A
catástrofe de Caldas provocou un interesante
debate sobre o futuro medioambiental do país. Durante as dúas últimas décadas, ao tempo que se producía unha reconversión no noso sector agrario, sen precedentes na nosa historia, o proceso implacable de urbanización provocou un enorme impacto sobre o territorio que modificou a paisaxe galega e a nosa estrutura demográfica e produtiva. Un modelo de desenvolvemento económico (tan voraz como impaciente) e un desinterese abraiante polas cuestións medioambientais da maioría das administracións (tanto dos gobernos autonómico e central como da maioría dos concellos) e das empresas explican que durante este periodo xermolasen a maioría dos problemas e das catástrofes ecolóxicas que agora tanto nos magoan. Temos diante unha relación deste tipo de problemas, tan abrumadora, que semella vivimos en Galicia no perigoso gume dun ecocidio colectivo inevitable: a vaga anual de incendios, os verquidos contaminantes sobre os ríos, as rías e a atmosfera, a degradación de ecosistemas patrimoniais, a perda de monumentos naturais, a urbanización salvaxe da beiramar… É nese contexto problemático sobre o que se poden entender de forma máis acaída as iniciativas que ven tomando o novo goberno galego no seu primeiro ano sobre a política agroforestal, a reubicación da planta de celulosas de ENCE e das novas peixefactorías, a vixilancia e disciplina urbanística, a política enerxética (dende os canons a pagar polas empresas eléctricas á paralización do plan de minicentrais dos ríos), a protección dos espazos da rede Natura 2000, o abastastecemento de augas (un recurso, tamén en Galicia, escaso), o saneamento integral da ría de Vigo (para facer fronte as sancións das autoridades xudiciais europeas), o tratamento dos residuos urbanos e industriais…
Invertir esa aparente tendencia ecosuicida do noso país non é doado xa que hai moitos intereses, moitos millóns de euros en xogo, e moitas inercias que tratan (ou tratarán) de impedilo. Deseñar as bases dun auténtico
desenvolmento sostible, que faga compatible a actividade produtiva e a modernización das infraestruturas (que precisamos para aumentar a nosa competitividade) co respecto ao patrimonio natural, debería constituír un eixo transversal das políticas do bipartito. Levar adiante esta política (unha auténtica revolución entre nós) require coraxe e determinación pola súa banda, mais tamén un pacto de corresponsabilidade coa sociedade toda (dende mudanzas nos comportamentos de cada un dos consumidores, á asunción de actuacións medioambientalmente resposables das empresas e das administracións locais). Escoller entre un modelo de desenvolvemento sostible ou continuar co actual ecocidio é o dilema no que estamos.