Avós e avoas
Entre as fotos que conservo no estudio, teño moito afecto por unha pequena, xa envellecida, na que aparezo co meu avó Suso “Beleiro” na festa de santa Ana. Polo pantalón tan curtiño, o nique e os campins que levo penso que debe corresponder ao verán do ano sesenta e cinco ou quizais do sesenta e seis. Un fotógrafo de festa, daqueles aos que se lle pagaba na man e logo mandaban o retrato a casa, deixoume para sempre a imaxe feliz do meu avó materno, un humilde ebanista de Mantelas, que nos contaxiou a todos os netos o formigo inquedante por participar nas romaxes do Vigo popular.
Volvín á imaxe do meu avó carpinteiro, cando lin o informe da secretaría de Política Institucional de CC.OO sobre o papel dos maiores de sesenta e cinco anos no coidado dos nenos. Un estudo que constitúe unha nítida radiografía de cómo se organiza a vida cotiá das familias traballadoras e que demostra que as avoas e os avós xubilados (máis de seis millóns en España) teñen un papel decisivo na atención diaria dos netos. Así, un setenta por cento de avós e avoas con netos de 0 a 3 anos ocúpanse diariamente deles (máis da metade na casa da avoa materna). Un oitenta por cento coidan dos nenos durante as horas posteriores á saída do colexio (máis do cincuenta por cento na casa da avoa materna). Porcentaxes que son moi semellantes cando caen enfermos ou cando teñen vacacións (nada máis e nada menos que o setenta e cinco por cento, o que demostra que a maioría dos pequenos “veranea” en casa dos avós). Un informe que proporciona outros datos para a reflexión e que amosa ás claras que para un oitenta por cento das nais traballadoras menores de corenta anos a axuda dos seus pais no coidado dos fillos é “importante”, sendo “imprescindible” para un trinta e sete por cento das menores de trinta anos.
Cifras, con maior ou menor grao de fiabilidade, que demostran, sen embargo, o feito innegable de que esta intensa solidariedade interxeracional é a que esta facendo posible a incorporación da muller á vida laboral e que as familias poidan saír adiante. Os avós, singularmente as avoas maternas, son a opción que deben escoller as nais traballadoras que non poden pagar a contratación doutra persoa para coidar aos seus fillos. Cando as familias modificaron a súa estrutura e dimensión –cada vez son máis reducidas, diversas e inestables– as avoas convertéronse na peza mestra da política asistencial á infancia.
Os avós e as avoas posúen un papel decisivo na densificación da identidade e cohesión da familia: son creadores de harmonía e memoria vivificada. Os avós e as avoas influén na conformación da personalidade dos netos proporcionándolles, nalgúns casos, outros modelos de comportamento emocional ou espellos doutros costumes de vida (dende a alimentación ás actividades de lecer), constituíndo, sempre, unha referencia valiosa na construción do criterio moral do neno. A súa vez, os avós neste contacto cos pequenos, alén do valor da transmisión da memoria e das raíces identitarias de cada grupo familiar, melloran a súa autoestima, xa que se sinten, a pesar das dificultades de lidar con eles, útiles e necesarios.
Este papel decisivo da presenza das avoas amosa, tamén, a pobreza de servizos que ofrece o noso actual estado do benestar e as disfuncionalidades do noso sistema educativo. Sen desmerecer a axuda que están proporcionando as persoas maiores, precísanse máis prazas públicas de escolas infantís para menores de tres anos, máis prazas para estancias de verán dos rapaces en campamentos ou granxas escola, máis actividades de lecer e animación nas cidades organizadas polo concello, un novo horario e calendario escolar máis flexible e extenso… Potenciemos as pegadas indelebles dos avós e das avoas sobre os seus netos e organicemos, tamén, unha sociedade interxeracional máis xusta e equilibrada.