Campo do Fragoso CLIII

celtacronica

PECHE MEMORABLE

Nun serán de festa e exaltación celtista, o equipo de Luis Enrique pechou a tempada en Balaídos de forma memorable. Noqueou ao contraataque e con aparente facilidade a un Madrid asequible, eivado sen a súa temible tripla dianteira. Os dous golazos de Charles puxeron en evidencia as fraquezas defensivas do equipo de Carlo Ancelotti, un adestrador que non se pode sentir moi cómodo no banco de Balaídos lembrando como en marzo de 2000 recibiu catro goles coa Juventus en oitavos da UEFA e onde só puido empatar co Milán, abrindo o vieiro para aqueloutra xesta celeste, o mítico 1-2 de San Siro en 2003, que supuxo o pase a oitavos de final na primeira participación celeste na Liga de Campións. A pesar da súa insistencia na segunda parte, cando os seus xogadores coñecían que cos empates de Atlético e Barça contaba aínda con posibilidades de título, o Madrid foi incapaz de marcar a un Celta moi solidario nas axudas defensivas e a un porteiro infraqueable baixo os tres paos. Ancelotti lembrará, pois, como en 2014 volveu ao pesadelo de Balaídos, onde perdeu de vez o tren dunha liga de vai e ven.

Non tardara moito o Celta en atuar ao Madrid. Dende os minutos iniciais, Krohn-Dehli conduciu ao Celta polos camiños da fantasía, os do xogo da serpe, que son os máis valorados na lameira do Fragoso. Apenas transcorreran cinco minutos cando o danés serviu cun cano preciso un balón co que Nolito avisou ao galego Diego López que ía ter un serán de moito traballo. Foron pouco despois Orellana, quen caneou preto da área pequena, e Nolito quen cun artístico taconazo abrían liñas de gol na área visitante. O Celta gozaba co seu xogo de toque fronte a un Madrid moi apático, que prefería as opcións do fútbol directo e a quen lle custou vinte e cinco minutos que Morata fixera o seu primeiro remate perigoso. Cando o partido se densificaba cun intercambio de golpes no medio do campo, nun gran duelo entre o brasilego Rafinha e o brasileiro Casemiro, chegou a xogada decisiva. Charles soubo aproveitar un erro garrafal do central Sergio Ramos e logo sentar cun caneo formidable a Diego López para marcar a porta baleira. O Celta conseguía o máis difícil, adiantarse na táboa de marcas.

Na segunda sesión, o Madrid saíu moito máis determinado e intenso. Nos minutos iniciais arreciou unha tempestade sobre a área celeste. Un paradón de Sergio Álvarez a un pexegazo de Morata e outro posterior de Isco evitaron o empate. Mais coma sucedera no primeiro tempo, o segundo tanto galego chegou cando máis apretaban os brancos (esta vez vestidos de laranxa), froito dun erro de Xabi Alonso, a quen pouco antes Ancelotti colocara de central. Charles interceptou a cesión do tolosano ao seu porteiro e volveu superar ao de Paradela. Quedaba case media hora de xogo, mais o Celta soubo xestionar con serenidade a súa vantaxe e tivo moitas oportunidades para conseguir o terceiro. Mágoa de poste de Bermejo nos minutos de desconto que tería sido un peche de ouro.

Con este gran partido, o Celta despedía en Balaídos unha magnífica tempada na que finalizará entre os dez primeiros. Foi o de onte un serán de saudades no que con certeza se despedían Rafinha e o propio Luis Enrique. A pesar das súas excentricidades e dalgúns caprichos e vacilacións iniciais o balance do adestrador asturiano da súa breve etapa en Vigo é excelente, tanto no que atinxe aos resultados, sobre todo nunha grande segunda volta, ao fermoso e sólido xogo do equipo, como pola súa aposta por mesturar a canteira cun grupiño de xogadores internacionais de calidade. Luis Enrique merece, pois, o respecto e gratitude do celtismo. Un peche memorable para o seu proxecto. Beizóns, Lucho!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *