Avante!!!

Acertamos só dous resultados da nosa quiniela sobre as consellarías nacionalistas. Como supoñía houbo algunha sorpresa, aínda que se mantiveron os criterios previstos. As catro eleccións parécenme acertadas e ilusionantes. Na beira socialista, o perfil político escollido parece máis baixo, o que agardamos no empece a eficacia e o rigor que deles se agarda.

Coas eivas que puidera haber, o proceso de confección do acordo e do programa semellan modélicos e as declaracións do presidente intelixentes e esperanzadoras. Síntome orgulloso de pertencer a este país que colle tan decidido un novo rumbo. Agardemos que os temoneiros teñan a sorte que merecen e non baixen os brazos do seu esforzo. Avante!!!

Foto: Xurxo Lobato.

Milladoiro, 25

Onte no Interceltico, a pesar do relente da nortada e das esperas interminables, rendémonos diante do clasicismo de Milladoiro. Despois de vinte e cinco anos de traxectoria manteñen a frescura e non se dobregan ao ditados das modas e do comercialismo coiuntural. Recomendo o último disco, unha escolma espléndida, alén de incluír un tema novo (“Mourindade”). MIlladoiro nunca defrauda.

Feira do libro da Coruña

O luns comeza a Feira do Libro da Coruña. O programa desta ano é moi atractivo e, quizais, o máis denso de actos dos últimos anos. Ademais das presentacións (case dúas cada día) e asinaturas, este ano destaca, o día 8 de agosto, a realización en directo do programa El ojo crítico de Radio Nacional. Mágoa que os medios públicos galegos non emulasen esta iniciativa. A presenza dos medios de comunicación nas feiras do libro é unha das vías máis interesantes para a súa promoción. Agardo que esta vía vaia consolidándose en futuras edicións e noutras localidades.

O escritor de Ligácia

Na edición de Vieiros Barcelona publícase hoxe unha magnífica entrevista con Xulio Ricardo Trigo, o escritor, tradutor e editor catalán de orixe galega. Xulio é o creador de Ligácia, un espazo literario propio, que corresponde á Galicia da súa infancia, recreado en novelas como Despres de l’ oblit (Logo do esquecemento), ademais de promotor de Perifèric Edicions e animador da cultura galega en Cataluña.
Da entrevista, que recomendo vivamente, destacaría a súa reflexión sobre o papel dos blos, que para el deberían “incidir máis na súa faceta de arquivo de textos e non dar tanta importancia a escrita cotiá”. Anuncia, tamén, a posta en marcha de El pont sobre el llac, un sitio para dar acubillo á tradución de textos da literatura galega, portuguesa e brasileira ao catalán.

A cruz da lectura

Vía Libro de notas leo un interesante artigo de Javier Aranda Luna sobre a lectura en México. Propón un debate de interese para nós: aumentar a dotación bibliotecaria pública vai supoñer unha mellora dos índices de lectura? Confrontando os índices de lectura de Xapón (91% da poboación) e de Alemaña (60%) cos de México (aínda moi inferiores aos nosos) conclúe preguntándose se isto non se deberá á que a herdanza católica de non ler estará causando estragos. Un debate suxestivo: cales son as razóns profundas dos nosos baixos índices de lectura?

Quiniela nacionalista

Ian faise eco dunha quiniela sobre os conselleiros e conselleiras do BNG no goberno conxunto. Semella verosímil, xa que equilibraría factores e esperanzas. É innegable que o proceso de formación do novo goberno está sendo nas formas modélico. Con todo, haberá que agardar. A miña intuición agoira algunha sorpresa.

Preparar o té

Hai varios días que leo posts sobre o xeito de preparar o té, un tema que me interesa moito, xa que en casa somos adictos. Hoxe Mr. dot deume outra clave. Nós aprendemos a preparalo en Yorkshire (alí son de “leite fresco e frío despois”), aínda que xa nos dixeran que os máis “pijos” botábano antes.
Para min, a clave está na mestura dos tés e que a teteira sexa de pedra. A nosa mestura preferida (aconsellounola o noso amigo Enrique Macías) son dúas culleradas de Earl Grey e outra de Darjeeling (para a teteira). Acompañar as tazas do serán cunha torrada de marmelada de amorodo ou cun scone abonda para postear, ler un pedazo e logo ir á cama.
Probaremos o de quecer a teteira no microondas, aínda que semella un pouco sofisticado.

Vinte e cinco

Case todos os anos imos a Compostela o vinte e cinco. Onte foi un dos mellores que recordo, e non só porque a Quintana estivese ateigadiña e o discurso fose magnífico e esperanzador (gustoume moito a sucesión de metáforas coa que rematou: Curros, Novoneyra, Celso e Novoneyra de novo, “… a forza do noso amor non pode ser inútil”), se non e, sobre todo, porque no Festigal (cada ano consolídase máis) se percibía alegría e disposición a emprender unha ilusionante nova tirada.
Satisfacción que non ocultaba, en varias conversas que tiven, a enorme preocupación pola situación de Vigo. Non entendo as razóns que levan aos concelleiros nacionalistas vigueses a axudar a manter de facto a Corina (cos seus modos autoritarios) á fronte do concello. Temo que esta defensa numantina do Plan Xeral poida volverse coma un bumerang contra o BNG e erosionar gravemente a credibilidade do goberno conxunto. Para as executivas nacionais do PSdeG-PSOE e BNG é imprescindible endereitar esta deriva de Vigo.

Cambios á vista


O grande Xurxo Lobato procura sempre as imaxes máis oportunas. Velaí hoxe ao ex-alcalde de Vigo, Manuel Soto, termando da pancarta do BNG (con outros convidados). Aínda que non é menos significativa a foto das bandeiras. Xa non teño dúbidas que se achegan en Vigo cambios tan importantes como imprescindibles.

Ablativo en Nova York

Chegounos unha boa noticia: O deseño do libro As galiñas de vento de Günter Grass, publicado dentro da colección Ablativo Absoluto, foi seleccionado para formar parte da exposición Listos para Leer. Diseño de libros en España (Ready to read. Book Design from Spain) que se inaugurará o vindeiro 4 de outubro na sede do Instituto Cervantes de Nova York, para itinerar posteriormente por Arxentina, Brasil e México. A mostra, organizada pola “Sociedad Estatal para el Desarrollo del Diseño y la Innovación” está comisionada Enric Satué, persoa encargada de seleccionar os títulos que forman parte desta exposición.
A colección Ablativo Absoluto, deseñada por Miguel Ángel Vigo, está ilustrada polo pintor galego Xosé Freixanes que elaborou as imaxes que forman parte de cada unha das portadas da colección.