Estado de alarma

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao estado de alarma declarado pola pandemia COVID-19:

O pasado xoves un rapaz de segundo de Primaria do cole de Cedeira preguntoume «se iamos morrer todos». Contesteille decontado cun «claro que non, non te preocupes, todo vai ir ben», mais non podo negar que a pregunta no contexto dunha conversa escolar sobre o coronavirus me confundiu e me levou a remoer sobre cal é a percepción e o impacto emocional que esta crise xera nas crianzas. A pregunta provocoume certa ansiedade tinguida de tenrura pola claridade coa que o neno expresaba ese temor ao descoñecido e ao imprevisible, quizais percibido nunha conversa na casa ou no patio, que todos debemos afrontar no actual estado de desconcerto. Na aparición dese medo, esa confusión imprevisible, caótica e ameazadora, esa emoción que aparece cando cremos inevitable que nos pase algo malo, daniño ou doloroso, está a cerna desta crise inédita nas nosas vidas que nos reclúe na casa diante das nosas pantallas onde experimentamos e compartimos o asombro de vivir algo que pensabamos nunca nos podería suceder a nós.

Un asombro que para a nosa incredulidade amosa que estes abraiantes e paradóxicos anos vinte agochan un mundo en imprevisible mudanza inzado dos medos provocados pola emerxencia climática, polos desastres meteorolóxicos de tremendos temporais e longas secas, pola aparición dos novos autoritarismos trumpianos e xenófobos en todo o mundo, polas crises económicas periódicas dun capitalismo financeiro impaciente, polas aplicacións da intelixencia artificial e da robótica, polas crises humanitarias de millóns de persoas migrantes ou por esta inesperada pandemia… Tolos anos vinte que a ficción actual da BBC e HBO intentaron representar en series impactantes e moi recomendables como «Years and Years» (2019), un inquedante prognóstico sobre o noso futuro inmediato, mais que como sinalou o poeta Lois Pérez estes días nun seu chío memorable non poden aínda superar á «realidade no seu achegamento á morte, como límite invariable e absoluto da vida». Tempos nos que a pesar de todo hai espazo para a inocencia, a curiosidade e a construción dun mundo alternativo sempre que abandonemos o noso espazo de comodidade e esteamos dispostos a preguntarnos como podemos contribuír a atopar unha saída para a comunidade humana á que pertencemos.

Estado de alarma que en pleno curso obriga a quedar na casa aos escolares durante canto menos catorce días, o que obriga ás familias a adoptar novas rutinas para facer fronte a unha situación excepcional e para evitar na medida do posible os prexuízos que este peche poida provocar no seu estado emocional e desenvolvemento académico. Todo un reto para cada familia obrigada a procurar da noite para a mañá un novo modelo de conciliación e organización dos coidados e das súas actividades. Unha situación difícil que por ventura está contando co apoio e o compromiso do profesorado que dentro das posibilidades e dos recursos dispoñibles da tecnoloxía educativa dixital de cada centro ofrece actividades académicas e orientacións formativas. Un tempo de reclusión familiar onde ademais da realización destas tarefas escolares as crianzas deben dedicar un tempo específico para a lectura, outro para a tele, outro para o movemento, outro para a comunicación dixital cos seus colegas e familiares, como unha hora para os xogos de mesa de todos os membros da casa, sen esquecer a súa implicación nas tarefas domésticas de limpeza e cociña, o que fomenta a súa responsabilidade e a súa autonomía. Unha reclusión que ademais obriga a toda a familia a compartir a información dispoñible sobre a pandemia e as persoas adultas a non ignorar os medos e dúbidas dos menores sobre a súa evolución.

Esta inesperada parada forzosa na casa é unha oportunidade para que crianzas e persoas maiores asuman que é tamén a súa mellor achega para paralizar a transmisión dun virus tan nocivo. Unha experiencia, non exenta de molestias e horas de aborrecemento, que axuda a comprender que a saúde e a vida das outras persoas depende do que cada un de nós faga, como a nosa do que fagan todas elas. Concibido así o noso illamento, como un exercicio de corresponsabilidade onde cada un co seu comportamento contribúe ao benestar do conxunto, non só aumentan as posibilidades de derrotar ao virus, tamén a de saírmos reforzados como comunidade. Unha superación da pandemia que se producirá, máis tarde ou máis cedo, grazas ao noso servizo de sanidade pública e ao compromiso dos seus profesionais, que debemos preservar e defender como o tesouro precioso de propiedade colectiva que é. Unha saída á que contribúen nestes días difíciles outras heroes anónimas como as caixeiras dos supermercados e o persoal ao servizo das administracións que preservan a nosa seguridade e o funcionamento dos servizos públicos. A todas elas, saúde e aplausos.

Baladas da Galicia feminista

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do 8 de marzo:

Despois de manter unha conversa de máis dunha hora por skype cos membros do club de lectura da Biblioteca Galega de Bos Aires tiña previsto escribir un Campo de Granada sobre a incerteza do prognóstico das eleccións galegas do 5 de abril, que de mobilizarse o electorado progresista podería abrir paso á mudanza política no país. Abofé que esta conversa transoceánica cunha ducia de entusiastas e ben informadas galeguistas austrais sobre a historia recente da narrativa galega e o preocupante futuro da transmisión xeracional da lingua nosa encheume os depósitos de optimismo que por vicisitudes da vida e dalgunhas das súas derrotas se foran agotando nos últimos anos. Un férreo optimismo da vontade, aprendido da actitude resiliente da miña nai para superar adversidades e non perder nunca a liña do noso horizonte de xentes humildes, que vin de forma inesperada reflectido en «Louisiana o Els Camps de Cotó» (2012), unha emotiva carta aos pais enchida de saudades de quen na súa procura atopa a felicidade na escolla dunha forma de vida sinxela e paciente, unha canción memorable de Els Amics De Les Arts convertida en himno por máis dun millón de persoas participantes naquela inesquecible Diada de 2017.

Semellante coincidencia produciuse no serán no que o Celta de Óscar García Junyent resistía no Coliseum de Xetafe coa súa defensa solidaria e afouta, feito que moito celebrei polo que supón de adquisición dunha maior capacidade para competir en igualdade. Xaora, celebrei esta serendipia inesperada que une unha comunidade de galeguistas arxentinas coas seguidoras desta emotiva balada catalá, ambas as dúas orgullosas de non esquecer de onde proceden, que atoparon nesa orixe o seu baluarte para continuar pelexando polo futuro dun «ceo que non se acaba». Axiña lembrei que esta vontade fora recollida por Narf e Uxía nesoutra canción memorable que é «Esta noite», incluída no seu disco Balada da Galicia imaxinaria(2015): «Teño toda a forza pra loitar, teño cada noite pra soñar e cada minuto pra lembrar quen eu son, pra lembrar de onde eu son; esta noite vou voltar ao lugar onde sendo crianza brinquei, onde sendo un rapaz eu soñei na braña grande, na praia das gaivotas, no patio da escola, nas vías da estación…». Versos lúcidos do inesquecible e chorado cantor compostelán (Francisco Xavier Pérez Vázquez) que acreditan a pertenza a unha tribo que cre no futuro, que tras un momento de abatemento recupera folgos xa que coñece de onde ven, sabe onde está e decide cara onde pretende dirixirse.

Baladas de esperanza que trouxo a Vigo, tamén nesta fin de semana do 8 de marzo, Sés para presentar no Teatro AFundación (o vello García Barbón) o seu novo traballo Liberar as arterias(2020). Outro concerto memorable da cantora bergantiñá, infatigable defensora da lingua galega que coa súa enerxía conseguiu mobilizar a ese Vigo feminista e orgulloso da identidade galega cos temas dun disco de músicas que percorren o continente americano de norte a sur e no que teñen grande protagonismo os versos marcantes da poeta e activista de mocidade eterna Luz Fandiño, autora da letra de «Liberar as arterias», a canción que dá titulo o disco: «Son a poeta daqueles que loitan por saír de escravos, son a poeta daqueles aos que todo lles foi negado [… ], poeta analfabeta, poeta dos que sobreviven do emprestado…». Un traballo no que Sés-Fandiño reclaman liberar as arterias, evitando a trampa de odio e da desesperación, o feito de quedar anuladas, anoxadas, coléricas ou descontroladas, como sempre o sistema patriarcal agarda das mulleres. Para a cantora de tempestades de sal a felicidade, a ledicia e o vitalismo son tamén ingredientes necesarios na loita para que outras cheguen a ser libres.

Futuro en igualdade que para estes incertos anos vinte o serán do domingo 8 de marzo reclamaron polas rúas viguesas mulleres libres de toda idade e condición. Milleiros de voces que cos seus pés lilas e os fíos da sororidade caligrafaron as pegadas dunha mensaxe de igualdade real e transformadora onde non teñen espazo nin machismos cotiáns nin sexismos nin acosos nas aulas nin nas músicas nin discriminacións ningunhas en oficinas, fábricas ou noutros lugares de traballo. Unha marea lila que fixo de Vigo unha cidade de mulleres libres que puxeron o foco no invisible, nesa división sexual do traballo dos coidados a crianzas e persoas maiores achegados case na súa totalidade por mulleres silenciosas, «esas creadores de vida, aleitadoras, brillantes activistas da vida cotiá que resistiron a séculos de forza», que homenaxea a cantora Guadi Galego nas súa canción «Matriarcas» (2014). De novo o futuro do político encarnado nas baladas da Galicia feminista. Beizón para as nosas cantoras.

 

Dona Ernestina, mestra

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a reinvidicar a figura da pedagoga redondelá Ernestina Otero

A mestra e pedagoga Ernestina Otero Sestelo é unha das nosas pioneiras que mellor expresaron o anceio de igualdade e liberdade da causa feminista. Nacida en Redondela en 1890 cursou a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, obtendo aos dezaoito anos o grao de «Mestra superior». Inqueda e afouta, Ernestina vencendo as resistencias daquel tempo que aconsellaba ás mulleres recluírse no eido privado, ao ano seguinte ingresou na recén creada Escuela de Estudios Superiores de Magisterio de Madrid destinada á formación do profesorado das Escolas Normais, o precedente das actuais facultades de Pedagoxía. Unha estancia en Madrid que resultou decisiva xa que lle permitiu coñecer a persoas vinculadas á Institución Libre de Ensinanza, impregnándose das ideas educativas progresistas e coeducadoras, que dende entón desenvolvería na súa práctica profesional.

De regreso a Galicia, casou co boticario Luis Pereira Míguez, incorporándose en 1915 á Escola Normal de Pontevedra como profesora de Pedagoxía. Integrada na vida cultural e social capitalina, Ernestina promove coas súas alumnas iniciativas educativas novidosas como excursións e visitas a museos, instalacións industriais ou lugares históricos. Actividades que despregará con toda a súa intensidade unha vez proclamada a República, cando ocupará a dirección da Normal e presidirá o Consello Provincial de Primeira Ensinanza, órgano de xestión da rede de escolas públicas que recibiu pulo durante aqueles anos de entusiasmo educativo. Ernestina participou na creación de novas escolas e na posta en marcha de cantinas e roupeiros escolares, cos que se pretendía fomentar a escolarización e contribuír a mellora da situación precaria de moitas familias. Mais tamén atendeu á promoción da educación de persoas adultas, ao fomento da reciclaxe do profesorado rural e á cooperación cos concellos na creación de campos agrícolas experimentais.

Comprometida co país, ademais de fomentar o estudo e investigación das características xeográficas, históricas e culturais de Galicia, en febreiro de 1933 asinou o «Manifesto dos intelectuais galegos en favor do Estatuto de Autonomía», nunha relación onde só aparecía dúas mulleres, ela e Mª Cruz Pérez inspectora de Primeiro Ensino. Unha sinatura e un compromiso coa democracia que co levantamento militar pagaría moi caro, tanto ela como a súa familia, xa que foi depurada e suspendida de emprego e soldo en novembro de 1936 (como as súas irmáns Lola e Esperanza, mestras as dúas) e, despois en xuño de 1937, expulsada definitivamente do seu posto case coincidindo co pasamento do seu home, que morrería anémico, tras recibir malleiras e múltiples inxestións de aceite de rícino provocadas polos rebeldes fascistas. Anos difíciles para ela nos que mantivo a súa familia e pagou varias multas con pasantías e converteu a rebotica do seu home en roupeiro solidario desde o que axudar a presos do penal da illa de San Simón e ás súas familias. Revisado o seu expediente en decembro de 1939, Ernestina sufriría o traslado forzoso a Escola Normal de Ourense, onde exerceu unha década até que en 1951, tras ser autorizada a participar no concurso de traslados, recuperou por fin a súa praza na Escola de Maxisterio de Pontevedra. Durante un lustro, representou na Normal da Boa vila os valores da ILE e as experiencias educativas do movemento da Escola Nova da que sempre foi seguidora, formando nelas a varias promocións de mestres e mestras nos que deixou unha forte pegada.

Un daqueles seus alumnos, Herminio Barreiro, anos despois inesquecible profesor de Historia da Educación da facultade de Pedagoxía de Compostela, escribiu que dona Ernestina foi «o símbolo da emancipación feminina e feminista na educación da primeira metade do século XX». A pesar de sufrir o desgaste da persecución política e os achaques dunha feble saúde, até o seu pasamento en 1956 dona Ernestina representou o valor da dignidade daquelas mulleres que permaneceron relegadas e silenciadas na súa defensa a prol da igualdade e dos dereitos das mulleres. Por ventura, só hai uns poucos anos comezaron os recoñecementos e a posta en valor da súa figura. Primeiro en Redondela, o seu berce natal e espazo familiar, despois en Pontevedra, onde exerceu durante trinta anos, que incorporaron o seu nome ao rueiro. Hai pouco na Universidade de Vigo, que lle deu o seu nome a un dos seus edificios. Como recoñecementos honoríficos co nome de Ernestina Otero outorga cada 8 de marzo o Consello Municipal da Muller de Vigo (nesta edición á xornalista María Xosé Porteiro) e a Asemblea Feminista Paxaretas a aquelas persoas e entidades do concello de Redondela que traballan a prol da igualdade real entre homes e mulleres. Grazas, a dona Ernestina, mestra e pioneira.