Campo do Fragoso XLVI
AUTORIDADE
Fronte ao Xerez xogou o Celta o seu mellor partido, nesta difícil andaina para recuperar a categoría. A Stoichkov saíulle moi ben a súa aposta pola calidade e o fútbol combinativo aliñando xuntos a Canobbio, Larena e Diego Costa, hoxe os tres xogadores celestes con máis capacidade para mover a pelota con criterios de profundidade. Dende os intensos minutos iniciais, os célticos impuxeron a súa autoridade (algo que moito botabamos en falta), desenvolvendo un xogo máis ordenado, ligado e dominante ca en ningún outro encontro. Así chegou o primeiro gol de Canobbio, froito dun magnífico pexegazo seco, raso, perfecto. Mágoa, que despois, os de Stoichkov, incomprensiblemente, perderan a tensión, deixando o control do balón aos andaluces que, avisaron do seu perigo cun magnífico xute dende a frontal, salvado por unha estirada inmensa de Pinto, que, cinco minutos despois, xa non puido evitar o empate nun contragolpe xerezano que non souberon defender os lentísimos centrais galegos (máis cedo que tarde, haberá que contar con Lequi e Contreras, a parella de apartados). Na reanudación, o Celta recuperou o pulo e a orde ofrecendo os mellores minutos da tempada. Larena tomou con autoridade o mando do xogo, suturando case todas as xogadas de ataque. Así chegou o primeiro dos goles de Diego Costa (anulado por fóra de xogo inexistente, tras un contra fermosa, triangulada por Larena e Núñez) e o segundo, tras un servizo espectacular de Canobbio, un xogador imprescindible que, a pesar da súa desesperante intermitencia, sabe poñer as pingas de calidade e sentido necesarias para recuperar o relato celeste. De novo, co marcador por diante, os celestes medraron e chegaron ocasións a moreas, o golazo de Mario Suárez e a ledicia á bancada. Non hai dúbida, o fútbol é a creación de sentido atacante, só así chegan as vitorias e aparecen alustros de beleza efémera sobre a lameira. Semella que Stoichkov vai achegándose ao equipo ideal, na procura do camiño desas tres vitorias consecutivas que nos coloquen nos postos da ilusión.
Stoichkov destituido. Eu non entendo nada. Desexaría que deran explicacións convincentes sobre esa decisión.