Onte 304: A devolución do Códice Calixtino
A cerimonia que montaron Rajoy e Feijoo para escenificar a devolución do Códice Calixtino á Igrexa lembroume os esperpentos do nacional-catolicismo. Policías uniformados nunha banda, a curia compostelá enfatada noutra e os políticos do goberno en primeira fila participaron nun acto que non tiña outra intención que darlle ao presidente a oportunidade de por fin «anunciar» nas televisións unha boa noticia. Rajoy nin sequera reparou na oportunidade que tiña para reclamarlle á Igrexa rigor na protección do patrimonio ao seu coidado e un compromiso por facilitar o seu acceso a toda a cidadanía, sen esquecer as medidas de seguridade que levan faltando na catedral e a xestión transparente dos recursos que recibe dos seus milleiros de visitantes. Esta escenificación, tan innecesaria coma gratuíta, dunha devolución que todos vimos se produciu o pasado xoves, afasta aínda máis á cidadanía duns políticos de foto, obsesionados por vender como propia, diante dos medios, cada unha das actuacións da administración pública. Mágoa que esa escenificación fose tan torpe, amosando, tanto o presidente coma o arcebispo, un descoñecemento do manexo da peza que tiñan entre mans, que deberían ter acariñado con luvas, como merece un tesouro bibliográfico do século XII. Sobre o que pode haber detrás do roubo do Calixino e sobre o que ven sucedendo na catedral recomendo a anotación de Fran Lorenzo, mellor e máis claro non se pode dicir.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir