Suso de Toro dá voz aos verdugos
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasEntrevista a Agustín Fernández Paz
/en Autores, Entrevistas, Literatura infantil e xuvenil/por bretemasRabudo fíxolle unha interesante entrevista a Agustín Fernández Paz, quen acaba de publicar Corredores de sombra, un thriller moral de lectura engaiolante. Agustín ofrece aos lectores, seguramente, a súa novela máis traballada e conseguida, con moitos niveis de lectura, momentos de gran tensión e unha proposta de reflexión complexa. A indagación sobre a orixe dun crime leva á xove protagonista a esculcar no seu pasado familiar, determinado polos acontecementos da represión nos días do Alzamento, e a modificar, dende entón, o seu xeito de encarar a vida. Esta novela memorable, que recomendo vivamente, semella pechar a súa triloxía da memoria, formada ademais por “As sombras do faro“, Noite de voraces sombras.
Corredores de sombras será axiña publicada en castelán, formando parte , con outras tres novelas, da BIBLIOTECA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. Todo un orgullo para a nosa literatura.
Benvido, Oulego!
/en Autores, Blogs/por bretemasOutra importante incorporación ao blogomillo (que enlazamos xa a pasada semana) é a de Oulego. O escritor caurelao, residente en Madrid, adianta no blo os primeiros parágrafos da prometida segunda parte d’ O brindo de ouro. O autor de Fonte de esperante, un dos mellores libros de relatos publicados o pasado ano, vén publicado no blo uns microrrelatos estremecedores e de beleza desbordada. Recomendo moi vivamente engadilo aos enlaces preferidos.
Botelha ao mar
/en Autores, Blogs/por bretemasOnte antes de comezar a presentación, Suso contoume a súa alegría pola volta á rede das súas Botelhas ao mar. Perdidas nun servidor foron recuperadas por un xeneroso e hábil lector que publicou sete delas en forma de blog. En realidade, estes textos, moi interesantes, constitúen un dos nosos antecedentes de prosa electrónica (publicábanse mensualmente) e a súa recuperación demostra que unha das funcións do formato blog é a de arquivo. A boa noticia das botelhas coincidiu, tamé, co peche das probas de Home sen nome, a novela (case catrocentas páxinas) que aparecerá na primeira semana de maio nas librarías galegas. Falaremos dela estes días, unha vez que traballemos os paratextos.
Entrevista con Carme Blanco
/en Autores, Entrevistas/por bretemasTras a presentación de Sexo e lugar, Vieiros realizou unha longa entrevista a Carme Blanco. Das respostas da escritora de Unión Libre saliento estas que me pareceron de maior interese:
- Este é un libro de liberación, para homes e mulleres, para derrubar o poder sexual e colonial e vivir libre a experiencia do sexo e do lugar. Fala do poder, da arte e da literatura en xeral: hai que encamiñar a ciencia, a creación e o pensamento á liberación. É necesario nos tempos nos que vivimos…
- No tempo da paridade política, temos que decatarnos de que o poder patriarcal pervive máis alá: a violencia de xénero coa que convivimos a diario, aquí ou en El Salvador, os prexuízos, seguen a ser pedras que pesan sobre nós. A política do politicamente correcto está ben na forma, pero trátase de ir ao fondo, ás mentalidades. Os prexuízos impiden a vivencia libre do sexo e a da galeguidade: colonialismo e patriarcado van unidos. A estas alturas está desintegrado o átomo, pero aínda quedan as pedras… Por iso os ensaios están enfocados cara á liberdade, para vivirmos o sexo e vivirmos o lugar sen represións. Para eses praceres está escrito este libro.
- O libro ten a consistencia, a permanencia, pero a Rede ten a inmediatez e a accesibilidade…
- Sempre é necesaria esa revisión crítica que inaugurou María Xosé Queizán con Pondal. Mais é importante coñecer a historia da galeguidade, porque Pondal tamén tiña elementos filóxinos: a creación de grandes mulleres, poderosas guerreiras, poetas, bardesas, cazadoras… Ao lado, porén, atopamos cousas coma unha loa da violación. Temos que ser quen de ver as cousas con obxectividade. Non temos porque deixar de ler a grandes figuras, pero temos que aprender a miralas con ollos libres. Eu quixen abordar as luces e as sombras dos autores, desmontar os prexuízos, ler entre liñas a Pondal ou Leiras, nos episodios “Amores” e “Praceres e poderes.” E hai que salientar que a época tampouco disculpa certas mentalidades: Rosalía e Murguía viviron na mesma época e foron parella, e ela era enormemente crítica co poder sexual, mentres el era un conservador e patriarca…
Entrevista Teresa Moure
/en Autores, Entrevistas/por bretemasRecomendo a lectura da completísima entrevista que Vieiros publica con Teresa Moure. Entre outras, tomei nota das seguintes afirmacións que entendo moi interesantes:
- A muller na literatura engade o seu punto de vista alternativo.
- Escribo para darme pracer. Chamáronme do Consello da Cultura Galega para falar sobre os premios, e fun alí a dicir que qué é iso de que os escritores teñen que ser máis importantes na sociedade ou son os electricistas máis importantes por facer o seu traballo. Hai neuroses que teñen que saír de dentro e coa escrita é máis doado. Escribo porque me gusta.
- O normal é falar moitas linguas pero non con corrección absoluta.
- Eu son unha feminista que non fai explotación da muller pola muller. Antes de vir á entrevista fixen unha hora de limpeza, tocaba fregar as escaleiras. Algo que non soporto das feministas da igualdade é que teñen grandes postos de traballo e servizo doméstico. Aínda sendo unha cirurxiá que non pode levar os fillos á escola porque ten que operar non acepto que lle pague a outra muller para que llos leve. E quen leva os fillos desa outra muller á escola? Coido que é moi importante a ética dos coidados e compartir responsabilidades. As baixas por maternidade para homes son unha falacia. Que é iso de que teñen o mesmo dereito que a nai? Quen pariu é a muller. Quen ten que repoñerse e aprender a querer ao fillo, e aceptalo é a nai.
Sempre Rosalía
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Autores/por bretemasNo artigo da semana e con motivo da celebración oficial, por vez primeira, do aniversario do nacemento de Rosalía, abordo as relacións da musa dos pobos coa cidade de Vigo.
Volve o detective Dopico
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemas Sei que os moitos seguidores de Diego Ameixeiras agradecerán coñecer a noticia de que hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares d’ O cidadán do mes, a súa segunda novela. Horacio Dopico, o detective máis canalla da literatura galega, desta volta enleouse cun caso onde nin a dobre moral nin a corrupción son patrimonio exclusivo da clase política.
Estará nos andeis das librarías a vindeira semana.
Agustín, escritor do mes
/en Autores/por bretemas- Sempre digo que se os meus libros para mozos, se non poden ser lidos por adultos con interese, entón é que non valen a pena.
- Os grandes libros de todos os escritores acaban sendo recomendacións para os lectores novos, aínda que cando foron escritores non tiveran esa intención.
- Os prexuízos sobre a literatura galega son os mesmos da lingua. Empréganse os mesmos criterios para tratar á literatura que para tratar á lingua, se a lingua galega é segunda lingua, a literatura galega só pode ser segunda literatura.
- En Galicia facíanos falta un John Berger que reivindicase o rural.
- Creo que ao sistema educativo que temos lle falta unha maduración porque segue tendo o esquema da educación pechada, sen en ter en conta a individualidade dos rapaces á hora de educalos.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.
- Lar20 de Novembro de 2024 - 10:22 a.m.
- Festa do cabazo19 de Novembro de 2024 - 9:45 a.m.
- Pregón da festa do cabazo17 de Novembro de 2024 - 9:02 p.m.