Editor extravagante

Os dous días de viaxe deron de si. Moita lectura (non son capaz de viaxar en avión sen un libro entre as mans), moito traballo sobre o orzamento 2006, longos debates cos colegas, moitas conversas (algunha moi triste) e mensaxes eufóricas ao móbil e, para rematar, un bonito paseo cos amigos.
Quedei razoablemente satisfeito da miña intervención no coloquio sobre poéticas do editor, aínda que despois das palabras preliminares de Guelbenzu comentando os libros de Korda e Unseld, quedei convencido, se tiña dúbidas, de que eu son un editor extravagante e a nosa unha editorial atípica.
Defendín con paixón o carácter vocacional e militante do noso oficio de panadeiros da cultura textual, idea cada vez menos popular nun gremio que semella, con honrosas excepcións, situarse irremediable nos brazos da diletancia do señor Mercado. Non se pode impedir dalgunha maneira que desaparezan as librarías de cultura? Non se pode evitar que os únicos criterios de edición sexan os que impoñan directivos ou responsables comerciais que non len os libros que publican ou venden? Quen vai editar, de seguir as cousas como semellan precipitarse, eses libros importantes que teñan consecuencias? A viaxe serviu para realimentarnos de coraxe e de autoestima (o presentador do coloquio dixo que “a nosa editora era un referente na edición española”).

Adeus, Barnabé, adeus

Barnabé, un dos meus blos portugueses preferidos, decidiu pechar a súa emisión. Faino coa elegancia do himno nacional de de Trinidade e Tobago. Adeus, Barnabé. Moito obrigado, aprendín moito de voçés.

Feiras do libro

No artigo da semana comento o inicio da Feira do Libro de Vigo e a historia e a crise actual deste modelo de promoción. Con todo, e a pesar da súa fraxiliadade actual, as librarías, como estas feiras do libro, continúan sendo auténticos espazos de biodiversidade cultural, e como tales deben ser mimados e protexidos como institucións indispensables para o benestar da comunidade.
A supervivencia da libraría é, como a causa social da lectura, un auténtico problema de estado. Cada palabra impresa posúe o ADN do seu autor, cada páxina editada expresa o soño do seu editor, cada libro publicado constitúe un neurotransmisor de vida e coñecemento, cada libraría aberta funciona coma un pulmón que renova constantemente o aire que respiramos, cada feira de libro expresa os azos de futuro da comunidade de lectores.
Recomendo achegarse ás feiras do libro que se celebran en Galicia este verán (esta de Vigo, logo, tamén en xullo, a de Pontevedra, e, finalmente, a de Coruña, na primeira decena de agosto), rebordan a vitalidade que precisamos.

As razóns das crises

Outra entrevista para visitar, desta volta co editor alemán Volker Neumann, ex-director da Feira do libro de Francfort. Coincide nunha tendencia que vimos identificando noutros grandes editores internacionais: criticar a saturación da oferta editorial actual (“a máis libros non hai máis éxitos”), ao tempo que en confiar na pervivencia do libro como ben cultural (el fala dos vindeiros cen anos) debido ao seu papel “como mediador entre culturas e, sobre todo, na súa función de formación e trnasmisión de coñecementos reais”. Paréceme interesante para o debate a sutileza coa que fala dos novos soportes:

Internet e os novos medios están adquirindo un papel básico na información, pero moito máis pola súa rapidez ca pola calidade da información.

Lugrís Freire para o vindeiro 17

A Academia fixo caso omiso das propostas que se fixeran dende a sociedade (Lois Pereiro, Ánxel Casal, Chano Piñeiro ou Carvalho Calero) e escolleu por consenso, a proposta dos lingüistas da institución, homenaxear o vindeiro 17 de maio a Manuel Lugrís Freire. Ninguén pode negar os méritos do pai do pintor Urbano Lugrís, autor dunha das máis importantes gramáticas da lingua e dun vocabulario castelán-galego, narrador, poeta, autor teatral, promotor na Habana da revista en galego A gaita gallega e presidente da institución durante un ano (no período republicano). A homenaxe coincidirá coa celebración do centenario da RAG.
Na elección do personaxe do 17 (cadaquén ten as súas lexítimas propostas), mais asumo o mesmo criterio que sobre a cuestión ortográfica: quen ten a autoridade é responsable de exercela. Agardo que esta elección sexa un éxito e permita continuar o relanzamento da efeméride.
Comezaremos decontado a estudar quen pode preparar a Fotobiografía e os libros de divulgación. Curiosamente, coa excepción das publicacións institucionais, non existen edicións privadas modernas da obra de Asieumedre (bonito alcuño o seu).

Conversas con Bernardino

Onte acabei a lectura do libro de conversas con Bernardino. Rafael e Héitor fixeron un traballo excelente xa que en apenas cen páxinas conseguiron amosar o rostro profundamente humano dun dos grandes poetas da literatura galega. Creo que os aspectos máis novidosos do libro son os referidos á etapa de formación do poeta e ao pensamento filosófico e relixioso desenvolvido polo poeta, na última década, a partir da escrita do Protoevanxeo do neto de Herodes.
O libro é moi entretido e de lectura agradecida polas múltiples anécdotas que contén. Quizais unha das máis divertidas é a que relata o tropezo en Madrid de Bernardino e Ferrín con Hemingway:

–Si, si. Home, en Madrid foi. Chocar fisicamente con Hemingway, de peito, eh!, Hemingway e Ferrín de golpe de peito. Precioso. Chocamos con el e despois dicía o Ferrín:
–Por que non nos quedamos con el? Coño, Bernardino ti sabes máis inglés.
Foi unha pena, pero é a timidez claro, é a timidez á adoración dos teus ídolos.

Entrevista a Peter Mayer

Quen teña moita curiosidade pode ler a entrevista co editor Peter Mayer que aparece hoxe en Babelia. O antigo responsable de Penguin volve á carga sobre o futuro do libro de peto proporcionando as receitas que xa lle coñeciamos: “compre alimentar o fondo do catálogo con títulos chamativos ou comerciais que acheguen o selo mesmo a persoas que non len”.
Sen embargo, o que máis me gustou da entrevista é a sinceridade coa que relata algún dos seus fracasos (por exemplo, non ter publicado a primeira novela de Eco), aconsellando que os editores non tomemos decisións a partir de “verdades xerais” se non de “verdades individuais”. Ou noutras palabras menos crípticas, para tomar a decisión de editar un libro é mellor deixarse levar polas corazonadas e a intuición que produce a lectura dos manuscritos ca polos históricos de vendas que proporciona o departamento comercial.
É interesante, tamén, o anuncio da publicación do Quixote en formato audiolibro (nada máis e nada menos ca 37 cedés). Esta é unha modalidade de edición pouco frecuentada polos editores europeos, que, sen embargo, triunfa nos Estados Unidos. Curiosamente, onte, na reunión que tivemos na sección do Consello da Cultura Galega falouse do éxito que tivo en galego algunha experiencia deste tipo.

Tarefas e capacidades do editor

Sigo preparando a intervención e atopo unha cita de Unseld que me entusiasma:
A literatura é sempre o que os escritores fan dela. As tarefas do editor poden ter cambiado nos detalles do proceso de comunicación, mais no fondo, seguen sendo as mesmas: estar preparado para recibir ao autor, para aceptar a novidade que comporta a súa obra e contribuír a súa difusión.
Efectivamente, non se pode ser editor se non se aman os libros e non se pretende darlles a cada un a mellor vida posible. Para isto cómpre posuír discreción (detesto aos editores estrela), realizar un traballo minucioso no tratamento dos detalles (a corrección do texto, o deseño da cuberta e todo o proceso de comunicación co público) e, sobre todo, precísase paixón e coraxe abondas para editar libros que teñan consecuencias.

Sobre o canon e os clásicos

Estou preparando unha intervención sobre a “editorial como canon”. É unha boa oportunidade para reflexionar sobre o papel dos clásicos no catálogo e a identidade do proxecto editorial como modelo para autores e lectores.
A consideración dun conxunto de obras como “clásicos”, como sinala Teresa Colomer, resulta necesaria para a sociedade e para a tarefa de formar a novos cidadáns. Todas as culturas, especialmente as que procuran a visibilidade, necesitan crear unha representación de coherencia interna e nesa construción as obras da súa tradición literaria constituíron sempre unha ferramenta de grande utilidade. Afirmación na que no fondo radica o paradoxo de que se procura estabilidade e coherencia nuns elementos –as obras literarias de calidade– que se caracterizan precisamente pola creación incesante de novas regras e formas artísticas.
Os clásicos serían, pois, referentes de cohesión cultural estables entre xeracións. Os poemas de Meendinho ou Rosalía, os contos de Dieste constituirían modelos canónicos seleccionados en función do criterio de conformación dunha literatura nacional, como a galega. Serían igualmente clásicos, A Divina Comedia, Hamlet, O Quixote ou Crime e castigo, en función do criterio da súa utilidade para expresar a vida dos seres humanos e a beleza da expresión artística literaria. Como o foron Orgullo e prexuízo, Madame Bovary, Lolita ou as Mil e unha noite, para Azar Nafisi no seu proxecto de demostrar as súas alumnas da Universidade de Teherán, durante a revolución dos ulemas, o poder vivificadro das obras literarias.
O editor non pode prescindir destas obras fortificantes, que, en palabras de Calvino, só se lerían por amor, mais sen esquececer de que non existe unha imaxe única e xerarquizada entre elas, xa que os diferentes cánones conviven, flúen, se relacionan, dialogan ou penetran uns noutros. Os criterios que cada editor empregue para incorporalos e o seu tratamento textual rigoroso será un dos principais elementos da súa identidade.