A desfeita das caixas
O meu artigo semanal, no que reflexiono sobre o fracaso do proceso de constitución das caixas, foi publicado onte na edición dixital de Faro de Vigo.
O proceso de fusión das caixas galegas, promovido e titorizado polo Banco de España e a Xunta de Galicia, rematou con outra enorme derrota para Galicia. A diferenza de Cataluña e o País Vasco, aquí quedamos sen caixa ningunha e sen o control do banco que xestiona o 46,7% do aforro galego e co único que conta cunha rede articuladora en todo o territorio de noso. Perdemos as caixas e, o que é máis desacougante, sen garantía ningunha de contar con entidade financeira que poida acudir por nós.
Quedou en augas de bacallao a creación daquela entidade financeira galega forte e solvente, “chamada a ser a quinta máis importante de España”, cando se aprobou a fins de 2009 no parlamento, co apoio do PPdeG e BNG, a Lei de Caixas. Un fracaso rotundo da estratexia do Goberno Galego, iniciada tras aquela polémica auditoría, solicitada pola conselleira Currás á KPMG –que garantía a solvencia do “proxecto de fusión en igualdade” entre Caixanova e Caixa Galicia (algo que a realidade amosou falso)–. Un documento sobre o que se foi construíndo un castelo de naipes e silencio derrubado por unha airexa na noite do pasado xoves, cando o Banco de España valorou en 181 millóns os 1.714 millóns de euros que figuraban nos libros (auditados) da entidade resultante da fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Da noite para a mañán, a caixa fusionada (NCG) supoñía un raquítico 6,81% do Banco NCG que ela creara. Un saldo. Unha porcentaxe que concede un peso marxinal á caixa, que perde o control sobre a estratexia futura do banco. Algo incomprensible, cando dúas semanas antes, fora a Xunta de Galicia a que autorizara a constitución da nova entidade, a pesar de que non se fixera público o valor definitivo da caixa (o presidente Feijóo falou da aspiración de acadar o 15%) e sen que aparecese de forma vinculante nos seus estatutos unha garantía de compromiso coa economía galega, máis alá dunha difusa referencia no limiar.
Un fracaso no que teñen responsabilidade as autoridades fiscalizadoras do Banco de España, tanto no seguimento do proceso de fusión das dúas caixas, como e sobre todo, pola súa inhibición anterior, cando naqueles anos dourados da burbulla inmobiliaria, as caixas galegas (ben é certo que polos datos que se van coñecendo, Caixa Galicia máis que Caixanova) investiron en proxectos aventureiros, moitos deles fóra do país, que nada tiñan que ver coas finalidades sociais dunhas entidades de aforro popular nin cos intereses xerais de Galicia. Como influíron no proceso, as mudanzas de orientación e vacilacións do Goberno de Zapatero até que apostou por unha completa bancarización de todo o sector. Desfeita á que non son alleos, loxicamente, os xestores e membros dos consellos de ambas as dúas caixas, a maior parte deles xa fóra da entidade, como do actual equipo de xestores do banco, aos que este valor tan baixo da caixa lles facilita, sen dúbida, o proceso de reprivatización.
Fóra de especulacións sobre quen escolleu a José María Castellano para presidir o novo banco e sobre cando e canto achegarán os inversionistas que el dixo representar, non hai dúbida que esta valoración raquítica da caixa provocará, a medio prazo, a desmontaxe da importante obra social e cultural de Novacaixagalicia, sen dúbida, o labor das caixas máis valorado dende hai máis dun século. Transcorridos o período para o que a caixa reservou 96 millóns de euros para a obra social, a partir de 2015 apenas se poderá contar con 10% do que as dúas caixas dispuxeron en 2008 (100 millóns) para esta finalidade. Outra desfeita que afectará, en tempos de severas reducións das políticas públicas, a centros educativos, a servizos sociais (sobre todo de persoas dependentes e con necesidades educativas especiais), a bibliotecas públicas, ademais das actividades e do mantemento da rede de case un centenar de centros sociais e culturais presentes en todo o país galego. Sen esquecer o papel incerto que, a partir de agora, o Banco NCG pode adoptar no desenvolvemento de proxectos estratéxicos como o financiamento da construción do Hospital de Vigo, a xestión do Auditorio Mar de Vigo ou o apoio ao sector da construción naval, por citar tres dos que afectan á área metropolitana viguesa.
Sobre esta desfeita das caixas nosas os galegos temos dereito a saber qué sucedeu ao longo de todo o proceso, como temos dereito a esixir que se diriman responsabilidades, se as houber. Sen dúbida, non se fixo en clave de país, xa que sobre os intereses xerais de Galicia primaron as políticas centralizadoras e os intereses duns poucos que se queren privilexiados. Galicia precisa máis ca nunca dun instrumento financeiro ao servizo da súa pequena e mediana empresa e ao da súa cohesión territorial. Hai algunha razón que impida que NCG banco, hoxe nacionalizado, puidese continuar sendo un banco público?
Trackbacks y pingbacks
[…] A alarma saltou decontado. Como sucedeu tras a liquidación das caixas (onte saíu publicado na edición impresa de Faro de Vigo o meu artigo da semana), será tamén a obra social e cultural do Banco Pastor, artellada na Fundación Barrié, […]
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir