Campo do Fragoso CCXXXI

A DESTEMPO

Despois da gran vitoria no estadio da Cerámica, que nos permitiu enxergar o horizonte da esperanza, quedei un pouco chafado polo debut do novo adestrador Óscar García en Balaídos. Diante dun Valladolid pechado con chave nas catro cancelas, o Celta tardou máis dunha hora en entender o argumento do partido e cando decidiu abrilas non tivo tempo abondo para bater a portaría de Masip, o mellor con diferenza dos pucelanos. Unha pequena decepción que deixa ao Celta en posicións de descenso e, o que é máis preocupante, non muda aínda a anemia goleadora no Campo do Fragoso onde nos oito partidos xogados do que vai de tempada apenas conseguiu catro goles e dúas vitorias, cifras do peor primeiro cuarto de liga que lembramos nestas dúas últimas décadas.

Porén, como sucedera na visita a Vilarreal, os de Óscar García amosaron máis fortaleza ca noutrora para afrontar unha durísima batalla centrocampista, onde emerxeu a potencia eléctrica de Pape Cheikh, un diamante da canteira nosa aínda por puír, o mellor celeste no serán do venres, capaz de soster ao equipo nos seus peores momentos de desidia e de empurralo cando os ventos foron máis propicios. Unha confrontación a cara de can na medula da lameira, onde Sergio González despregou a boa parte dos seus efectivos, dispostos a arriscar en ataque o mínimo posible e a pechar por todos os medios ao seu alcance as liñas de pase sobre Aspas e Santi Mina, dianteiros nosos que, a pesar de ter nas súas biqueiras claras oportunidades, ofreceron unha actuación só discreta, por baixo do seu mellor nivel.

A pesar de outorgar o control do partido aos de Pucela durante a primeira hora, o que adoitaba acontecer tamén nos tempos de Escribá, como as dificultades dos centrais para sacar a bóla xogada e outras enleadas en espazos de perigo, o Celta debeu marcar en varias ocasións. Puido facelo Iago Aspas en dúas recuperacións, nuns dous poucos duelos individuais perdidos polos visitantes, nas que conduciu en velocidade dende case o medio do campo até encarar só a Masip. Mágoa que ao Merlín de Moaña non contase coa faísca de xenialidade amosada a pasada semana en Vilarreal, onde marcou outro dos seus goles inesquecibles. Como puido golear, tamén en dúas ocasións, Pione Sisto, o venres o máis brillante dos dianteiros celestes, consolidando a súa recuperación respecto a súa incomprensible anomia sufrida na etapa de Escribá. Unha boa noticia do internacional dinamarqués, que colabora unha barbaridade na banda esquerda co lateral Lucas Olaza, outro xogador chamado a ser clave no esquema de Óscar García, tanto pola responsabilidade que asume a balón parado, en saques de falta e de recanto, como pola súa facilidade para chegar a liña de fondo e centrar con biqueira de seda.

Xaora, foi esperanzador que o novo adestrador lese o partido de forma crítica, o que poucas veces sucedía con Escribá, e pasada unha hora non tivese medo a mudar a decoración do once de gala de arriba a abaixo. Fíxoo, primeiro, cando deu entrada na lameira a Fran Beltrán, que acendeu o piloto vermello da intensidade, que até entón só utilizaba Pape, e mellorou a condución atacante dun Lobotka que nunca entendeu de que ía este partido. Afondouna, a seguir, cando incorporou a Rafinha, que conseguiu en dúas xogadas entre liñas que aos visitantes comezasen a tremerlle as pernas. Mudanza de carpín que se produciu nos minutos eléctricos finais dos que dispuxo Touro Fernández, que superou por cao aos defensas que se lle puxeron por diante. Vinte minutos heroicos, que chegaron a destempo, mais nos que se xerou fútbol abondo para gañar o partido, fose nunha cabezada de Aspas ou despois no xute de Santi Mina do minuto final, que quedou lixeiramente desviado do pau longo, tras unha deixada letal do Touro.

Un empurrón de xogo de intención gañadora, ao que lle faltaron un par de minutos, que demostra que no vestiario hai vimbios suficientes para intentar a remontada na táboa clasificatoria, por difícil que pareza. Comentábamo no vitrasa de regreso un veterano celtista: «nesta liga tan igualada marcar un gol custa unha millonada, gañar un partido un potosí». Agardemos que Óscar García atope a chave do tesouro.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *