A derrota de Galicia
Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a presentara análise que Antón Baamonde realiza no seu ensaio A derrota de Galicia.
A pasada semana presentouse na Feira do Libro de Vigo “A derrota de Galicia” (Xerais 2012), o máis recente ensaio de Antón Baamonde, un dos pensadores máis orixinais e independentes do noso tempo. O acto pasou inadvertido para a axenda dos medios de comunicación, dos partidos políticos e “elites” viguesas, a pesar do grande interese das ideas de Baamonde para realizar un diagnóstico e unha prospectiva dun país, hoxe baixo mínimos, sometido aos efectos dunha crise económica e política que ameaza con liquidar o seu modelo de convivencia e gobernanza.
É innegable que Galicia sufriu unha transformación urbana nos últimos trinta anos, no que liquidou o seu sector primario –hoxe apenas representa o 7% da poboación activa–, e acometeu, ao abeiro do seu desenvolvemento autonómico e da integración europea, unha modernización das súas infraestruturas. Un proceso exitoso –Galicia reduciu de forma moi importante o seu diferencial de renda per cápita con respecto á media española e da propia unión–, mais que non estivo exento dalgúns erros e excesos, provocados na súa maior parte polas doenzas do clientelismo como forma de participación política, do localismo como modelo de organización territorial e do capitalismo dos lobbies vigués e coruñés como modelo de organización financeira. Aeroportos a menos de sesenta quilómetros; portos exteriores enfrontados no mesmo treito de costa; contedores culturais megalómanos –non só o caso extremo da Cidade da Cultura, tamén os promovidos pola competición de egos entre as caixas–; campus universitarios en todas as cidades, mais con políticas educativas, lingüísticas e culturais de baixa intensidade foron algúns froitos desta concepción modernizadora daqueles tempos dourados onde gobernaban en Galicia Fraga, Vázquez, Méndez e Gayoso.
No obstante, como salienta con afouteza Antón Baamonde, intentando restituír unha versión real do país, nos últimos anos Galicia colleu unha derrota –entendida como “deriva” ou “rota”– moi incerta que a pode levar, no marco do proceso de recentralización en marcha, se non é quen de resistir semellante asedio, a desaparecer como entidade política. Galicia xógase hoxe o futuro do seu autogoberno. É certo que a Galicia de hoxe non obedece á imaxe dun país rural e atrasado, cando xa o 70% da súa poboación vive nas cidades, mais tamén nas palabras do ensaista vilabés “é posible constatar a inexistencia dun proxecto propio que non sexa pasivo, inerte, respecto da evolución xeral española”. Aí residiría a preocupante derrota actual.
Atallar a debacle demográfica, o primeiro problema do país; abordar a desintegración territorial entre as provincias da beiramar atlántica e do interior; artellar unha nova administración local –substituíndo ás deputacións, nas que, a pesar das políticas de austeridade selectiva, continúa empregándose o modelo clientelar– entre áreas metropolitanas, comarcas e un número máis reducido de concellos foron cuestións que a actual Xunta de Galicia presidida por Feijoo adiou ao longo da lexislatura, probablemente por intereses electorais e de cohesión do Partido Popular de Galicia.
Como non poden ser nin xustificadas nin entendidas polos rigores da austeridade das políticas de consolidación fiscal a incapacidade demostrada polo actual Goberno Galego para promover políticas activas de emprego, cando estamos diante das maiores taxas de paro da historia autonómica; para continuar coas políticas de I+D+I promovidas polo goberno de coalición do PSOE-BNG, achegando horizontes de esperanza para manter na propia terra á xeración mellor formada da nosa historia –máis alá de entregarlles cheques de dous mil e pico euros e agasallar maletas aos mellores expedientes universitarios–. Como tampouco se comprende a falta de vontade deste executivo, demostrada teimosamente dende o inicio desta lexislatura, de asumir unha cota de corresponsabilidade no futuro do idioma, da cultura galegas e dos medios de comunicación que estruturan a identidade e o espazo comunicacional propios.
Lendo nas páxinas do recomendabilísimo ensaio de Baamonde semella que non vai ser doado reorientar esta derrota. Para iso sería imprescindible que a identidade de Galicia fose “proactiva, de futuro, tecida sobre a base de novos consensos sociais e inscrita na sociedade-rede mundial”. Unha identidade transformada en norai, un punto de amarre capaz de evitar a disgregación social, unha referencia que permita enmarcar o territorio, a historia e a cultura no mundo dos fluxos e transformacións dun tempo de tránsito. Con todo, semella que a clave para o éxito deste proxecto de cambio de orientación está no dinamismo e na enerxía da sociedade civil galega. Evitar a derrota de Galicia depende da cidadanía galega.
parafraseando: hoxe o noso pais é maioritariamente urbán… e atrasado. Ogallá fose rural…
Caro Manuel.
Interesante artigo pese a non ter lido o ensaio si podo ser tan pesimista como o autor, poucas cousas positivas aparecen na nosa terra(todo son sombras ……e mais ,mais) discrepo igualmente cando citas que nestes tempos fumos equiparandonos a España e A Europa, recordo que diciase que estabamos no /5 5 da media europea despois pasamos ó 80 % do indice de riqueza europea(mais por abiaxo que por arriba) xa que sabes que entraron paise o leste de Europa e por ahi foi a melloría…o abandono do rural lastimoso, a demografía peor……e donde están tantos millons europeos invertidos aqui(mais de 800000 mais ou menos) e dificil ser optimista ante este panorama diario so temos que pasear as nosas ruas viguesas para atestiguar a nosa situación e o mias grave e que o PP parece que vai tornar a ter maioria……que espanto.Un abrazo e grazas pola tua atencion e tempo.änimo.