Volve Luís Rei Núñez

Entrou en impresión a nova obra de Luís Rei Núñez, un dos nosos mellores novelistas actuais. Eis o texto de contracuberta que preparamos para presentala:

Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos tarambainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os candorosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

O señor Lugrís e a negra sombra estará nas librarías na terceira semana do mes de setembro. A edición en castelán será publicada por Ediciones del Viento.

Etiquetas:

"L' affiche rouge"



Onte presentamos L’affiche rouge, a primeira novela de Mario Regueira na terceira xornada da Feira do libro da Coruña. A intervención da profesora María do Cebreiro e o miniconcerto de Leo de Matamá (algó insólito na Feira) centraron un acto onde o autor ártabro foi moi arroupado polos seus compañeiros de xeración. Na miña intervención non puiden evitar recordar que a lectura desta cousa bonita produciume un estremecemento semellante ao que sufrín hai vinte e cinco anos cando o fixen con Dos anxos e dos mortos (conmemoramos o trinta aniversario da súa edición en Castrelos) de Anxo Rei Ballesteros.
A novela de Mario, como sucedeu coa de Anxo, está chamada a abrir un tempo literario novo na narrativa galega. “O que soñamos hai que conquistalo, hai que loitalo”, comenta Xulio, un dos protagonistas da novela, no seu derradeiro diálogo, para deitar unha fenda de esperanza para unha novela que propón un diálogo interxeracional arredor dos mitos que constrúen a nación.
Unha novela que recomendo moi vivamente e da que agardamos impacientes a aparición das primeiras reseñas e valoracións.

O vídeo recolle a interpretación de Leo Ferré da canción homónima á novela, sobre texto de Louis Aragon.

Actualización (15-08-2007): Recomendo a visita a diversos blogs que fixeron crónicas sobre a presentación:

  • Ghanito (grande reportaxe fotográfica).
  • Zerovacas (propón un interesante debate sobre a “cuestión xeracional”)
  • Mario (as reflexións do propio autor).

"Terrorista", unha literatura atrevida

Agradécense moito críticas como as que Mar Pichel publica en Galicia hoxe sobre Terrorista, a novela que traducimos de John Updike. Sempre crin que a novela é importante e a tradución de Lara Domínguez para o galego excelente. Agardo que comece a ir desvelándose devagariño entre o público que procura textos de altura.

Etiquetas:

"Trece badaladas" en braille

Onte, ao remate do pregón da Feira do Libro, o delegado provincial da ONCE da Coruña entregou a Suso de Toro un exemplar da edición de Trece badaladas en braille. Esta é unha noticia significativa que amosa o compromiso da ONCE en continuar co seu compromiso de verquer á linguaxe braille unha parte significativa do corpus da actual literatura galega para que poida ser gozado e utilizado por persoas con deficiencias visuais. Este é un proceso iniciado xa hai anos, con enorme discreción, que merece ser recoñecido e necesita ser impulsado.
Etiquetas:

O pregón de Suso de Toro

Co pregón de Suso de Toro comeza hoxe a Feira do Libro da Coruña. Recollemos unha boa parte do interesantísimo texto do autor de Home sen nome no referido ao libro, a lectura e as bibliotecas públicas:

“O libro […] ten ese carácter case personal, o lector le no libro e dialoga con el. Se non gusta del déixao quedar arrombado, se lle reina mergúllase nel e disfruta, outras veces, párase e discute con el, nega o que di ou para a pensalo, a discutilo. O diálogo entre quen escribe e quen le a través dun libro é un diálogo democrático. Baséase na liberdade do lector sempre, se o lector non gusta do libro o libro será unha máquina que non funcione, que non consiga comunicar aquilo que o autor pretendeu.
O libro é unha máquina moi fráxil pois esa comunicación é delicadísima. Todo o humano é delicado, fráxil, pois somos unha marabillosa máquina caída das estrelas e feita de carne.
Mais sendo fráxil o libro é poderosísismo: As transformacións da nosa civilización nos últimos cincocentos anos foron posibeis grazas ao libro.
O libro era o lugar onde vivía o texto escrito. Hoxe ocorreu unha transformación, o texto xa non vive exclusivamente no libro, está tamén, e sobre todo, nas pantallas. Non debemos ver isto como algo malo, pois a Rede, Internet, permite que todos leamos e tamén escribamos texto. Internet permítenos a todos enviar mensaxes, non só recibilos. Ten un aspecto democrático indudábel.
Mais se as pantallas se fan exclusivas liquidarán ao libro. E o libro é o que crea individuos. A lectura é un acto solitario, un acto individual, individualizador. Lendo estamos sós. Mais non estamos incomunicados, estamos dialogando cun autor, cun texto. Un texto que moitas veces é producto de moitas persoas, de tradicións colectivas, é un diálogo con outro, con moitos outros.
E estando sós, lendo, estamos a soas con alguén importantísimo, nós propios. A soas con un mesmo. A lectura é a ximnasia do “eu”, da identidade personal. Os medios estimulan o noso abandono, buscan fascinarnos, que abramos os ouvidos, os ollos, a boca… A nosa entrega total, quere que nos disolvamos, que deixemos de ser. A lectura en cambio é esixente, quere que sexamos, que esteamos aí, máis ou menos atentos. Lendo entramos no texto mais nunca é un labirinto do que non poidamos saír, sempre hai un camiño de volta e sempre mantemos a conciencia. A lectura respecta á nosa intelixencia e integridade, e lendo respectámonos.
A lectura individual, a lectura personal, o libro, é o grande invento moderno e, á súa vez, a lectura é a inventora da modernidade, do individudo ilustrado e con criterio propio. O individuo que cre na persoa, o que esixe respecto para as persoas, para si propio, para os demais. A lectura, e o libro, evolucione como evolucione, seguirá a ser o alimento dos individuos con sentido da dignidade personal. O alimento dos cidadáns.
E si, o libro, como as estradas, os portos e aeroportos, o alumado, a sanidade ou a escola pública, precisa apoio. Un apoio democrático, claro. Sen populismos.
E a garantía de que vai seguir habendo libros ao alcance do cidadán foi, é e seguirá a ser a biblioteca pública e mais o libreiro. Non se trata de regalar ou tirar cos libros, trátase de que, nunha sociedade no que hai diñeiro para consumir a eito, os cidadáns, que previamente adquiriron a capacidade e mais o hábito de ler na escola, teñan perto de onde viven unha biblioteca e mais unha librería na que encontren alimento para a súa cidadanía: libros.
Falei de feiras, reclamándoas como a fonte da democracia, e falei de libros, que son os que forman individuos libres, cidadáns. Os protocolos dun pregón da feira do libro aconsellan tamén que se cite a localidade que acolle a feira dun modo encomiástico. A min non se me ocorre máis que dicir que das feiras da Galiza esta feira da Coruña é onde máis libros se venden. Contra a visión tópica das cousas, eu considero que é un grande mérito cívico.”
Etiquetas:

Memoria de poeta

Moito teño lido e gozado nestes días coa lectura das case cincocentas páxinas de Memoria de poeta, o libro autobiográfico de Xosé María Álvarez Cáccamo. Quedei engaiolado con estas primeiras memorias de Pepe que, como xa fixera Antón Baamonde (ben é certo que con outro rexistro), quedan a medio camiño entre o percorrido autobiográfico e a proposta ensaística. O autor ofrece unha voz sólida, agarimeira e sensible, chea de matices e con escasa impostura, que permite ao lector realizar unha viaxe tanto polo periplo humano e literario do poeta, como da xínea e da xeración literaria ás que pertence. A relación co pai e co grupo familiar, a conformación das amizades e do grupo literario dos poetas dos oitenta, a reflexión poética, educativa, artística ou sociolingüística, a crónica recente da “vida que comeza” (fermosa metáfora do tempo presente), a enerxía do amor ou a conciencia patriótica son algúns dos temas abordados por Cáccamo cunha naturalidade e sinceridade sobrecolledora. Un libro que non dubido en recomendar moi vivamente.

Novos abismos

Unha das responsabilidades principais dos editores literarios é contribuír á aparición de textos de novos autores e autoras. Este é o sentido da serie Abismos que vimos publicando dende hai varios anos, onde debutaron, entre outros, narradores como Xesús Fraga, Samuel Solleiro, Mario Regueira ou Begoña Paz. Nestes días estamos a piques de recibir no almacén dúas novas entregas de Abismos: a primeira novela de Antía Nara (1974) Aquel lugar e o libro de microrrelatos Vidas post-it cos que debuta Iolanda Zúñiga (1975).
En Aquel lugar, unha muller emprende unha viaxe a Lahore, Paquistán, unha cidade de encontro convertida agora nun lugar inseguro porque se pensa que alí se agachan destacados terroristas. En certa medida, Paquistán é un país á deriva, perdido na procura da súa identidade; un país de terras profundas onde a vida, para unha moza como Talat, non é doada. Pero, lonxe, en Galicia, hai outra terra profunda semellante á de al-Luaira. É o punto de procedencia dunha moza que decide a viaxe como un xeito de liberación, pero que atopa o mesmo. Nesta novela, o debut literario de Antía Nara, mestúrase a violencia xeral coa particular, a tradición coa modernidade, o profundo coa superficialidade, a simplificación coa complexidade de dous mundos deixados á marxe. Polo momento, a viaxe queda como a única saída.
Contemporáneos e fragmentarios, os de Vidas post-it son microrrelatos ou relatos curtos, concisos e veloces, que alimentan un recetario de tropezos na vida. Unha tras outra, predominan as situacións cotiás guiadas por condimentos universais: incomunicación, soidade, desamor, abismo, sexo, rutina, violencia, melancolía, drogas, medo e outras miserias que murchan, afogan e desesperan; todo adobado coa fugacidade, precisión e brutalidade da vida sen decorados. Os post-it deste libro de Iolanda Zúñiga, escrito cunha prosa directa e rotunda, atractiva e imantada, son deseños veloces coma tráilers de películas que debuxan vidas marcadas polo naufraxio persoal ou colectivo, afondando no recuncho máis escuro e brutal da propia vida.

Aquel lugar e Vidas post-it estarán nas librarías na primeira semana de setembro.

Etiquetas:

Eva en coiros

Moi fermoso o relato de Rosa Aneiros, que forma parte desa vizosa devesa que Vieiros está ofrecendo este verán. Rosa está corrixindo as derradeiras probas do seu novo libro, Ao pé do abismo, que sacaremos en outubro e onde recolle boa parte da súa obra xornalística recente.

Etiquetas: