetas: