Volve Carlos Núñez: "Alborada do Brasil"
O vindeiro 16 de xuño aparecerá Alborada do Brasil, o novo disco de Carlos Núñez. Onte limos as primeiras informacións sobre un proxecto do que sabiamos traballaban, dende hai tres anos, Carlos e o seu equipo. Sentinme afectivamente vencellado a este proxecto desde as nosas primeiras conversas con Carlos e Fenrnando Conde sobre as relacións entre Galicia e Brasil, e, sobre todo, pola proximidade das nosas músicais tradicionais (ai, Antonio Nóbrega!, aínda por descubrir en Galicia). Agora, cando está a piques de aparecer (tanto o disco como a película do proxecto de investigación), a nosa ilusión medra.
Un cento de músicos participan no disco, dende Carlinhos Brown, Lenine e Adriana Calcanhotto á Escola de Samba de Beija Flor. Os trece temas supoñen unha viaxe pola diversidade das músicas do Brasil, dende o choro e a samba (presente en temas como “Vou vivendo” e “Alvorada de Cartola”), pasando polas percusións de estética medieval (“Nau bretoa”), á “bossa nova” e ás sonoridades gauchas do sureste. Nuns días seguro que temos oportunidade de escoitar algúns temas de primicia.
Actualización (31-05-2009): «Brasil somos nós», texto en primeira persoa de Carlos Núñez para La Voz de Galicia. Copiamos un anaco dun artigo ben bonito:
Brasil sempre ten sido para os galegos unha patria secreta onde desaparecer. En Brasil falan a lingua seguramente máis semellante ao galego que existe, se non é a mesma… No Brasil segue viva a alma da gaita, transmutada noutros instrumentos. Alí, a cultura das cantigas medievais galego-portuguesas, os nosos instrumentos musicais cáseque desaparecidos, as nosas tradicións… mesturáronse e fixéronse universais. En Brasil vive o noso pasado e quen sabe se o noso futuro.
Alí atopamos a nosa desexada síntese entre a cultura urbana e rural. No Brasil, as ondas do mar, a alborada, as noites de luar, as estrelas, as fogueiras de san Xoán, as sereas, as bruxas e o orballo, por non falar dos nosos diminutivos… gozan do glamour do artisticamente universal. Dito con outras palabras: no Brasil vive unha Galicia cool . Imaxinade a cara coa que ficaron os da Sony cando lles contei todo isto mentres escoitabamos o disco: «¡Carallo con estos gallegos! Ahora van y crean la música galego-brasileira!».
O caso é que volvo a casa convencido de que a nosa relación con Brasil pode ser clave para Galicia na nosa continua reinvención do país e, por que non dicilo, na creación de novos mercados. Sei que está todo por facer, pero penso que poderíamos estar diante dunha nova conexión artística tan potente como foi a música celta, coa que dalgún xeito conseguimos, dende mediados dos anos noventa, poñer a Galicia no mapa para moita xente.
Na ronda de sabios que entrevistamos para o documental que estamos a facer en paralelo ao disco, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, xa nos avisou: «Brasil é unha grande aposta, non só económica, senón tamén cultural». O meu amigo Manuel Bragado, director de Xerais, resumiuno en tres palabras: «Brasil somos nós». Hai pouco tempo, Juan Luis Cebrián foi aínda máis alá e dixo que «Galicia ten a sorte de ser a terra das cantigas e pode ser a ponte de España e Europa co Brasil».