Campo do Fragoso CLXV
Dentro das estampas que Castelao publicou en Galicia. Diario de Vigo e Faro de Vigo de 1924 a 1932 baixo o título Cousas da vida atopei dúas dedicadas ao fútbol. Na primeira, publicada o 2 de abril de 1924 en Galicia, aparecen cinco rapaces con dous balóns e cun texto no que o rianxeiro con moita retranca engade á imaxe o seguinte comentario: “Así chegaremos a ter máis futbolistas… e máis zapateiros”. Na segunda, publicada tres semanas despois, tamén no diario dirixido por Valentín Paz Andrade, aparece baixo a lenda “Cousas do fútbol por Castelao”. Nesta estampa, un neno descalzo diante dunha pelota prégalle a outro calzado: “Non se vale dar cargas, eh?”, un xeito retranqueiro de expresar que no fútbol non están permitidas as patadas.
Sei que non é froito do azar que estas dúas estampas futbolísticas de Castelao publicadas na prensa viguesa, como a súa defensa do “fair play” e do xogo limpo e en igualdade, coincidisen coa primeira tempada do Celta no campionato galego e co inicio da lenda dun equipo profesional que dende a súa fundación tivo a vontade de ser o emblema do fútbol galego. Por ventura aquel empeño de Hándicap, Baliño e Bar, os fundadores do club, continúa vixente, expresado para a fachenda de todos nas dúas bandeiras galegas izadas sobre as gradas de Gol e Marcador.
Tras tempadas de travesía do deserto, o Celta inicia a súa quincuaxésima tempada en primera división cun proxecto empresarial e societario solvente, consolidado con paciencia teimosa por Carlos Mouriño. Un proxecto deportivo cada vez máis ilusionante que asumindo as limitacións do club non renuncia a facer soñar ao celtismo e a súa enorme diáspora. Por ventura, hoxe o celtismo é un sentimento compartido por milleiros de persoas, moitas máis das que acudimos a Balaídos.
O comezo desta segunda tempada de Eduardo Berizzo presenta esta ansia do Celta como equipo de fasquía soñadora, intenso e racional na súa estratexia defensiva, fantasioso e barroco na atacante. Un cadro renovado, capaz de incorporar unhas cantas pezas novas que non modifican no esencial o engrenaxe do seu funcionamento, baseado na saída ordenada do balón, na disciplina táctica e nun estilo de xogo sen cargas, como quería o picariño descalzo de Castelao.
Foi moi feliz a estrea fronte ao Raio Vallecano, un equipo o de Paco Jémez xeneroso para a bancada. Abondaron oito minutos de dura batalla táctica no centro do campo para resolver o partido. O Celta atopou a cerna cando Fabián Orellana conseguiu baixar unha bóla e filtrala verticalmente sobre Wass para que canease ao porteiro antes de ser derrubado. Unha xogada providencial que deixou aos vallecanos en inferioridade e permitiu que Nolito abrise a táboa de marcas dende o punto de once metros.
Dende entón, os de Berizzo colleron pouso, sen perder o control defensivo das bandas, comezaron o seu monólogo. Dirixidos por un extraordinario Augusto Fernández, capaz de ser tanto o medio defensivo coma ofensivo de referencia, algo que nos lembrou ao mellor Mazinho, os nosos despregaron a súa fantasía, abrindo espazos para o perigo dende as posicións desequilibrantes dos nosos extremos, que contaron coa incorporación de Wass, xa unha auténtica promesa de nova estrela. Mágoa que Iago Aspas non estivese máis espilido e preciso na definición, estragando varias oportunidades preciosas.
Tras a reanudación, Nolito trazou axiña a súa diagonal preferida sobre a grada de Gol e marcou de chorra, coa axuda dun defensa vallecano. Pechou a táboa de marcas, o primeiro tanto de Fontás como celeste, tras un saque directo de Nolito, unha desas xogadas de pizarra das que sae unha dun cento. O partido estaba resolto cando sobre a lameira viguesa apareceu Guidetti, un dianteiro que en poucos minutos abriu novas posibilidades, o que pode resultar decisivo cando o equipo precise variantes.
Tras as dúas primeiras exitosas xornadas, diante de dous equipos asequibles, hai razóns abondas para acreditar nas posibilidades deste equipo ordenado e soñador, que saíu coma un foguete nesta súa liga 50. Cousas do Celta!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir