Onte 1568: Día da ilustración

Marcos_Viso_Día_da_Ilustración_2016

Celebrouse onte nas bibliotecas «O día da ilustración». Unha data incluída no calendario galego do libro e da lectura, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, coa intención de salientar «a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, así como para poñer en valor o sector galego da ilustración». Unha efeméride que debería servir, ademais, para reparar na situación dun subsector da creación que, a pesar do proceso de hibridación e mudanza do sector editorial, vive en Galicia un momento dunha certa efervescencia, fose pola consolidación nos mercados (tamén nos internacionais) dalgunhas das figuras da BD galega, sexa pola aparición constante doutras novas no terreo da edición infantil ou do portadismo editorial.

Xaora, sobre o mundo da ilustración galega pairan importantes dificultades, dende a reducida dimensión do noso mercado editorial interior, pasando polas dificultades para a exportación, concertación de edicións e venda de dereitos, até os prexuízos aínda existentes sobre este traballo artístico. E para mostra destas eivas abonda con reparar na lista de vinte e cinco creadores convidados a participar na Feira do Libro de Buenos Aires, que a Consellaría de Cultura e Educación publicou a pasada semana, e comprobar que só asistirá unha ilustradora. Apenas un síntoma dunha ollada prexuizosa sobre a ilustración galega, ademais dunha torpeza, cando se visita un país onde esta disciplina ten unha importancia fulcral no mundo editorial.

Parabéns a todos os ilustradores e ilustradoras, mercedoras de todo o noso recoñemento e apoio por tan destacado traballo artístico.

Grazas a Marcos Viso pola ilustración.

Poema de hoxe 31: «Pomba de auga xeada» de Marica Campo

imgresSobre os ósos dos mortos escribo: Nunca máis a guerra!

Nunca máis a guerra! Non pregunto se a cinza ten eco.

Marica Campo, Literatura galega pola paz (Xerais 2008)

Onte 1567: «Mia madre»

Mia_madre-612415327-largeNanni Moretti lembra o pasamento da súa nai en Mia madre, outro filme interesante sobre a perda e o proceso de duelo. Encarnado no personaxe da magnífica Margherita Buy, unha directora de cinema comprometido, Moretti esculca no territorio difícil da identidade familiar, mais tamén dos medos contemporáneos (tan agochados) e do peso dos afectos nos momentos máis fráxiles da vida dos seres queridos, aqueles que obrigan a cuestionarnos quen fomos e que somos. O contrapunto irónico que coa directora establece o actor italo-americano (John Turturro), protagonista da rodaxe da súa película, alixeira a emotividade do relato, ademais de facer unha sátira da actual industria cinematográfica. Xaora, a clave da proposta do director italiano está no deseño do personaxe da nai doente, unha profesora de latín que deixou fonda pegada no seu alumnado, mais a quen os seus fillos (tremendo papel o do irmán de Margherita, interpretado por Moretti) descubren nos seus días derradeiros.

Poema de hoxe 30: «Militancia» d’ O Leo

XG00126901Mollarse

non quere dicir

queimarse

O Leo, hai cu, poemas no báter (Xerais, 2007)

Onte 1566: Rivas homenaxea a David Bowie na Biblioteca de Carballo

Biblioteca_Carballo_28-01-2016

Dos interesantísimos comentarios que Manuel Rivas fixo onte na lectura de fragmentos na Biblioteca de Carballo d’ O último día de Terranova chamáronme moito a atención os referidos á relación de Vicenzo Fontana, o libreiro de Terranova, tamén a voz da novela, co David Bowie. Advertiu Rivas que para el «na escrita todo ten unha relación e o aparentemente casual pode ser causalidade». «Durante a escrita da novela escoitei moito a Satie, mais de cando en vez aparecía o Bowie de “Starman“, creo que como unha manifestación da realidade intelixente.» «Vicenzo Fontana síntese un dobre de Bowie, identifícase co seu transformismo, coa súa capacidade de estar aquí e de fuxir, referénciase coas súas cancións, sobre todo con “Starman”. A novela publicouse cando Bowie estaba gravando o seu derradeiro disco. Mais por que aparece Bowie?» Confesou Manuel Rivas que a morte recente de Bowie fora para el como «un cruch», «igual que a escrita, un cros á mandibula, como sinalaba o escritor arxentino Roberto Alt. Para min a escrita dunha novela é un proceso de descuberta, unha loita contra a ignorancia, contra as propias convencións. A escrita da novela só é posible cando os personaxes comezan a contar cousas que o autor descoñece, compartindo a súa información.»

Poema de hoxe 29: «Elexías de luz» de Mª Victoria Moreno

XG00115101Alguén chamou por min desde as estrelas…

Mª Victoria Moreno, Elexías de luz (Xerais, 2006)

Onte 1565: Ilusión e inocencia

ATLÉTICO MADRID VS CELTA

Tras a saída da presentación d’ A Galicia urbana en Pontevedra, apenas puiden escoitar no coche os últimos minutos da narración que Jacobo Buceta fixo da proeza do Celta no Manzanares. Emocioneime, abraiado por unha segunda parte na que os nosos dobregaban a un durísimo Atlético. Sentinme coma un deses centos de celtistas novos da diáspora que siguen ao Celta conectados a internet desde Toronto, Nova York ou Berlín, vivindo a emoción do celtismo como unha compoñente da súa identidade. Esta vitoria de copa é, quizais, a máis importante do Celta de Berizzo, tanto pola relevancia da eliminatoria e do rival coma pola ilusión que xera no celtismo de aquén e alén, abrindo outra xaneliña para continuar o seu soño humilde. Xaora, foi a de onte un triunfo da pizarra de Eduardo Berizzo e da súa afouteza para asumir os maiores riscos, mesmo o da vergonzosa actuación do sábado en Vallecas. Como, e sobre todo, a demostración do valor de manter un modelo de xogo colectivo, no que se combinan doses de intensidade e beleza. Este pase do Celta a semifinais amosa que neste deporte e espectáculo, tan prostituído polos intereses do mercado e os prexuízos do centralismo, aínda existe unha fenda para a inocencia e ilusión que representa un equipo como o Celta.

Poema de hoxe 28: «Kid Salvaxe» de Carlos G. Reigosa

XG00225501Hai saída

pero non ten retorno.

Nisto consiste o argumento.

Carlos G. Reigosa, Kid Salvaxe (Xerais, 2014)

Poema de hoxe 27: «Que tempo é este tan imposto?» de Ana Romaní

v5anaromanidasultimasmareas000Que tempo é este tan imposto

que confirma a existencia das ruínas?

Ana Romaní, Das últimas mareas (Espiral Maior, 1994)

Onte 1564: Conchita Martín

EEUU - ESPAÑOLA INSTALADA FRENTE A CASA BLANCA DESDE 27 AÑOSO pasamento da pacifista galega Conchita Martín, coñecida como Concepción Picciotto, Connie ou Concha da Casa Branca, non debe pasar desapercibida. Durante máis de tres décadas a activista viguesa viviu á intemperie diante da Casa Branca denunciando a política militar estadounidense, unha loita que iniciara en 1981 coa intención de recuperar a custodia da súa filla, tras divorciarse dun empresario italo-americano do que recibiu o apelido. A presenza da pacifista, que para sobrevivir vendía pedriñas que ela mesma decoraba, coa súa pancanrta «Contra a bomba nuclear», incomodou a todos os presidentes que ocuparon o Despacho Oval, dende Reegan a Obama, que a desaloxou hai uns anos. A súa teimuda reclamación do desarme nuclear e da fin das guerras, a súa denuncia da contaminación do planeta, comportamentos que mantivo día e noite dende a súa Carpa Branca, converteron á activista galega nunha das iconas do pacifismo mundial. Lembrámola con admiración e respecto.