Onte 1691: Entrega dos nacionais

Premios_Nacionais_2015_01-06-2016

Na entrega dos Premios Nacionais de Cultura correspondentes ao bienio 2014-2015, realizada onte en Palencia, houbo unha apreciable presenza da cultura galega. Aos premios de Tradución e Teatro de 2014, sumáronse o pasado ano os de Literatura Infantil e Xuvenil de Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais) e o de Poesía Xove de Gonzalo Hermo por Celebración (Apiario)o que constitúe un espazo de visibilidade para a nosa creación e produción cultural. Catro novos nacionais que incrementan a nómina de títulos da literatura e edición galegas premiados polo Ministerio de Cultura nas últimas tres décadas: cinco en infantil e xuvenil, cinco en tradución, tres en narrativa, dous en literatura dramática, dous de ilustración, un de cómic, un de ensaio, dous de poesía, un de teatro e un ao mellor labor editorial. Premios que constitúen un pulo e unha oportunidade para as persoas premiadas, mais tamén un aliciente e un recoñecemento colectivo para a cultura literaria galega, sometida a tantas invisibilidades e inxustos prexuízos. Parabéns, pois, a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo, que onte representaron orgullosas a excelencia e a esperanza da literatura galega do século XXI.

,

Poema de hoxe 154: «Prestige» de Alfonso Pexegueiro

Cando os poetas están no seu sitio, as catástrofes non suceden.

Alfonso Pexegueiro, «Prestige: unha catástrofe que se puido evitar» (2003)

 

Poema de hoxe 153: Pilar Pallarés

Non teño medo á morte:
aprendín a posuíla e convertina en rito.

Pilar Pallarés (2003)

Onte 1690: Deleite Galego

deleite_galego (2)Entre as últimas boas novas que se produciron no país, unha moi destacada foi o regreso aos supermercados da marca Deleite Galego da man da sociedade Leite Noso formada por trinta gandeiros das provincias da Coruña e Lugo. O feito de que sexan os propios produtores os que asumen a comercialización e, no futuro próximo, a transformación nunha gamma de produtos de valor engadido, constitúe un reto ilusionante para o sector lácteo, ao que non debe ser alleo o comportamento corresponsable dos consumidores galegos. A sociedade Leite Noso, ademais, garante o que reclaman o resto dos produtores: contratos de longa duración, recollida da totalidade do leite e prezos razoables para cubrir custes de produción. Xaora, a calidade do produto está asegurada, a lingua galega é utilizada como vehicular e publicitaria, e a empresa expresa a súa dispoñibilidade para colaborar co sector da cultura. Argumentos para abeizoar e consumir este Deleite.