A Coca e a danza de espadas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á festa da Coca de Redondela:

A José e Manuel Paz Villar

Entre as festas populares da Ría de Vigo destaca pola súa continuidade e capacidade de manter a estirpe da tradición a da Coca de Redondela. Documentada hai máis de catro séculos (1691) e con orixes nos séculos XIII e XIV, cando se instituíu a festa e as procesións do Corpo de Deus, a celebración desta festa relixiosa adquiriu na vila do Alvedosa, segundo o antropólogo Clodio González Pérez no libro, A Coca e o mito do dragón (Ir Indo, 1993), un carácter pagán como representación do combate entre a Coca, saída do mar e ladroa de fermosas mozas, e os valentes mariñeiros, que as rescatarán e darán morte o monstro. Vitoria celebrada cada ano o día do Corpo do Deus coa procesión da Virxe, coñecida en Redondela como a Gabacha, sobre un itinerario, dende 1950, alfombrado de flores, e coa danza das espadas, protagonizada polos vencedores, e o baile das penlas sobre as burras. É o da Coca unha recreación dun mito universal de tradición milenaria, presente en culturas diversas, dende a mesopotámica á celta ou nórdica, da loita entre o ben e o mal, encarnados nun deus u outro personaxe no seu nome e nunha serpe ou nun dragón (a máis grande de todas as serpes), símbolo da vida e ao mesmo tempo da morte.

Mito da Coca protagonizado por un animal mitolóxico con corpo de dragón e cola de serpe, semellante ao doutras cocas desaparecidas, como as de Sabarís ou Pontevedra, cuxo relato foi conservado dende tempos remotos apenas con algunhas poucas variantes. Contan que hai moitos anos, vivía un monstro xigante na Ría de Vigo que tiña aterrorizadas a todas as poboacións. Saído das ondas dun mar moi embravecido, na proximidade da illa de San Simón, o monstro devorou a dúas rapazas, ataque que repetiría, para levar sempre as cativas máis fermosas. Foi entón cando a veciñanza de Redondela, cansa de tanto mal que facía, escolleu os vinte e catro mozos máis afoutos para agardala, atacala e darlle morte coas súas espadas. Tras loita moi dura, lograron vencela e formaron entón, unha grande procesión arredor da besta morta, iniciando ao son das gaitas unha danza que as mozas rescatadas seguiron, erguendo nos ombreiros as meniñas máis novas e danzando con elas en alto. Noutra versión do mito, documentada no Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1999), a Coca de Redondela sofre unha estraña metamorfose, sendo primeiro unha doncela que chora por uns amores desgraciados, a quen de tanto chorar lle medraron ás, máis tarde unha longa cola e despois unha horrible boca de réptil, até que as súas bágoas formaron o río Alvedosa que rematou por arrastrala ao mar.

Máis recentemente, o escritor Rafael Fernández Lorenzo, recreou o mito da Coca de Redondela na noveliña Cocotibur (Xerais 2021). Respectando o contido do mito da Coca na Ría de Vigo nun tempo histórico impreciso, retrata un monstro, bautizado como Cocotibur, metade quenlla, metade crocodilo, con corazón duro coma unha rocha, que non sabe o que é o medo, mais non é tan feroz como o pintaban. Un relato do marabilloso, iniciado coa misteriosa desaparición de tres rapazas, que semella foran engulidas polo mar, feito que mobiliza á comunidade mariñeira toda a desfacer o meigallo de semellante encantamento. Unha narración engaiolante, onde flúen con naturalidade todos os episodios do mito choqueiro por excelencia, dende as sete espadas forxadas polos setes metais coñecidos, ao ataque a fera ao son dunha gaita e un tambor, cerca do carballo das cen pólas de Reboreda, onde se baña a serea, sen esquecer o territorio máxico da illa de San Simón no illó das salinas da ría nin a orixe do baile de penlas e burras e danza de espadas o día de Corpus. Unha óptima mestura do mito do dragón e de costumes populares que fan desta novela unha excelente actualización do mito para o público máis novo do século XXI.

Con tan interesante anovación do relato mítico, como coa incorporación dende a pasada edición dunha muller á danza das espadas, o que non sucedía dende hai corenta e cinco anos, a festa da Coca e as súas danzas tradicionais gozan de boa saúde. No esencial, esvaído o protagonismo da procesión relixiosa, na que chegaron a participar 26 imaxes, entre elas a do chamado Xigante de Redondela, ao xeito de San Cristobo, a Coca de hoxe é case igual á que describiu en 1867 o xornalista vigués Xoán Neira Cancela, «unha especie de caimán ou crocodilo feito sobre madeira e colocado sobre unhas rodas», ou ás fotografadas na Galicia Moderna, o 15 de xullo de 1897, turrada por dous portantes vestidos con roupas rechamantes, ou por Pacheco nos anos vinte. Persistencia dunha tradición danzante e musical, por ventura conservada, que forma parte dun patrimonio inmaterial que merecería ser declarado como Patrimonio da Humanidade. Un reto para a nova corporación redondelá e para os organizadores da festa da Coca e danza das espadas.

1 comentario
  1. Pepe
    Pepe Dice:

    Sí, unha lenda tan antiga en Redondela, ao igual que esa do Alvedosa, que se inventaron en 1949 e nos anos 60 por un señor de Redondela moi amante da festa, e o personal erre que erre, obstinado en decir que esta festa celebra esa “lenda” tan moderniña ela. Por certo a Coca de Redondela é bastante anterior a 1691, xa esta documentada no século XVI, cando a levaban os zapateiros da vila, e o único que lle daba leña coa lanza era San Xurxo, representado por un carniceiro tamén da vila. Pero en Redondela ao concello non lle interesa a festa do Corpo de Deus, sin a que xamáis existiría a Coca de Redondela nin as fermosas danzas na súa honra, so hai que ver o cartel da festa sen alusión algunha a festa relixiosa. Logo, claro, resulta que lle bailan Santísimo e a Virxe, ainda que non é a danza antigua. Pero nada, vos a seguir dicindo a bobada esa de que o que celebramos neste día é que os mariñeiros mataron a un dragón, que ademáis ten doble xénero, porque resulta que agora tamén se chama Simona, porque tiña un chalet na illa de San Simón.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *