Poema de hoxe 170: «A brétema» de Antonio Noriega Varela

A brétema, ¿tu sabes?, é ceguiña:
os piñeirales pouco a pouco explora,
i anda sempre descalza, e si se espiña
sangrar, non sangra, pero chorar, chora…

Antonio Noriega Varela, «A brétema» (Do ermo, 1920)

Onte 1704: Ferrín e a paisaxe

Na anotación de onte non tivemos tempopara recoller a referencia que merece a intervención de X.L. Méndez Ferrín na presentación do Atlas arqueolóxico da paisaxe galega. Apenas vinte minutos maxistrais nos que o autor de Estirpe debullou o papel da paisaxe na cultura galega. Comezou sinalando que «este libro é coral moi afinado, orfeóinico, fálase de moitas cousas a diversas voces». Confesou, despois, que «a paisaxe é algo co que convivimos toda a miña xeración, grazas a que recibimos clase de Otero Pedrayo». «Case ningún dos poetas e filósofos da miña época deixaron de reflexionar sobre a paisaxe, parte constituínte e imprescindible do nacionalismo galego». «Paisaxe é unha palabra francesa de orixe latina, pagus, aldea, lugar onde viven e traballan os seres humanos. Paisaxe, pois, non é sinónimo de espazo natural. A paisaxe está máis preto de nós do que pensamos. A paisaxe está relacionada coa pintura, poesía e literatura. É un lugar onde acontece un feito, mais co Romanticismo convértese en algo en si mesmo. Hai un suxeito que contempla e interpreta o mundo que está fóra, intervindo sobre el, escribindo, pìntando, compoñendo música.»

«Dende o século XVIII, a natureza, así, está intervida polo artista. Mais na paisaxe romántica hai moitas ruínas, fonte de melancolía romántica, como tamén de megalitos e túmulos, que teñen que ver tamén co espírito romántico». Ferrín referiuse despois a teoría da paisaxe de Otero Pedrayo, «estremadamente semellante a que se desenvolve neste Atlas arqueolóxico da paisaxe galega. Para Pedrayo a paisaxe é o corazón dunha xeografía toda profanada polo home. A paisaxe é para el a natureza intervida, posta en valor polo ser humano. A paisaxe feita coa súas mans e coa súa suor polos paisanos. A dialéctica coa natureza é un dos aspectos esenciais da construción do home.»

Continuou Ferrín sinalando que «entender a paisaxe como a entenden os autores deste atlas é a forma de entender o noso entorno de xeito que lectura do noso pasado nos prepare para o que pode ser o noso futuro. Esta é a arqueoloxía do noso tempo. Estes autores están na vangarda deixando atrás outras formas de facer arqueoloxía e facer paisaxe.» «O que nos ofrece este libro é unha fonte de reflexión, unha incitación a comprender o noso entorno. O gran complexo agrario está presente na paisaxe que é unha magnífica escola de intervención.» Rematou Ferrín referíndose ao título de “atlas”, que moi ben lle acae a unha «obra que ofrece un novo mapa cognitivo, xa que nesta obra hai un elemento teórico profundo, mais tamén un elemento plástico que nos axuda a comprender enigmas comos os dos petroglifos ou o do hórreo e as súas múltiples variantes.»

Poema de hoxe 169: «Feros corvos de Xallas» de Eduardo Pondal

Feros corvos de Xallas
que vagantes andás;
en salvaxe compaña,
sin hoxe nin mañán;
quen puidera ser o voso compañeiro,
pola gándra longa!

Eduardo Pondal, «Feros corvos de Xallas» (Queixumes dos pinos, 1886)

Onte 1703: “Atlas arqueolóxico da paisaxe galega”

Presentación_Atlas_Arqueoloxico_Vigo_16-06-2016

Máis que interesante resultou onte a presentación na Casa do Libro de Vigo do Atlas arqueolóxico da paisaxe galega, obra colectiva na que participan vinte e un investigadores do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC. Un deses libros de edición moi complexa e custosa que enriquecen o noso catálogo, tanto pola súa calidade e interese bibliográficos como polo súa contribución aos debates historiográficos e políticos arredor do tema do territorio. Un deses libros que axuda a comprendermos, a coñecermos e a saberemos máis do noso pasado para proxectarmos o futuro.

XG00226301Felipe Criado, director do INCIPIT, salientou que o libro reflicte máis de vinte anos de traballo de xente moi distinta que comparte a paisaxe como problema de investigación arqueolóxica. “A paisaxe entendida como un produto humano que reflicte a cultura que comparten os seres humanos. Cada sociedade comparte unha paisaxe que reflicte o mundo nese momento. Os seres humanos viviron construíndo a paisaxe que reflicte os distintos momentos nos que viviron”. Continuou Criado sinalando que “a través desta concepción é posible reconstruír as paisaxes de cada sociedade, que nunca desaparecen de todo. A paisaxe é sempre un palimpsesto conformado polas pegadas das paisaxes anteriores, como pretende reflectir a cuberta do libro cunha foto área da comarca da Barbanza”. En definitiva, “con este libro pretendemos facer un chamamento a que contorna é un produto da relación dos seres humanos coa nautreza, a paisaxe galega é unha contrución dos galegos”,

Pola súa banda, César Parcero, un dos coeditores, referiuse a estrutura da obra, salientando as catro tipo de paisaxes arqueolóxicas identificadas: a Monumental, propia do Neolítico, de mámoas e tumbas; a Dividida, das idades do Cobre e Bronce, cando se produciu a parcelación e a fixación da poboación á terra; a Fortificada, do período castrexo, caracterizada pola existencia de castros fortificados; e a Tradicional, que comeza no período romano e esténdese ao medieval, onde aparecen agras, aldeas e cultivos característicos da paisaxe galega. Parcero explicou a razón de ser do título, “somos conscientes de que esta obra non se trata dun atlas tradicional nin polo seu formato nin pola súa cartografía, mais utilizamos a palabra ‘atlas’ de forma metafórica, coa intención de facer fincapé na idea de espazo e na dunha nova construción do coñecemento histórico”. Por último, Parcero rematou salientando que “o libro non é un manifesto, pero tenta facer explícitas as preguntas que o pasado pode fornecernos”.

Poema de hoxe 168: “Ai! esperta, adourada Galicia” de Francisco Añón

Ai! esperta, adourada Galicia
dese sono en que estás debruzada.

Francisco Añón, “A Galicia”

Poema de hoxe 167: “Ou Galicia, Galicia boi de palla” de Xoán Manuel Pintos

Ou, Galicia, Galicia boi de palla
canta lástima ten de ti o Gaiteiro!

Xoán Manuel Pintos, A gaita galega (1853)

Onte 1702: Convocados os Premios da Crítica Galicia 2016

Premios_da_Crítica_Galicia_2016-Cartel-733x1024Publicamos onte as bases dos Premios da Crítica Galicia que, despois de trinta e oito edicións, convocan por vez primeira unha modalidade de Cine e Artes Audiovisuais e outra de Iniciativas Culturais e Científicas. Dúas novas iniciativas que contribúen a visibilizar a cultura científica galega e o noso sector cinematográfico e audiovisual, cada vez máis puxente e renovado. Ás portas do seu corenta aniversario, unha efeméride a celebrar como se merece, os promotores dos Premios da Crítica Galicia pretendemos continuar dialogando coa excelencia de todas as manifestacións da nosa creación artística e da nosa lingua, mais tamén coas profundas mudanzas que, por ventura, se foron producindo na cultura e industrias culturais de noso. Eis o compromiso destes premios organizados contra vento e marea, en irmandade, coa cultura dos acordos e dende hai catro décadas, polo noso amigo Bieito Ledo.

Onte 1701: Periscope

periscopeAproveitando a mudanza de móbil, probei nos últimos días a facer transmisións con Periscope. Comprobei de primeira man algunhas das posibilidades desta utilidade de Twitter que con apenas un ano de vida conta xa con dez millóns de usuarias. Asociada á utilización de teléfonos e taboiíñas, Periscope ofrécese como un formidable sistema de streaming de peto, capaz de transmitir a vida en tempo real, as situacións e os acontecementos máis diversos, sexan actos literarios, educativos e deportivos ou protestas cívicas como as da praza Taskim de Istanbul en 2013 que levaron a Kayvon Beykpour a crear esta aplicación. As posibilidades de facer transmisións privadas, de manter as conversas e comentarios das participantes durante as primeiras 24 horas, como a súa potente inmediatez aventuran que Periscope revolucionará a actual comunicación dixital e impactará sobre o xornalismo e a comunicación literaria. Seguiremos probando.

Poema de hoxe 166: «Branca» de Eduardo R. Cunha «Tatán»

Máis aló do horizonte
a nube branca descende,
baixa e sube, sube e baixa.
Ten voz clara, alta e sincera
e chove nas beirarrúas
palabras de doce espera.

Eduardo R. Cunha Tatán, «Branca» (2015)

Onte 1700: Chapeu, Tatán!

Chapeu_tatanFoi no Culturgal pasado cando Eduardo R. Cunha «Tatán», o veterano fundador de Tanxarina, presentou Chapeu, o seu primeiro disco como cantante en solitario, unha desas marabillas da inesgotable e sorprendente música galega que tanto nos prace. Unha ducia de cancións, a maior parte sobre poemas do choqueiro, outras tantas historias sobre o mundo da escena onde leva traballando case tres décadas. Cancións que visitan o jazz, o blues ou a canción melódica tradicional, algunhas memorables como  o fado «Branca» (unha obra mestra), «Veludo e algodón» ou «Amores por terra», unha habaneira desas que tanto gustan en Redondela, todas auténticas marabillas onde a voz rota e serena de Tatán destila puro swing, un tsunami de tenrura, emoción e retranca. A produción musical de Pablo Vidal é moi coidada, ao que axuda a presenza de numerosos amigos que arroupan ao redondelán nesta magnífica estrea. Recomendo moi vivamente este cedé, Chapeu, Tatán!