Onte 626: Porto Cabral
Non é doado xustificar a oportunidade do macroproxecto de centro comercial e de lecer de Porto Cabral promovido no concello de Vigo polo fondo de investimentos Eurofund Investments en joint venture coa empresa británica INTU especializada en shopping resort. Nin os tres mil empregos prometidos na súa construción e apertura nin os 18 millóns de euros que a Comunidade de Montes de Cabral recibiría polos terreos nin sequera os 15 millóns en cargas que supoñería para as fracas arcas municipais semellan argumentos suficientes para avalar semellante proxecto.
É innegable que o proxecto de Liñeiriños arruinaría para sempre unha parte da coroa vexetal que protexe a cidade de Vigo, en concreto medio millón de metros cadrados, dos que 300.000 son de propiedade veciñal. Non é crible o número de traballos prometidos polos promotores, como xa sucedeu na construción do hospital de Valadares, hoxe un elefante branco, sendo pola contra un agravante a destrución de empregos (estimada en 6.000) que provocaría no tecido do pequeno comercio vigués, tanto no do centro coma no de todos os barrios. Como é unha evidencia para a cidadanía viguesa o fracaso de todos os novos centros comerciais, convertidos inicialmente ( a Laxe) ou reconvertidos en macroximnasios (Praza Elíptica), así como a inevitable saturación que se producirá cando sexan inaugurados os dous que están en construción no Calvario (no que foi o edificio Bandeira) e na nova estación do AVE en Urzaiz. Saturación que xa se produciu noutras cidades galegas coma a Coruña, nas que agoniza Dolce Vita e o macrocentro Marineda, a pesar de contar con motores como IKEA e El Corte Inglés, só funciona con auténtico pulo os sábados e cando abre os domingos.
Con todo, máis alá dos argumentos de oportunidade e sostibilidade económica e medioambiental, a cerna do macroproxecto de Porto Cabral está na desafortunada clasificación que dos terreos forestais de Liñeiriños fixo o PXOM de Vigo, que dende a súa aprobación pasaron a ser urbanizables. Unha cualificación da que son responsables todas as forzas políticas que avalaron o documento urbanístico, probablemente asumindo os beneficios que esta actuación supoñeria para o financiamento público doutros desenvolvementos previstos no PXOM, como a Cidade do Deporte de Valadares, a apertura da nova (e polémica) Ronda de Vigo, entre a avenida de de Buenos Aires e o concello de Nigrán, como a recuperación do bosque de Cotogrande. Non obstante, non deixa de ser unha coincidencia moi chamativa que o arquitecto responsable da Xerencia de Urbanismo durante os mandatos de Castrillo, Pérez Mariño e Porro, un dos redactores máis destacados do PXOM, sexa agora o asesor técnico dos promotores de Porto Cabral.
A pesar da protesta cidadá e da resistencia que o proxecto está recibindo dunha parte dos comuneiros de Cabral, a pesar da oposición unánime das tres centrais sindicais e (só) dos partidos de esquerda, a pesar das inequívocas mostras de agotamento destes templos do consumo compulsivo en tempos de crise e desemprego elevadísimo (máis de 50.000 persoas na área metropolitana viguesa), non vai ser ser doado paralizar un proxecto sobre o que se moven fíos moi poderosos e un investimento estimado unha veces en 500 millóns de euros (para entendernos, máis do que se leva enterrado na Cidade da Cultura) e noutras até en 1.300 millóns, un baile de cifras (total que son 800 millóns de euros) que dá aínda máis para desconfiar sobre a fiabilidade do proxecto e dos seus promotores. Sexa coma fose, outra vez, David contra Goliat!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir