Literacidade crítica
“No entorno desta nova cultura dixital é imprescindible, ademais, que cada un dos usuarios empregue unha perspectiva de lectura crítica, para saber diferenciar o ouro da palla e non quedar asolagados polo ruído enxordecedor emitido pola selva electrónica. Sempre é imprescindible ler con perspectiva crítica (tamén nos medios analóxicos impresos), pero moito máis o é manexando unha biblioteca electrónica tan enorme como Internet onde non existe o aval que realiza o editor analóxico dos textos publicados.
A capacidade de buscar, atopar, avaliar e manexar datos en Internet (o que Cassany denomina literacidade informativa) é unha das habilidades máis trascendentais que esixe este novo modelo comunicacional electrónico. De moi pouco servirían os custosos investimentos de conectar todas as escolas e os fogares do país á Rede, se logo os escolares ou os cidadáns non saben atopar os vieiros para orientarse nesa selva tan espesa. Non se pode tratar a información das webs, blogs ou foros coma se fosen libros, revistas ou cartas, sen ter en conta que na Rede non existe o mesmo control que nas publicacións analóxicas impresas.
Ler neste novo entorno electrónico require tomar moitas máis decisións (desde qué motor de busca empregar a diferenciar o tipo de enlaces entre os publicitarios e os hipertextuais…) ca nos soportes analóxicos, razón pola que é imprescindible unha formación máis madura e profunda para poder facelo con independencia e racionalidade. Ler na Rede semella un proceso doado mais esixe dominar técnicas lectoras, informáticas e documentalistas: acertar coas palabras clave de busca, empregar as utilidades dos buscadores, interpretar os valores das iconas, identificar webs enganosas ou identidades falsas, determinar a autoría dos textos, analizar a fiabilidade, credibilidade e actualidade do contido… Ler neste novo entorno comunicacional, como sinala Cassany, non é só comprender as liñas ou o que hai detrás (como sucede no analóxico), senón tamén navegar, atopar, e avaliar un avultado número de textos (o que require de moito tempo e paciencia) para, finalmente, enfrontarse, se hai sorte, coa información procurada nun sitio electrónico que consideramos crible, fiable e competente. En definitiva, ler neste novo entorno require lectores mellor formados e máis críticos, o que supón un reto complexísimo de alfabetización e formación electrónica para os actuais sistemas educativos”.
Despois deste mediterráneo recén descoberto que vale para os demáis sistemas comunicativos, qué?