Maré

Ten moita razón Jaureguizar. O traballo de Maré é moi valioso. No cativo mundo cultural galego (éche máis pequeno do que cre a maioría) sofrimos do andazo dos prexuízos e das máis chuscas clasificacións apriorísticas, razón pola que resulta necesario salientar contribucións como as de Lopo e a súa xente. Xeralmente as opinións sobre a cultura (sexan as dos creadores, editores ou mediadores) son rotundas e pouco matizadas. Empréganse para opinar os mesmos criterios dos xogos dos pequechos: “Gústame / Non me gusta”; ou aqueloutro máis propio dos maiores: “Quérote / Ódiote”. Existen poucos matices e escaso interese por abrirse á sorpresa ou ao aire novo que pode chegar de calquera recunchiño, por moi afastado ou achegado que for. En Galicia, na cultura galega, falta curiosidade.

Maré combate ese andazo simplificador realizando un seguimento constante da nosa produción cultural cun criterio aberto e xeneroso. Se isto non abondase, semanalmente, agasállanos coa RDL, esa rareza engaiolante da que hai poucos precedentes na prensa española. Seguimento que, sendo xustos, tamén cómpre gabar noutros espazos, como no admirable Diario Cultural de Romaní ou no Faro da Cultura de Pena.

No noso debate político e cultural (se podemos falar de que exista un verdadeiro debate) faltan maiores doses de sutileza, elegancia, imaxinación ou humor, as armas coas que conta a creación cultural. Sobran os litros de vitimismo e cainismo que, en doses narcotizantes, nos asolagan coa súa simpleza. Semella que existise un xen galego destinado á crítica banal e arrogante, fundamentada en esencias que se esvaen coma o fume. Hoxe a resistencia cultural (a vía da disidencia fronte o lixo homoxeneizador) non se constrúe con certezas (escasas, supoño), senón coa capacidade de mirar cara os vagalumes do horizonte que case non sabemos interpretar.

Ten razón Jaureguizar. Maré non debe faltar na nosa lista diaria de favoritos.

Como mostra de sutileza e elegancia aí temos as traducións galegas coas que nos agasalla Kavafinho. Hoxe, “O albatros” de Baudelaire. Cadrando as rimas. Beizóns para el.