Esta mañá, como tantos outros, recibín o famoso
arquivo onde se amosa o talante “agarimoso” do presidente cun dos seus máis estreitos colaboradores (vaia papelón!, e por riba ter que xustificalo despois). Miña nai, que nunca simpatizou co PP, explicoume con perspicacia o incidente da chaqueta: “que lle queres?, esas son cousas de vellos egoístas; o que non comprendo é como os do PP volven presentalo para presidente”.
Diante de semellantes comportamentos e doutras barbaridades peores, os responsables da campaña do PP están tratando de reducir o mínimo as súas intervencións (apenas uns poucos minutos en cada mitin) e as dos seus
escudeiros, en detrimento do protagonismo abrumador de Rajoy e de Núñez Feijoó (o auténtico primeiro candidato, presente en todos os foros e moi duro de roer). É un feito inédito que Fraga presentase nesta campaña un ton moi baixo e unha anemia de entusiasmo, que non lle era propia. A súa foi unha presenza patética (demacrado e triste) que amosa, mellor cos seus
enfados, un retroceso político xa, dificilmente, evitable. O
músico e o
Gladiador (sexan cales fosen as coalicións nas que pretendan participar) erraron o seu cálculo, tan presuntamente arteiro, vencellando o seu futuro con quen vai ser despedido pola cidadanía.
O mellor desta campaña foi, sen dúbida, o talento de Quin. Discreto, elegante, rigoroso, prudente, sincero amosou vontade e
capacidade suficiente para abrir un tempo novo. Convenceume. Votareino.