Berger, «Un home afortunado»
/en Autores, Narrativa/por bretemas
Aproveitei os tempos mortos destes días de festa lendo Un hombre afortunado de John Berger. Asombra a modernidade da prosa e da estrutura deste libro, publicado hai máis de corenta anos e traducido agora ao español. En 1966, Berger e o seu amigo, o fotógrafo Jean Mohr, conviviron durante un tempo con John Sassal, un médico rural. Baixo a aparente crónica literaria e fotográfica da vida cotiá deste doutor, Berger propón unha reflexión radical sobre a profesión médica que o leva a escrutar con enorme lucidez cáles son os límites e manifestacións do «humano», dende o pracer até a dor. En realidade, máis alá da narración das anécdotas do doutor, das relacións cos seus pacientes, do protagonismo no seo daquela comunidade pobre (onde era considerado un «heroe popular»), o tema central deste libro, fermoso e extraordinario, é tratar de responder a pregunta tan fulcral: cál é o valor que ten unha vida humana? Berger asume ese reto empregando as categorías do literario, dende o relato de ficción ao ensaio antropolóxico (onde acuden na súa axuda escritores como Gramsci, Piaget, Conrad ou Sarte), e a súa resposta non pode ser máis clarificadora: «Non afirmo saber canto vale a vida dunha persoa: non se pode responder con palabras a este cuestión, senón só con obras, coa creación dunha sociedade máis humana». Berger, outra vez máis, demostra que no relato contemporáneo esváeronse as fronteiras entre a ficción e a non ficción, entre o imaxinado e o vivido. A de Berger é literatura como forma de coñecemento. Un home afortunado é un libro serio, deses que falan de cousas importantes. Recoméndoo moi vivamente.
Noticia de Salinger
/en Autores/por bretemas
Gustoume esta información de EFE, lembrando o noventa aniversario de J.D. Salinger. Como editor galego d’ O vixía no centeo podo acreditar que non é ningunha lenda urbana que cando renovamos o contrato, cada cinco anos, nos comprometemos a que nas edicións que fagamos non incluiremos paratextos ningúns sobre o autor nin sobre a obra. A pesar de que Salinger é un escritor invisible, que non concede entrevistas nin autoriza que lle saquen fotografías dende hai catro décadas, o pulo da súa obra continúa xeración tras xeración de lectores. Eis a visibilidade do texto sobre a figura do escritor.Con Agustín en Vilalba
/en Autores, Eventos, Vídeos/por bretemasFran Alonso, «Un país a medio facer»
/en Autores, Cultura, Xerais/por bretemas
Atina de cheo o meu compañeiro Fran Alonso cando na entrevista que lle fai Vieiros, a raíz da aparición d’ Un país a medio facer (o seu libro máis recente, que moito recomendo), afirma valentemente: «A automoción e a banca reciben moitas máis axudas públicas cá cultura». Efectivamente, a pesar de que sectores como o da lectura é considerado na recente Lei do Libro como un «sector estratéxico» para o país e a pesar de que os que nos dedicamos á edición padecemos o «sambenito» prexuizoso de ser constantemente acusados de recibir subvencións, as axudas públicas que recibimos son escasas e o futuro do noso sector cultural deféndese no mercado co apoio do pobo lector. O maior éxito do noso sector cultural durante estas dúas décadas, ás que se refire Fran no seu libro, radica na consolidación dun público que, aínda de dimensións cativas, vai dialogando cos produtos da industrial cultural en lingua galega, xerados polos nosos escritores, músicos e artistas. Pasar dese país a medio facer a do país orgulloso do que fai é o reto actual que afronta a cultura en galego.
Agustín Fernández Paz, «Nun lugar dos soños»
/en Autores, Eventos/por bretemas
O vindeiro domingo, 14 de decembro, Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Muíño de Rañego da súa Vilalba natal pola Fundación Manuel María. Tras unha mesa redonda (ás 12:00) sobre a súa figura, na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo, Paco Martín, Xulio Xiz e Manuel Bragado, colocarase o terceiro hectómetro literario no Paseo dos Soños e celebrarase un xantar de irmandade no restaurante «A Nova Ruta» de Vilalba. Pode avisarse asistencia ao xantar no teléfono: 646413890.
Tratamento subordinado
/en Autores, Entrevistas, Lectura, Lingua, Recurso_didáctico/por bretemas
Mais que recomendable a longa conversa que manteñen Agustín Fernández Paz e Manuel Vidal Villaverde este luns en Galicia hoxe. Entre as moitas cousas a salientar das palabras sabias de Agustín recollo estes dous fragmentos imprescindibles:
O primeiro sobre a lingua:
Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que poidamos vivir en galego coa mesma normalidade coa que o pode facer unha persoa castelán falante. Para iso, entre outras moitas medidas, é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.
O segundo sobre algúns dos problemas da lectura e escrita en galego:
Escribir nunha lingua minorizada socialmente leva aparellados serios problemas de visibilidade, tanto na propia sociedade (e penso agora nos libros galegos en Galicia, confinados coma nunha reserva india nunha parte significativa das librarías, ou no tratamento subordinado que reciben nos medios de comunicación, ou no insidioso mantra de que somos unha literatura subvencionada) como na posibilidade de ser traducidos a outras linguas e chegar así aos potenciais lectores doutros países do mundo. Así que esta cuestión é política, e son as medidas de política económica e cultural as que poden axudar a solucionala.
O Ourense de Marcos Valcárcel
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Autores, Eventos/por bretemas
No artigo da semana, a raíz dos actos de onte en Ourense, fixen unha pequena homenaxe a Marcos Valcárcel.Todos con Marcos
/en Autores, Eventos/por bretemas
Neste serán, antes da homenaxe, presentaremos Historia de Ourense, o libro máis recente de Marcos Valcárcel. Recomendo a magnífica reportaxe de Vieiros, as entrevistas de Soitu, La Región internacional e a anotación do propio Marcos no seu blog. Todos con Marcos.Unha primavera para Aldara
/en Autores, Teatro/por bretemas
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Resiliencia celtista24 de Xaneiro de 2026 - 7:35 a.m.
Trump e o día escolar pola paz20 de Xaneiro de 2026 - 8:39 a.m.
Manicura celeste19 de Xaneiro de 2026 - 7:24 a.m.
50 anos do movemento veciñal vigués13 de Xaneiro de 2026 - 10:42 a.m.
O Vigo de Otero Pedrayo6 de Xaneiro de 2026 - 9:54 a.m.








