Recordo de Manuel

Almiral Mouchez lembra neste blog, moi oportunamente, que hai hoxe dous anos morreu Manuel María. O autor de Brétemas do muiñeiro e Muiñeiro de brétemas foi quen escribiu: “Un poema é un ser vivo que anda, respira, soña, chora, salouca, ama, berra, cintila e escurece, (…) E nunca morre”. As palabras de Manuel seguen vivas connosco.

Etiquetas: ,
7 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Lembro-o como o dia máis triste daquel verán.

    A sua morte foi moi emotiva precisamente, porque, como ilustra a cita que publicas, a sua poesia era moi sentida.

    Tamén lembro con xenreira a escasa atención mediática que espertou o seu pasamento.

    Grazas por vos lembrar e por homenaxeardes hoxe á persoa que máis me fixo sentir a voz do presente do meu povo ás miñas costas, aínda ben novas.

    Grazas, Manuel María, por aliviar decote tanta dor e por nos procurar un futuro mellor. Por deixares semente victoriosa e facer agromar tanta ilusión nos que te botamos en falla. Por debuxares novos abrentes redentores nos que é moi doado imaxinarmo-nos ledos.

    Sempre te levaremos no peito. “Capitán de poesia”, como un dia dixo Celso Emilio de Lorca.

    Galiza non te esquece; a poesia precisa da tua herdanza. Até sempre.

  2. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Manuel María.
    Voz de río,
    mirada que era espello de cen fontes.
    Paixase viva.
    Alma de manancial.

    Graciñas por teren existido.
    Por canto nos deixaches.
    Versos artellados con paxaros,herbas,flores,xuncos, choiva…
    Gracias.
    Por teren existido.

  3. sara jess
    sara jess Dice:

    congreso sobre castelao no auditorio de pontevedra. manuel maría no descanso, de pé no corredor xunto coa súa dona. eu e tres amiga sentadas no único banco do lugar. erguémonos. a máis baixiña delas, (debía medir un metro cincuenta) pídelle que senten alí. “nós somos novas e temos moito que medrar”. “de ilusións tamén se vive, miña nena”, dixo el.

    ese foi o recordo máis entrañable que del me quedou. e aquela felicitación de nadal, con estreliñas douradas recortadas e pegadas sobre o cartón branco no que improvisara un poema…

    nunca máis volvín saber del.

  4. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Interesante a FOTOBIOGRAFIA SONORA de Ouvirmos.
    Libro e 2 cds con poemas e cancións dos grupos que empregaron as suas letras, ata hai un de Euskadi e de Cataluña.

Los comentarios están desactivados.