A nosa dimensión tráxica
Onte mentres especulabamos sobre as razóns da catástrofe incendiaria, a nosa dimensión tráxica acentuábase, semella que sen solución de discontinuidade, co accidente de Villada.
Como atinadamente sinala hoxe Juan esta nova traxedia amosa a precariedade patética e vergonzosa das actuais comunicacións de ferrocarril con Galicia (practicamente nas mesmas condicións de hai vinte e cinco anos cando fixemos a mili). Son moitos os nosos milleiros de mozos e mozas estudantes ou emigrantes “mileuristas” que poden dar testemuño do estado calamitoso dos nosos enlaces ferroviarios con Madrid, Euskadi ou Cataluña. Un escándalo que se produce mentres se nos solicita paciencia por agardar á vindeira década polo AVE.
Négome a aceptar que podamos considerar estas catástrofes continuas como un sino tráxico dun país periférico ao abeiro da súa mala sorte. Somos os primeiros en sinistros medioambientais, laborais e viarios. Podemos continuar resignándonos sine die a encabezar este taboleiro da España máis negra? Algo máis que lamentarse haberá que facer para evitalo? Ou non?