5000
Estas brétemas acadan con esta anotación o seu número 5.000, unha cifra redonda na que paga a pena deterse despois de case once anos blogueando con continuidade en galego. Cando cheguei a anotación 1.000 fixen unha anotación sobre os temas, as razóns, as textualidades e as prácticas nas que acreditaba daquela, hai nove anos. Reléndoas, volvo subscribilas, mesmo a pesar de que coa chegada das redes informativas e sociais os blogs perderon público e participantes, xa que a conversa e as comunidades de lectores e lectoras mudou a esoutros espazos.
Ao longo desta década os blogs en galego mudaron. Moitos daquela comunidade do blogomillo desapareceron, sobre todo aqueles que utilizaban a escrita en primeira persoa, xenuína do seu carácter de bitácora, impregnada de vontade de estilo e experimentación hipertextual. Mais outros pioneiros como O Capítulo Cero do meu admirado Manuel Gago continúan coa súa teima entusiasta, investigando espazos hipertextuais e sorprendendo cada día, demostrando que a escrita blog está máis viva ca nunca. Outros especializaron o seu contido nalgún eido da nosa creación cultural, fose o da crítica literaria, o do cinema, o da gastronomía ou o das tecnoloxías dixitais. E, por ventura, naceron moitos outros, sobre todo de iniciativas colectivas e educativas, fosen con carácter didáctico, político ou de intervención social. Con todo, a pesar de semellante diversidade e competencia de Facebook, Twitter e outras redes máis especializadas, os blogs continúan conformando a cerna da identidde dixital dos seus autores e autoras, tanto polo extraordinario valor do seu arquivo (unha utilidade da que carecen as anotacións e debates en FB, tan efémeras), como pola posibilidade de etiquetar e clasificar o contido, contribuíndo a enriquecer a rede semántica en galego.
Ao longo destas 5.000 anotacións fomos introducindo algúnhas innovacións tematicas, como a atención específica ao cinema, que dialogan cada semana coas crónicas futboleiras, os artigos políticos e as novidades e crónicas de presentacións e actos literarios. En todas elas aposto pola brevidade e pola precisión hipertextual das anotacións, que procuro non excedan as 150 palabras, acompañadas dunha imaxe ou vídeo significativo.
Máis dunha vez valorei abandonar a escrita do blog, xa que eran moitas e poderosas as razóns para facelo, dende a falta de tempo para esta escritura diaria como pola melancolía provocada pola crítica situación de conformismo político e cultural que sufrimos en Galicia. Porén, sempre atopei razóns e folgos para continuar un treito máis e facelo coa humildade e a teimosía do primeiro día. Brétemas pretende informar e opinar, sen dogmatismos nin sectarismos (comportamentos que aborrezo), coa intención de construír coñecemento e aprendizaxe dunha forma compartida e en lingua galega. Grazas, moitas, ás persoas que se achegan cada día a este espazo que pretende incitar a albiscar no neboeiro. Seguimos.
Brétemas é máis que un blog. Case me atrevo a dicir que é un medio de información necesario na cultura galega.
E iso grazas tamén ao bo criterio do autor, capaz de afondar e de manter a pluralidade nun corto espazo.
Noraboa.
O sigo dende fai anos. Sempre interesante . E nestes días notase moi contento co Celta
Noraboa dun que tamén segue anque sexa a outro nivel de calidade.