Onte viaxamos á Coruña para participar na
primeira xornada da Feira do Libro. A presentación do
libro de
Herminio Barreiro foi moi divertida. Herminio estaba moi falador e, aproveitando a presenza entre o público de
Xosé Fernández Ferreiro, contou unhas cantas anécdotas dos anos de Brais Pinto en Madrid, que non aparecen no libro. Escachamos a rir cando relatou como el e
Alexandre Cribeiro conseguiron levar a
Reimundo Patiño a un partido en Chamartín da Copa de Europa; ou aqueloutra, máis disparatada, dunha tarde nas Ventas con Ferrín, a quen, en palabras de Herminio, “gústanlle os touros en terra de touros”. Brincadeiras agarimosas de Barreiro cos seus amigos da vida. Logo, poñéndose máis serio, Herminio contou como nunha clase de Lapesa, o famoso profesor de Lingüística relatara a dramática desaparición do derradeiro falante do idioma vegliota e como logo, cando llo contaron a Reimundo, este quedara
enormemente interesado polo feito, agoirando que “algunha vez, iso lle podería suceder ao galego”.
Á noitiña volvín pola autoestrada moi desacougado. Dóeme que coa excepción dos libreiros da nación (Pedreira, Xaime de Andel, Pepe de Couceiro e Gonzalo de Cartabón), o libro en galego está practicamente expulsado das casetas da feira. Nunca vira na Feira da Coruña, menos libro galego. Un serio motivo para a reflexión sobre o sentido e o futuro destes eventos, sobre os que xa temos reflexionado noutras ocasións. Que a megafonía da carpa non se escoitase máis alá das dúas primeiras filas ou que o
programa de actos (
moi xeitoso, entendo tamén eu) sexa case
clandestino, xa non constitúe un motivo de sorpresa. Hoxe volveremos á
Feira, a participar na
presentación d’
Os Grouchos e no recital narrativo e poético de Manuel Rivas. A pesar da melancolía, non desistimos.