Sobre os museos

A oferta museística de Nova York é apabullante e dunha gran calidade. É un dos encantos maiores da cidade. O turista máis curioso, so pena de non facer outra cousa, debe escoller o que quere ver e o tempo que lle quere dedicar a cada un destes espazos culturais. A nosa escolla foi bastante medida: MOMA, Metropolitan, Historia Natural e Guggenheim. Mágoa que a Pierpont Morgan Library (onde queriamos ver o Pergameo Vindel, unha peza patrimonial primeira que deberíamos recuperar para Galicia) estivese pechada. En todos estes museos hai moita xente, aínda que as colas nada teñen que ver coas de Roma ou Firenze. Precísanse canto menos unhas catro horas para facerse unha idea das coleccións, o que non é problema ningún xa que todos teñen magníficos restaurantes e cafés para facer unha paradiña e acougar os pés.
(Robert Doisneau. MOMA)

A colección do MOMA, aínda que non decepciona, estivo por baixo das nosas expectativas. O que máis nos interesou foron Dadá (a exposición que preparara o Pompidou) e a colección fotográfica (eis Doisneau). Para nós a sorpresa foi o MET, un museo tan grandioso como desorganizado. Interesáronnos as coleccións de pintura (sobre todos por eses seis Vermeer magníficos, pola mostra de impresionistas e pola pintura do XX, cunha presenza delirante de Picassos, Modiglianis e Magrittes) e as magníficas exposicións temporais (como o “Tribute a Susan Sontag”, “Anglo Mania” e a de Girodet, moi didácticas). Outrosí sucede co de Historia Natural, onde non hai que deixar de visitar o Planetario e a exposición sobre Darwin (en plena batalla ideolóxica entre o creacionismo neocon e o evolucionismo).
Moito para ver e moito que aprender dos museos novaiorquinos, sobre todo polo seu esforzo por promover exposicións temporais (proporcionando así unha nova oportunidade aos seus fondos) e procurar un público novo (todos están inzados de proxeccións en pantallas planas, e de información complementaria en soporte dixitais).

(Veermer, MET)

Etiquetas:

4 comentarios
  1. XM Carreira (Mendinho)
    XM Carreira (Mendinho) Dice:

    O Guggenheim de NYC é un pouco decepcionante. O edificio de Wright coa espiral é estupendo, pero desde un ponto de vista do contido, das obras expostas, non ten nada especial. O mellor é que é o único dos museos neoiorquinos cunha entrada económica.

    Recomendo os museos británicos, que son case todos de balde e teñen moito que ver.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    É certo, do Guggeiheim considerei que non compría facer moitas valoracións do seu contido. Por riba, actualmente a espiral non se pode ver, xa que está cuberta por valados. Eu tamén gosto moito dos museos británicos, dende esa National Gallery londiniense, ao Museo Nacional de Edindurgo, ou aos pequenos museos folk das vilas (onde teño visto algunhas das experiencias de promoción museística máis interesantes das que coñezo).

  3. Jan
    Jan Dice:

    Estou totalmente dacordo con Xose Manuel. Os Museos londinenses son incribles, e de balde. O Museo Darwin de Historia Natural ten unha exposición permanente de Dinosaurios fantásticamente montada e ubicada nun espazo de conto.

    Na National Portrait Gallery tiñan estes días a exposición BP Portrait Award 2006 (http://www.npg.org.uk/live/bpmenu.asp) que era impresionante.

  4. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Tamén é de balde o Prado e se pode visitar pola noite (coma o National Gallery) e ademáis ten unha exposición agora mesmo excepcional sobre Picasso. Non entendo iso das comparacións.
    O National History Museum de NY é espectacular, aínda que o inglés, coa súa arquitectura neogótica, resulta sempre fascinante.
    Sen embargo, para os que gostamos da arte contemporánea, poucos museos poden competir co Whitney Museum: a exposición retrospectiva do ano pasado de Tim Hawkinson foi impresionante: http://www.whitney.org/www/exhibition/past.jsp.

Los comentarios están desactivados.