Cultura e liberdade


Estes días no Master de Edición, onde impartimos o módulo de Promoción editorial e edición en Galicia, intentamos expresar o noso convencemento de que unha das función do traballo promocional dos editores é o de fomentar a lectura e os valores da cultura do libro.
Vía Txetxu atopo estes marcadores de Elkar, un bo exemplo deste tipo de traballo que, sen estar vencellado á promoción comercial específica de produto ningún, porén amosa o imaxinario procurado polos editores. En Galicia esta foi unha estratexia que empregamos máis na década dos anos noventa que hogano. As nosas campañas de “Facer lectores”, “A forza dos lectores” ou dos “Dez consellos para escoller un libro infantil” (tamén sobre o soporte dun marcador de lectura) asumían ese enfoque.
O fomento da lectura (como o do uso da lingua) non é unha responsabilidade que lle corresponda en exclusiva ás administracións públicas. A corresponsabilidades de todos os membros do sector (editores, libreiros, bibliotecarios, medios de comunicación e dos propios lectores) é indispensable para obter resultados. Por esa liña aposta o agardado Plan de lectura e a Lei do libro que o Goberno galego presentará a trámite parlamentario nos próximos meses (sempre que, e xa van meses e meses de adiamentos, o Consello Consultivo da Xunta emita o seu preceptivo ditame).

Etiquetas: , ,
22 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    ENTRA NO FORO LIBRE DE ARROUTADA NOTICIAS, BRAGADADO, HAI ALI UN DEBATE SOBRE AS VERGONZOSAS DECLARACIÓNS DE TERESA MOURE E DO AMEIXEIRAS ESE NO CULTURAL DA VOZ. LAMÉNTOO POR TI PERO TI CREACHES ESES MONSTROS.

  2. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Eses monstros creáronse sós, non lles fixo falta ninguén. Distinto é que Manolo poida dicir agora que os premios do Xerais os dá o xurado, un pouco de respecto. Lamento que a Moure, que é unha pésima escritora, e Ameixeiras, que nin a mal escritor chega, se presten a participar no que no fondo non é máis que un intento de seguir desprestixiando a Rivas e a De Toro.

  3. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Eu prefiro falar do que Bragado plantexa neste fío, o papel dos editores, o seu valor cultural. Creo que é moi importante.

  4. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Eu prefiro centrarme no que Bragado plantexa neste fío: a importancia cultural do feito de editar. O dono deste blog é un gran editor.

  5. Gato escaldado
    Gato escaldado Dice:

    Que me perdoe o do último comentario, ben sei que ten razón, pero veño de darme un paseo polo foro que recomenda o “anónimo” que escribe con maiúsculas e, logo de ler a reportaxe de La Voz, vexo todo ben máis claro.
    Con este creo que van tres reportaxes de La Voz dirixidos a segar a herba por baixo dos pés de autores e editores galegos. Dun xeito fino, xaora, pero tirando a dar. Parece coma se molestase que vaia habendo unha consolidación e unha certa visibilidade social.
    Quizais Moure e Ameixeiras dixeron todo o que se pon na reportaxe, non o poño en dúbida. Pero estou seguro de que dixeron ben máis cousas, e que a selección que fai o xornalista non é nada inocente.

  6. Peke
    Peke Dice:

    Pois eu acabo de ler a reportaxe e non entendo por que se lle dá tanta transcendencia ao que din. Son opinións persoais, non? Non teñen outro valor.

  7. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Estou con Peke. Lin o texto devagariño e non entendo a polémica. Moure e Ameixeiras defenden a súa poética e a súa visión do “espazo” literario galego (se a Teresa non lle gusta empregar o termo “sistema” ou “campo”, como preferiría o profesor Figueroa).

    Alentar esta “polémica”, como as valoracións de Jaureguizar no seu blog sobre a suposta soidade de Rivas e De Toro durante o premio Xerais (propias do lercheo e que, porén, con tanto entusiasmo o autor da reportaxe de “Culturas” asume como verdades absolutas), semellan só pretender fomentar un canibalismo cainita entre os nosos narradores. Cónstame que ningún deles comparte esa estratexia.

    Gostaría que os nosos debates nos blos, foros ou nos espazos literarios impresos xirasen máis sobre o terreos das poéticas artísticas e sobre os propios textos ca sobre este “cotilleo” impresionista sobre os autores e editores, que só leva a desprestixiar e minusvalorar o traballo que colectivamente vimos facendo.

    Por prudencia, prefiro non valorar aquí o enfoque da “reportaxe” en cuestión, nin os seus titulares e ladillos que poderían ter sido, quizais, máis afortunados. Responsabilidade do seu autor e do medio onde aparecen.

  8. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Ninguén pon en cuestión o dereito de todos a emitir as opinións que mellor lle presten. Non estamos falando diso. O que eu propoño é outra axenda de debates máis centrada máis sobre os textos ca sobre outro tipo de cuestións. Admiro e quero moito a Jaureguizar en todos os seus ámbitos profesionais e humanos; mais creo que non estivo moi atinado desta volta nos comentarios aos que me referín, como tantos outros pouco afortunados que teña feito eu neste espazo ou noutros blos.

  9. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Canta envexa hai neste país. E canto impresentable criticando a quen non coñece personalmente. Que noxo, canto paleto. Jódevos o éxito do rapaz, verdade? Sodes uns frustrados, ídevos ao gulag.
    Unha aperta, Manolo.

  10. O levantador de minas
    O levantador de minas Dice:

    O texto que presenta Jesús Flores na reportaxe é realmente desconcertante, confuso, demagóxico. Como pode un pensar que foi feito así propositadamente? Con que propósito? E se non foi deste modo, como se pode publicar un despropósito como ese? Xa dixen que quero pensar que os autores nin son tan superficiais nin tan irresponsábeis.

  11. Buff!
    Buff! Dice:

    Algúns dos comentarios son dunha transparencia case grimosa (no do uso das maiúsculas, a transparencia convírtese en pornografía, a pesar de que o seu autor é, sen dúbida, casto de libro). Destilan un terror só propio dun sectarismo ñoño. Case tan ñoño como o que exuda -síntoo- cada vez máis Manolo Rivas nas súas interminables intervencións, sexa cunha ponla de toxo ou cunha esfera de cristal.
    A cousa non ten termos medios para estes animaliños feridos: ¡monstros!.

    Semella que a leiriña literaria vese ameazada e -aínda que sempre sexan os mesmos insustanciais- oubea. Coidado, a pesar de que intúen o final, ás veces collen forza e matan.

    Manolo, están moi ben os comentarios que che están a facer nalgúns posts de Brétemas dende o último Xerais: non debes ir desencamiñado profesionalmente, cando reaccionan (cun tonillo de mafiosillos afeccionados de “amigo Manolo vas por mal camiño” que o di todo) así.

    Ameixeiras (Absolut corruption) será un éxito e seguirá traendo novos lectores ao galego. Ese idioma que esmorece mentres algúns seguen a chantar sebes de carballo e castiñeiro nas lindes das súas leiras.

    P.D. Ando moi preocupado: lin o da Voz e non lles dou atopado nin a Ameixeiras, nin a Moure nin tan sequera a Jesús Flores, nin o rabo nin os cornos (agás que estes sexan especularmente as patillas de Ameixeiras). Presbicia, sen dúbida.

  12. Anonymous
    Anonymous Dice:

    De verdade é necesaria toda esta acritude?

    De verdade non pode haber un pouco de tolerancia en todas as direccións?

    Polo amor de Deus, home…!!!

    (E Manolo Rivas, descúlpeme o autor da anterior mensaxe, é unha gran persoa e un gran escritor.)

    Boas tardes a todos.

    P.D. Saúdos a Bragado, que ten todo o meu recoñecemento e todo o meu afecto. Igual que todos os seus autores. Os del, e os que non o son.

  13. buff!
    buff! Dice:

    Hai momentos das discusións nos que non se pode ser tolerante cos que, sen lér aínda unha novela, permítense destrozala, cun sectarismo intolerable. Non hai que asustarse por un certo cabreo, que é moi san.

    Manolo Rivas é un bó rapaz e un bo escritor. A min case non me gusta e parécemo ñoño e, en directo, un tanto pedante. Pero para gustos, xa se sabe…

  14. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Señor Buff, contéstolle, unha vez máis discrepando, porque vexo que tivo a amabilidade de responder ao meu comentario e porque antes esquecín dicirlle que escribe vostede verdadeiramente ben, permítame o subliñado.

    Manolo Rivas é autor dun libro que eu, moi modestamente, considero impagable: En salvaxe compaña.

    E o seu non é a ñoñería, senón a sensibilidade. Eu reivindico para min o dereito a emocionarme, e para os demais deféndoo igual.

    Por outra banda, e permítame que me extenda -eu non son moito de blogs pero estoume afeccionando a ler este de Bragado, desculpen os habituais este par de intervencións miñas- non creo na acritude. Defendo a necesidade da tolerancia. E xa sei que os que frecuentan estes lugares de encontro virtual discrepan cunha vehemencia que non é tal, senón parte dun xogo, pero a min non me gusta.

    Reciba todo o meu afecto.

    Xa sei que nestas cousas non se asina se non se ten un blog, pero permítame dicirlle que aquí ten un irmán.

    Bos días, boa sorte.

  15. Anonymous
    Anonymous Dice:

    ¿E tí, levantador de minas, quen eres para quedarte co nome de Jesús Flores, como amenazas no teu blog? ¿Eres ti o garda das verdades absolutas? Cando menos, él presenta unha reportaxe no suplemento cultural da Voz -por certo, bastante leído despois de ver toda a polvareda que levantou o seu artigo en Intenet- co seu nome, non con un seudónimo ¿Alguén se cré que a Voz pode ter algo en contra da cultura galega cando publica tódalas semanas un suplemento cultural? ¿Alguén se cre que un xornal como a Voz pode ter na súa nómina a un descerebrado ou a un manipulador, como ti insinúas? Como di o refrán, non hai peor cego que o que non quere ver, e o certo é que, quéralo ou non, o galego está nunha situación moi fodida, e negalo, ou peor aínda, criticar a quen o recoñece, como fan Moure e Ameixeiras, semella a pataleta de quen non ten respostas ou, peor aínda, de quen prefire que se manteña a situación actual. Porque a endogamia da cultura galega é un dos peores males que ten este país

  16. O levantador de minas
    O levantador de minas Dice:

    Faga o favor, ente anónimo, de non se quentar, que ben puido ver que non ameacei nin insultei a ninguén. O asunto destes comentarios non vai ser que comecemos a brigar, porque nin interesou nin interesa personalizar senón discutir actitudes no marco das accións culturais. Diga vostede o que queira a partir de agora que eu xa calo, pois ao final… acaso non é vostede o autor máis prolífico da literatura universal?

  17. Anonymous
    Anonymous Dice:

    De verdade que me fai dano ler este tipo de cousas (xa antes intentei mandar un comentario, pero pola miña impericia informática non saíu.

    Que crime fan Teresa Moure e Daniel Ameixeiras por escribir en galego, por publicar en galego e por dicir o que estimen conveniente sobre o galego ou sobre o que lles veña en gana?

    Que crime é dar a coñecer a súa obra e as súas opinións?

    E que crime é, sobre todo, que un suplemento cultura da calidade do da Voz, o mellor deseñado de España e unha auténtica referencia, lles dedique unha portada, por certo coma case sempre magnífica?

    Creo que o que lle habería que dar a ese suplemento é as grazas? Pero non o facemos? Trabamos sempre nas nosas propias mans.

    Déome moito isto.

    Moito. Saben…?

    Igual é certo que non podemos ter outro destino que a extinción.

    Eu, desde aquí, doulle as grazas aos escritores, aos xornalistas, aos suplemento Culturas é á Voz.

  18. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Vai o meu primeiro comentario nun blog. Fágoo pq lin a nova sobre a polémica na Voz, eis exemplo do impacto dunha reportaxe como a publicada hai uns días sobre Ameixeiras e a Moure. A miña opinión é que ese tipo de coberturas poden facer moito pola nosa literatura e que haxa moitas máis. Agora ben, a elección dos escritores é, xaora, cuestionable, como o é a calidade das súas novelas e as de calquera outro escritor na nosa lingua ou en calquera outra lingua. Coido que debe darse a benvida a ese tipo de reportaxes sempre que teñan continuidade con outros escritores de máis méritos (hainos abondos). Xa que estou, dou a miña opinión sobre estes. Non me interesan as novelas do Diego pq me parecen típicas e intranscendentes, pero entendo que poidan captar un público novo para as nosas letras. Lin con gañas Herba Moura, da Teresa, e recibín a decepción literaria do ano. Pareceume “desestruturada”, artificiosa e pretenciosa (distinto a ambiciosa). Porén, entendo meritorio o traballo lingüístico pero non consigo entender o éxito da historia nin as súas críticas excelentes. En calquera caso, coido que o labor que está facendo Xerais é imprescindible para a nosa cultura e anímoo a seguir nesa liña.
    Respecto ao fenómeno blog, teñamos os pés na terra: á vista das intervencións, esta polémica difundida pola Voz a penas nos interesou a media ducia.
    Por último, súmome á campaña do Bragado: lede en galego, haino bo.
    Saúdos fraternais, Fausto

  19. 4º interculturalidades - Brasil Profundo
    4º interculturalidades - Brasil Profundo Dice:

    Olá, sou nova no Blog e gostaria de divulga-lo.
    Meu Blog é sobre um projeto que acontece todos ano no Centro de Artes UFF, em Niterói/ RJ
    Passe lá e confira!
    Obrigada

Los comentarios están desactivados.