O futuro do Castro
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da publicación do libro de Jaime Garrido, El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo (Deputación Provincial de Pontevedra 2011), propoño a redacción dun plan director do monte do Castro que preserve o seu patrimoio arquitectónico e natural.
Cando queremos fachendear de cidade fermosa diante dos visitantes non dubidamos en levalos ao monte do Castro. O formidable outeiro das murallas do Castelo, os miradoiros das áncoras de Rande ou do poeta Martín Códax son anfiteatros privilexiados para gozar de toda a beleza inquedante da ría e do farturento val do Fragoso, para pasmar co ir e vir das embarcacións dos portos ou para identificar entre a xeometría aceirada das guindastres dos asteleiros e dos tellados das naves do enorme recheo de Bouzas o latexar industrial dunha cidade que non desiste. A visita ao Castro é, ademais, para o viaxeiro curioso unha posibilidade magnífica de comprender o que foi a historia da nosa cidade, dende a súa orixe castrexa e as pegadas que deixou a economía marítima romana, pasando polo esplendor dos trobeiros medievais, deica a actual cidade portuaria atlántica, que agromou nos areais do Berbés e se estendeu até Guixar e Samil.
Jaime Garrido Rodríguez, un dos mellores coñecedores da historia viguesa e do seu patrimonio arquitectónico, emprega unha estratexia de comunicación semellante no seu libro máis recente, El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo (Deputación Provincial de Pontevedra 2011). Un documentadísimo volume no que esculcando en todos os eidos desas 17 hectáreas, ubicadas na zona central de Vigo, ofrece tanto unha radiografía do estado actual e da problemática do noso primeiro parque urbano como un ameno percorrido pola nosa historia milenaria. Dende o parque arqueolóxico, museificado neste mandato da corporación, até a orixe da edificación e o estado actual do castelo da nosa señora do Castro, Garrido achega múltiples documentos (fotos e planos), algúns inéditos ou escasamente divulgados, que axudan a coñecer o valioso patrimonio arquitectónico e natural alí existente. Son de salientar os capítulos dedicados á ubicación do castelo do Penço, a descrición das fortificacións do castelo e ao asedio que sofriu en 1719 por mor da invasión inglesa. Como moi clarificadoras son as páxinas que explican as condicións da cesión ao pobo de Vigo do monte do Castro por parte das Cortes e os proxectos de axardinamento que en 1903 realizou o arquitecto Jenaro de la Fuente, case coincidindo coa instalación alí do primeiro depósito municipal de augas. Mais. Garrido, como xa fixera en libros anteriores, especialmente no seu clásico Vigo, la ciudad que se perdió, alerta sobre os numerosos desaforos e excesos cometidos no monte do Castro ao longo dos últimos cincuenta anos, propoñendo actuacións recomendables para a súa posta en valor e protección, especialmente no que atinxe ao conxunto do parque, ao castelo e ás excavacións arqueolóxicas.
Ten toda razón Jaime Garrido cando denuncia as construcións adosadas ao castelo, un monumento datado na metade do século XVII e hoxe sometido a protección como ben de interese cultural. Rematadas as concesións municipais dos tres establecementos hosteleiros existentes no parque, o concello de Vigo debería ter a coraxe de derrubalos e acometer un plan de recuperación integral das murallas do castelo. Como tamén a posúe cando denuncia que o monte do Castro se convertiu no primeiro aparcamento gratuíto do centro da cidade, xa que son centos os coches que durante todo o día permanecen estacionados nos diversos paseos asfaltados, o que semella incompatible cun espazo concibido para o lecer e o acougo, onde os peóns deben de ter preferencia absoluta sobre os vehículos a motor.
O monte do Castro, como o parque de Castrelos, son senllas pezas preciosas e primeiras do noso patrimonio natural e arquitectónico que merecen unha protección integral da que hoxe carecen. E como tales deberían ser peonalizados, sometendo o tráfico ás restricións precisas e acoutando a posibilidade de aparcamento a espazos moi concretos e a un tempo reducido. O monte do Castro require un plan director que contemple a recuperación da muralla e dos baluartes do castelo, mais tamén que facilite o desenvolvemento das excavacións do Parque Arqueolóxico e o arranxo de espazos especializados para o goce dos pequenos, da mocidade e das persoas maiores, os seus principais usuarios. A retirada da chamada “cruz dos caídos” debería incluírse no marco dunha nova estratexia da súa transformación en espazo cultural, sobre todo no actual Paseo de Rosalía de Castro, onde poderían estar presentes os textos da padronesa universal. Como especial atención merece o coidado do patrimonio forestal e floral do parque e do seu albeiro, así como o arranxo dos vieiros, carreiros, vereas ou sendas, que constitúen a única oportunidade que teñen milleiros de cidadáns para durante unhas horas camiñar por terra, gozando da súa fragrancia e do benestar que iso ocasiona. Eis o futuro do Castro.