Onte 1946: Fervenzas Literarias 2017
Coa súa puntualidade característica o anuncio dos premios Fervenzas Literarias abriu onte a rolda de galardóns anuais á obra editada en lingua galega e ao recoñecemento do activismo no sector editorial e da lectura en lingua galega. Uns premios outorgados dende 2007 por esta pioneira revista dixital literaria en galego, á que non é allea a teimosía e o rigor do bibliotecario Nacho Alonso, que se foron consolidando tanto como referentes da popularidade na rede (nesta edición superáronse o medio millar de votacións) como pola súa influencia para marcar tendencias de escollas posteriores.
No que atinxe ao noso traballo como editores de Xerais quedamos ben satisfeitos polo feito de que catro das nosas obras fosen consideradas como “mellor libro do ano” nas modalidades de narrativa, A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo; na de teatro, Suite Artabria de Manuel Lourenzo; na de libro infantil e mellor capa de LIX, A señorita Bubble de Ledicia Costas e Andrés Meixide; e na de mellor capa de adultos, Luns de Eli Ríos, sobre fotografía de Paula Gómez del Valle. Como tamén é unha satisfacción que Víctor Rivas fose escollido como “mellor ilustrador do ano”, ao que sabemos non foi alleo o seu traballo man con man con Ledicia Costas nas obras do proxecto Escarlatina. Como tamén nos orgulla o feito de que as obras de Xerais fosen elixidas nos postos relevantes de case todas as modalidades, o que constitúe un estímulo para os autores e autoras como para cadro de profesionais da editorial. Xaora, tampouco pode negar que constitúe para min unha ledicia o feito de que outro ano máis Culturgal fose “o mellor acontecido en 2017”, o que supón un recoñemento para o labor discreto dos que nos responsabilizamos da asociación Culturgal e, sobre todo, do equipo de profesionais dirixido por Xosé Aldea.
Todas as persoas premiadas e todas as finalistas destas Fervenzas Literarias 2017 merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega para ampliar a diversidade e a calidade do espazo da edición e da literatura galega. Como sinalabamos o pasado ano, esta nova colleita de Fervenzas expresa “a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos”. A pesar de que continuamos á intemperiem seguimos vivos e con azos anovados.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir