JFK

Despois de oito horas de voo, aterramos en JFK. Nin sequera as grandes bandeiras e os retratos do presidente nos mostradores chegaron a sorprendernos; nin tampouco as longas colas para completar os trámites de entrada, pegadas dixitais e fotografías incluídas. O que sinceramente non agardabamos é que o funcionario de inmigración, despois de esculcar devagariño no seu ordenador, me indicase que debía acompañalo a unha pequena oficina. Alí, sen mediar palabra ningunha, estiven agardando durante dez minutos, mentres outro funcionario escrutaba no meu pasaporte e tecleaba longamente no ordenador. De súpeto, decidiuno selar: “Admited, 08-09-06”. Abríronse así as portas do paraíso.
Agardábanos un taxista dominicano que nos conduciu á mecha polas autoestradas de Queens descubríndonos Manhattan pola ponte Roosevelt. Tivemos a sensación de volver a unha cidade coñecida na que nunca estivéramos.
Á noitiña, moi doce a calor novaiorquina, procuramos a mítica rúa 42, situada apenas a cinco mazás do noso hoteliño. O reflexo dos edificios sobre os rañaceos de cristal duplicaba a luz dun solpor moi acolledor.

Etiquetas:

Luís Noia, in memoriam

O día do regreso non puido ser máis triste: morreu Luis Noia Domínguez, o noso amigo, o impresor de Gráficas Numen dende hai máis de corenta anos. Mañá sábado, á unha do mediodía, serán esparexidas as súas cinzas no peirao da Guarda. Alí estaremos testemuñando a nosa admiración e lealtade con este grande impresor comunista.
Actualización (20-08-2006): No artigo da semana recordo a figura de Luís.

Etiquetas:

Pausa

O blogueiro marcha de viaxe durante unha semaniña. Unha pausa necesaria.

Actualización (13-08-2006): No artigo da semana reflexiono sobre a catástrofe dos incendios.

Etiquetas:

Galicia en chamas

Etiquetas: ,

Novos blogs

Hoxe coñecín dous novos blogs: o completísimo de Ana Bande (achegando textos moi interesantes sobre a lectura e a biblioteca) e Galiza-Israel (proporcionando unha perspectiva dende Israel, pouco frecuente nos nosos debates, ao conflicto xudeu-palestino). Merecen a nosa atención.

Etiquetas:

Arde a nosa pel

Cando onte á noitiña deixamos a Pawley na Coruña, despois da asinatura de Agustín e da recollida dos premios Lecturas, non sabiamos que na nosa viaxe pola autoestrada comprobariamos tan de preto o horror provocado polos terroristas do lume. Xa pasaramos unha Compostela sitiada por unha mesta nube de fume mais, en chegando a á altura da entrada ao “corredor” de Sanxenxo, foi cando unha barreira de lapas nos impediu continuar. A garda civil obrigounos a dar a volta para coller en disciplinada ringleira a estrada xeral. Dende as curvas de Barro contemplamos atónitos a forza das lapas nas súa plenitude invadindo a autoestrada e ameazando con chegar ás vivendas. Dende Pontevedra a Vigo, de novo xa na AP-9, viaxamos mergullados na nube de fume: invadiunos, entón, unha enorme tristeza cando comprobamos que o cumio do Xaxán, despois de tres xornadas, continuaba ardendo. Deitámonos verdadeiramente conmocionados, sabendo que moitos dos nosos compatriotas pasarían a noite defendendo impotentes os seus eidos.

A vaga de incendios desta fin de semana, cando azouta o nordés e se dispara o termómetro, constitúe un atentado ecolóxico e social (xa con tres vítimas inducidas polos incendios) de enorme envergadura. Por moito que doa debemos recoñecer que arde a nosa pel e somos os propios galegos os que provocamos semellante atentado contra o noso futuro. Cales son os móbiles destes incendiarios que semellan actuar de xeito tan organizado como eficaz? Como podemos poñerlle couto dende a raíz?
A solución ao problema non é doada. Non cabe dúbida que, nestes momentos de emerxencia e conmoción, o Goberno Galego debe procurar axuda (máis medios humanos e materais) para combater as lapas (dende a participación de membros do exército á colaboración doutras comunidades e de Portugal) xa que a sensación de desamparo e impotencia que sofren as comunidades veciñais, que levan varios días (vencidos polo cansazo) intentando protexer as súas casas, é tan dolorosa como os devastadores efectos do lume. Como tamén é imprescindible intensificar a actuación das forzas de seguridade e da fiscalía para perseguir a estes auténticos terroristas. Mais, a pesar do díficil que semelle, unha vez superada a crise, cómpre non abandonar a política sensata e rigorosa iniciada este ano pola Consellaría de Medio Rural (admirable o traballo tanto do Conselleiro Suárez Canal como de todo o seu equipo na xestión da catástrofe) para poñer en valor a xestión do noso patrimonio forestal. Só abordando as causas estruturais do problema poderemos evitar que en vindeiros veráns volva queimarse un dos nosos patrimonios máis valiosos.
A asinatura dun grande Pacto polo Monte, apoiado polas tres forzas parlamentarias, polo Goberno Galego e polos concellos e deputacións, e respaldado polo asociacionismo civil, non podería ser o instrumento político que permitise unha nova política para erradicar esta lacra? A sociedade galega no seu conxunto non pode admitir de xeito ningún que os incendios sexa unha lacra inevitable ou unha portaxe a pagar pola nosa condición periférica. Con esta convicción profunda e con determinación política abonda, os galegos podemos e debemos gañarlle a batalla a estes pirómanos de rostro descoñecido.
Etiquetas: ,

Novelísima

Velaí a agardada crítica de Martin Pawley: novelísima!

Foto de Xurxo Lobato (A Coruña 22 de xullo de 2006)
Etiquetas:

O atasco do PXOM

No artigo da semana propoño que as direccións nacionais dos tres partidos sexan as que se fagan cargo da solución do problema urbanístico de Vigo.
Etiquetas: ,

Ritmo latino


powered by ODEO

Case unha hora de ritmos latinos.Un agasallo para unha noite de verán ben quente e afumada.
Etiquetas:

Tanxarina

Os bos amigos de Tanxarina abriron este novo palco ben chuliño. Tatán, Miguel e Andrés levan máis de dúas décadas termando desta compañía de teatro de títeres que constitúe outro orgullo da creatividade nosa. Alédome que este verán teñan unha axenda ben completa. Tanxarina en rota!
Etiquetas: ,