Campo do Fragoso CCXXI

O CELTA DE ASPAS

Coincidindo coa festa da Reconquista onte o Celta nunha segunda parte memorable deulle a volta a un 0-2 fronte ao Vilarreal, un dos rivais directos da súa liga particular para evitar o descenso. Cando todo semellaba perdido, tras un primeiro cuarto de hora no que os visitantes noqueraon aos celestes en apenas dúas xogadas, cando nas bancadas se comezaba a dixerir unha traxedia inevitable, renaceu o equipo dirixido por un formidable Iago Aspas, que regresaba á lameira tras tres meses lesionado. Conducido polo futbolista de Moaña o Celta recuperou a súa alma máis xenuína, esa afouteza capaz de afrontar as maiores adversidades, contaxiando a unha bancada que axiña soubo responder con doses desbordadas de entusiasmo. Xestouse así unha remontada para a historia coa que o equipo de Aspas suma tres puntos valiosos, recupera esperanzas e se mete de cheo na loita pola permanencia.

O gran ambiente na previa, cun recibimento apoteósico e gradas case cheas, arrefriouse aos dez minutos cando Ekambi marcou, anticipándose a Costas, nunha xogada na que toda a defensa celeste volvía a facer augas. Cantada defensiva que se repetiría cinco minutos despois cando Pedraza meteu o gol da súa vida conducindo en solitario o balón dende o medio do campo e caneando a canto celeste lle saíu ao paso, superando a Rubén e marcando a porta baleira. Sen dúbida, un gol espectacular ao que contribuíron os medios e defensores nosos incapaces sequera de forzar unha falta ou unha tarxeta ou un penalti. Con tan cómoda táboa de marcas, o Vilarreal controlaba o xogo, grazas a superioridade que no medio do campo impoñían Cazorla e Morlanes, que deixaban o balón ao Celta, para aproveitar as perdas e lanzar en velocidade a Ekambi e Chukwueze, aos que aos defensas celestes cústaballes moito parar.

Xaora, tras tan lamentable primeira parte, na que o Celta apenas dispuxo dun xute lonxano de Brais no minutos 38, algo debeu suceder no seu vestiario no descanso. Tras a reanudación, Escribá adiantou uns metros a súa liña defensiva e retrasou a posición de Aspas, que comezou a dirixir o xogo. O equipo gañou en orde, velocidade e intensidade. E o máis importante, o Celta comezou a recuperar o balón na segunda liña dos amarelos, o que impedía a chegada de balóns aos seus dianteiros atletas. Unha mudanza táctica radical que facilitou que no minuto 50’ se producise unha perigosa falta na frontal do submarino. Iago tirouna de forma maxistral, trazando unha parábola sobre a barreira que Asenjo estivo a piques de desviar. Un golazo que abriu o partido e fixo estourar a unha bancada, até entón encollida de temor.

Certo é que pouco despois, Ekambi puido liquidar as esperanzas celestes mais o noso Rubén soubo aguantar con sangue frío e conseguiu rexeitar o seu remate. Unha parada decisiva coa que os amarelos pechaban o seu balance ofensivo. A partir de entón, o equipo dirixido por Aspas creu nas súas posibilidades e fixo os mellores minutos dos últimos catro meses. Moi aberto polas bandas, con Mallo e Olaza entrando unha e outra vez, foi o de Marín o primeiro que puxo a proba ao porteiro visitante, o mellor xogador do seu equipo. Con todo, sería o debutante Olaza quen no 70’ centrou case dende a liña de fondo para que Maxi cabezara á rede, entre as tres torres amarelas. Outro golazo do uruguaio que funcionou como bálsamo de fierabrás tanto para o equipo como para a bancada, que xa era un auténtico trebón.

O equipo de Aspas non se conformou e foi a pola vitoria. Brais Méndez puido marcar nun xute con parábola, pero volveu aparecer o gardarredes amarelo. Pero cando faltaban apenas cinco minutos, Aspas serviu un balón sobre o de Mos que foi derrubado na área. Un penalti claro, confirmado polo VAR, que o mestre de Moaña convertiu dende os once metros, tras un toque de xenio, apenas un exercicio de beleza contida. Co tres a dous no peto, e co corazón nun puño, os vinte e dous mil celtistas vivimos os minutos finais case con bágoas nos ollos, como as que verqueu Aspas no banco cando foi substituído, outra escena emocionantísima para a historia do celtismo, que define a un xogador para a historia do Celta.

Aspas é un dianteiro extraordinario, un mago capaz de inventar alustros de fantasía na lameira. Con todo, a súa cualidade máis diferenciadora é a súa capacidade para mellorar o xogo de cada un dos seus compañeiros e para contaxiarlles o seu entusiasmo e o seu compromiso. O equipo de Aspas que vimos na segunda parte de onte non é o Celta sen alma (e sen goles) dos últimos tres meses. O Celta de Aspas volveu. É a gran noticia dunha tarde que será difícil de esquecer.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *