Poesía contra a ignorancia

Hoxe, 17 de maio de 2008, data na que homenaxeamos a don Xosé María Álvarez Blázquez, poeta resistente e editor popular galego do Moucho, continuando a iniciativa dos Blogues pola lingua, reproducimos o poema “Deitado fronte ó mar”, de Longa noite de pedra do seu amigo o poeta Celso Emilio Ferreiro.

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

Blogues polas lingua

Adherímonos á rede de Blogues pola lingua e ao contido do seu manifesto. Neste momento xa hai máis de oitenta adhesións. Animo a tecer esta rede de traballo compartido en defensa da lingua de todos e todas.

Xerais blog

Dende hai unha semana estamos desenvolvendo unha versión beta do primeiro blog da editorial. A nosa intención é utilizalo como soporte de comunicación de noticias, presentacións e novidades e de participación dos lectores e lectoras. Pretendemos, ademais, utilizar algunhas das utilidades que nos proporciona a ferramenta para publicar algúns monográficos. Unha vez consolidado e mellorado este primeiro modelo, queremos abrir outros blogs especializados no ámbito educativo e de fomento de lectura. Cremos que esta rede de blogs debe ser o eixo da nosa comunicación editorial na rede.

Etiquetas:

Os filmes de Agustín

Beizóns a Martin Pawley que cumpre os seus cinco primeiros anos de mestre blogueiro. Agasállanos cunha nova sección “Os filmes de…”, comezando cos do mestre Agustín. Hoxe, pois, todos somos dobremente afortunados.

Sendeiro rural de Galicia

Paco Armada acaba de abrir un blog dedicado ao GR.94, o sendeiro rural de Galicia, homologado pola Federación Galega de Montañismo. Seguindo este vieiro para camiñantes, perfectamente sinalizado, pódese chegar de Vigo a Compostela sen pisar o asfalto. Recomendo a visita a este novo espazo web, onde Armada pretende ir informando sobre os contidos do libro de título homónimo que acabamos de poñer nas librarías. Armada acomete agora outro dos seus proxectos máis queridos: a rota do Miño, dende A Pastoriza á Guarda.

Etiquetas:

Blog da sección de Crítica da AELG

A sección de Crítica da AELG animouse a abrir un blog. A súa primeira anotación sae ao paso das manifestacións do académico Franco Grande. Recollo un parágrafo ben significativo do seu contido:

“Na súa opinión a crítica literaria galega debería contar cos atributos de ser orientativa e non pedante, no caso de que ela existise, pois a súa mesma existencia é posta en dúbida. O sr. Franco Grande, daquela, non infravalora senón que denigra, invisibiliza e despreza o traballo de interpretación crítico e valorativo daqueles que a exercemos, con maior ou peor fortuna, e sempre coa máxima honradez intelectual.”

Benvida sexa na polémica a opinión dos críticos, unha peza clave no funcionamento da nosa literatura e sector editorial. Beizóns para eles e moito pulo para tecer a rede dende este blog colectivo.


Terceiro aniversario

Hoxe estas brétemas cumpren o seu terceiro aniversario. Dende aquela primeira anotación inocente e temerosa (paréceme agora) levamos publicadas outras 1.727 (590 noventa neste terceiro ano), un ritmo moi semellante aos dous anos anteriores. O blog medrou nas súas preocupacións temáticas, exploramos algúns camiños novos, aínda que no fundamental seguimos fieis ao interese pola lectura galega, concibida como ferramenta para comprender a cultura textual contemporánea, e ao fío do meu traballo cotián (quizais o principal argumento do relato) e das miñas preocupacións como editor en lingua galega. Non podemos queixarnos, tampouco, polas nosas visitas (unha media de tres mil por semana), 210.000 desque en setembro de 2006 colocamos un contador, aínda que o número de comentarios (uns oito mil dende o inicio) diminuíu este ano de forma notable (unha tendencia que observamos na maioría dos blogs). A principal novidade foi o inicio da nosa colaboración na rede social multilingüe de Blogs e libros, un dos camiños que me parecen máis colaborativos de cara un futuro que sei virá preñado de moitas mudanzas neste soporte comunicacional de identidades individuais. Agradezo moi sinceramente e coa maior humildade a lectura e os comentarios de todas aquelas persoas que se achegan a estas brétemas, beizóns para todas elas. Seguiremos navegando sempre que teñamos vento abondo nas velas.