Onte 1050: Accidente no Fiouco
Non me sorprendeu o grave accidente na A-8 no Alto do Fiouco (700 metros) no que participaron medio cento de vehículos. Desde a primeira vez que pasei por estas fermosas cotas da Corda, entre a ventada e as brétemas, co asubío rítmico dos virandelos, collinlle medo a este paso, mesmo a pesar de que estar iluminado por balizas antinéboa día e noite. Trazar esta autovía polos cumes bretemosos da Corda semella foi outra decisión arriscada do Ministerio de Fomento de Magdalena Álvarez urxido pola finalización das obras da Autovía do Cantábrico que acumulaba unha década de atrasos. Ben está lembrar hoxe que este treito entre A Xesta e Lindín foi adxudicado en 2007, despois de modificar o proxecto inicial que contemplaba un viaduto por outra vertente, cuxa cota máxima era duns 500 metros. Como tamén é necesario recordar que as reiteradas denuncias sobre a perigosidade do trazado realizadas polos alcaldes de Mondoñedo e Abadín, apenas aberto, nunca foron atendidas por Fomento. Mágoa da enfermeira falecida e das trinta persoas feridas nun accidente que podería ter sido evitado. Que agarda a actual ministra de Fomento para ofrecer unha alternativa que evite a perigosidade dun trazado de autovía que foi aberto por ela hai menos dun ano? Pasando polo Fiouco compréndese que as brétemas son incompatibles coa velocidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir