Concelleiros de Urbanismo


O programa Vaya semanita da ETB ten algunhas pezas ben simpáticas. Un modelo (ben podería emulalo a TVG) de como é posible dende as televisións públicas facer humor sobre temas políticos. Os que teñan TDT de R poden velo en Galicia na canle internacional da ETB os sábados. Esta peza sobre “o escaso valor das bibliotecas”, como tantas outras, paga a pena.
Vía Vigoblog.
Etiquetas:

Barreiro, xefe de gabinete de Vicepresidencia

Manuel Martínez Barreiro será o novo xefe de gabinete da Vicepresidencia. Quen fora coordinador de edición de Xerais e despois coordinador de edición dixital de Acordar, ademais de comentaristas político da Radio Galega e de Vieiros, veterano blogueiro e autor de literatura infantil, terá a responsabilidade de acometer acarón de Quintana un traballo político decisivo na segunda parte da lexislatura. Os que o coñecemos e queremos sabemos que Manolo Barreiro posúe grandes doses de capacidade de diálogo, rigor na análise política e social máis concienzuda e actualizada, longa experiencia política, curiosidade tenaz polo coñecemento, persistencia e xenerosidade no esforzo, profundas conviccións de esquerda, discreción e elegancia exquisitas, amais de labaradas de ironía e doutros moitos valores humanos. Condicións abondas para prever que Quintana, o BNG e todo o Goberno Galego están hoxe de en hora boa por este acertadísimo nomeamento. Non teño dúbidas de que o seu selo irá calando coa discreción e o traballo ben feito que sempre o caracterizou alí onde foi e onde sempre deixou tantos amigos. Desexámoslle os maiores éxitos nesta súa nova (e, non o podemos negar, dífícil) andaina.

Book trailer VII

A primeira experiencia de book trailer dun libro galego foi a d’ O home inédito, a novela de Carlos G. Meixide que publicou en formato electrónico A Rotonda edicións (tamén a primeira en galego en formato Creative Commons) e, logo, en papel, Rinoceronte. Tamén poden considerarse como book trailers os anuncios de televisión que preparamos o pasado ano en Xerais das novelas de Suso de Toro e Rivas, así como os espazos de Planeta Fantasía de promoción e libros de literatura infantil.
Etiquetas:

A dimisión de Losada

Tanto ten se Antón Losada dimitiu por asuntos persoais ou foi cesado a petición do interesado (termos que, sen dúbida, expresan que foi o propio Antón quen elixiu abandonar neste momento a súa responsabilidade). A actuación de Losada foi nalgúns momentos torpe, e mesmo un chisco teatral e esaxerada nas súas formas, mais tamén é innegable que contribuíu coa súa determinación e coñecemento a impulsar moi decididamente a acción do Goberno galego no traspaso de competencias pendentes (como até agora ningún político galego fixera), a impulsar a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou a intentar que a acción de goberno dos nacionalistas fose respectada (o que non é doado) polos seus coaligados sempre dispostos a competir con eles. Quizais o maior problema de Losada foi que dentro do equipo de Vicepresidencia asignóuselle –coma a Guerra, a Cascos ou á actual ministra Magdalena Álvarez– o difícil e incómodo papel de ser o “malo da película” que leva no lombo a maior parte dos paos dirixidos ao seu xefe e, por riba, debe participar en todas as liortas e polémicas mediáticas e partidarias. Haberá que agardar a comprobar como se desenvolve Quintana no futuro sen tan valioso pararraios. Quizais, entón, con maior perspectiva, se poida xulgar máis acaidamente o traballo político de Losada, para min decisivo para o éxito acadado (con moitas máis luces ca sombras) tanto por Quintana como polo bipartito no seu conxunto nesta primeira parte da lexislatura.

Etiquetas:

Book trailer VI

Non hai dúbida de que Tökland é o espazo en español máis inquedo e interesado sobre a promoción do libro empregando as ferramentas audiovisuais. Ao fío da nosa revisión sobre o fenómeno dos book trailer (ou video books) recordaban onte un book trailer que realizaron a iniciativa de Javier Celaya sobre La aventura ambigua, publicado por Elipsis ediciones. Pareceume excelente, convida a ler o libro. Outro modelo interesante.
Etiquetas:

O trasno viaxeiro

A libraría O trasno viaxeiro de Teo-Cacheiras ten un interesante blog. Publica apostillas literarias, novas de interese sobre o mundo do libro e unha completísima rede de enlaces sobre blogs literarios. Beizóns para as súas editoras.

Book trailer V

Na revisión que vimos facendo das experiencias dos book trailers non podía faltar a dos livroclips que promove o Canal do livro brasileiro e da que xa temos dado noticia. A pesar de que esta é unha experiencia máis modesta cas producións canadianas ou italianas, é moi atractiva, como se pode comprobar nestas pezas sobre A metamorfose ou nestoutra sobre Crime e castigo. Cun orzamento máis baixo, mais con talento creativo poden conseguirse, tamén, magníficos resultados.

Etiquetas:

Pablo Auladell

O ilustrador Pablo Auladell emprega o seu blog para adiantar os traballos que vai finalizando. Eis catro ilustracións das que preparou para o novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz (O único que queda e amor), que publicaremos nunha nova colección no vindeiro mes de outubro. Das características da colección e das súas dúas primeiras entregas falaremos nas vindeiras semanas.
Etiquetas:

"A casa dos Lucarios" de Teresa Moure

Hoxe entrou no almacén A casa dos Lucarios, a primeira obra de Teresa Moure dentro da colección Fóra de Xogo. Estará nas librarías a vindeira semana. Recupero o texto que redactamos de presentación promocional:

Rosa e Chicho, cando perderon a súa terceira filla, María Celeste, aparecida morta no seu berce na segunda semana de vida, decidiron instalarse en Ferreira. Alí levantaron unha casa de dúas plantas, coa cociña grande daqueles tempos, pegada á corte, e dous cuartos máis para acubillar á xente miúda, ademais dun faiado fermoso onde gardaren mazas e millo e soños dos que escorregan polas fendas de madeira. Despois, Chicho tiraría coa corte e construiría a taberna, onde cada noite apertaba o fol da súa gaita grileira, e onde tamén Rosa acrecentaba, contra vento e marea, as súas industrias de vendedora de pezas do enxoval. A vida ía manando paseniño, coa correspondente ración de dores e alegrías, como mudaba a casa dos Lucarios.
Teresa Moure ofrece nesta novela curta, escrita nunha prosa engaiolante, enchida de humor e sensualidade, a historia dunha familia a través das mudanzas e transformacións realizadas na súa vivenda ao longo de varias décadas. Un texto memorable dunha das nosas grandes escritoras contemporáneas.

Etiquetas: