Campo do Fragoso CXXXIV
En tarde de alborada rosaliana, o Celta demostrou que no fútbol continúan existindo os “milagres vellos” dos que falaba a autora de “Cantares gallegos” á que se homenaxeou en Balaídos durante o descanso. Os celestes puxeron en evidencia que para gañar un partido non cómpre acreditar o mellor xogo nin sequera contar con máis oportunidades de gol co rival; abonda só con marcar un tanto máis ca el. Puro evidencialismo, un comportamento estritamente práctico, adobiado con pequenas doses de fortuna (que tamén contan), ao que probablemente o debutante Abel Resino deberá recorrer en máis ocasións nesta difícil angueira de conservar a primeira categoría.
Non é doado atribuír aínda a Abel todo o mérito desta importante vitoria, a primeira dende aqueloutra do día de Reis, que rompe coa xeira de derrotas que situaron ao Celta no abismo e levaron a destitución do entrañable Paco Herrera. De saída, o novo adestrador non mudou o once clásico desta liga, no que quedou fóra só Túñez, aínda tocado. Con todo, o toledano sen mudar nin o debuxo táctico nin o estilo de xogo, atreveuse a adiantar a súa defensa, o que lle permitiu xuntar un pouco máis as tres liñas e obrigou a Oubiña e Álex López a incrementar a súa participación no xogo de ataque. Porén, a agardada intensidade que semellaba podería activar o xenio de Resino apenas se notou nun equipo no que se continúan identificando síntomas de apatía e esgotamento, coa excepción, iso si, dos excelentes minutos finais, moito mellor xestionados polos nosos, tanto na lameira coma no banco, ca en partidos anteriores. Quizais foi aí e na xestión acertada dos trocos onde estiveron as claves da vitoria e do primeiro éxito do novo adestrador.
O Celta comezou o partido con moito pulo. Prometía. Nos sete primeiros minutos tivo tres boas ocasións. Primeiro, Orellana disparou frouxo dende a área pequena, tras un estupendo pase interior de Oubiña. Aos cinco minutos, Augusto debeu marcar, fose no cacheirón que enviou sobre Toño ou no remate de cabeza posterior aproveitando o rexeitamento do porteiro. Unha mágoa. Despois foi Iago quen se asociou con Orellana procurándolle as costas aos defensas granadinos. Mais os de Lucas Alcaraz amosaron decontado que non viñeron a Vigo a probar nécoras e axiña responderon, chegando polas bandas con grande facilidade cos seus laterais moi longos, especialmente Nyom. Porén, a pesar de que xa non contaba co control do balón, no minuto vinte e cinco, os ventos fóronlle favorables ao Celta. Álex López xutou forte dende a frontal da área. Aspas recuperou o rexeite preto da área pequena, case ao chou, e realizou despois un control incrible, un globiño co que superou aos defensas e o porteiro. Unha fantasía de auténtica figura que moito celebrou cos seareiros de fondo.
O Granada non se resignou e dous minutos despois marcou outro gol extraordinario, un fermoso remate de volea de Ighalo, tras un centro perfecto dende o recanto dereito de Nyom. Unha marabilla que deixou abraiados aos defensas celestes. Co marcador igualado, os visitantes comezaron a controlar a un Celta que amosaba síntomas de febleza e desorientación. Tras a reanudación o monólogo andaluz intensificouse e as continúas chegadas dende as bandas agoiraban o peor para os galegos. Porén, cando o Celta parecía máis perdidiño, faltando apenas dez minutos, nun ataque que semellaba inocente, Iago conseguiu servir de cabeza a Bermejo, que rematou en semifallo, mais conseguindo que a pelota entrase na portería. Incrible! Un deses milagres vellos do fútbol que nos permite continuar na pelexa. Os minutos finais foron moi ben defendidos polos nosos e mesmo Quique de Lucas nun contragolpe no desconto puido marcar o terceiro. Saímos felices cantando o himno celeste a capela.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir