Visitas a San Simón

Mañá, o sábado e o domingo poden visitarse libremente as illas de San Simón e San Antón, onde celebramos este ano os premios. A Consellaría de Cultura pon un servizo de barco que sairá dende o peirao de Redondela. Unha boa oportunidade para todos os que desexen coñecer este territorio natural e da memoria.

A Casa das Mil Portas

Fedellando no blo de George Cassiel descubro o proxecto colectivo d´A Casa das Mil Portas, onde máis dun centenar de blogueiros portugueses e brasileiros publican os seus microcontos (unha historia en prosa contada con menos de cincuenta caracteres).
Recomendo moito esta viaxe que permite coñecer un mundo literario, incomprensiblemente, pouco frecuentado por nós. A navegación da páxina é moi amigable.
Esta experiencia podería ser emulada no noso bloogmillo?

Nova web da AGE

Este día tivo outra nova feliz: colgamos a nova web do gremio de editores galegos. A verdade que é todo un luxo este novo traballo de Acordar.

Palabras finais

O presidente en funcións non tivo hoxe reparos en citar as gloriosas palabras finais de Sempre en Galiza e en recitar uns versos de Ferrín para convidar aos galegos a “superar ese caduco lirismo”. Tarde piaches, Manuel!

Vai de mar

O luns, a viaxe de volta de Valencia foi bonita bonita. Cando pillei o taxi, que me levou ao aeroporto, souben pola radio do estado adiantado do reconto. Tiven que conterme para non abrazar ao condutor: por fin rematara o desacougo. Enriba das nubes a noitiña é moi luminosa e, canto máis nos achegabamos a Galicia, era máis doado apreixar pola ventá cada unha das raioliñas do tempo novo que conquistamos. Aterrando en Sal lembrei o verso luminoso de Salvador (“Nos teus ollos cargados de horizonte”) citado a primeira hora da tarde por Cristobal, o formidable bibliotecario de Camas, na súa ponencia sobre políticas da lectura.
Os membros da delegación galega xa fóramos moi mimados durante toda a xornada. As palabras de acougo e agarimo foron constantes e o aplauso, que pechou as intervencións de Pilar e Xosé na presentación ao mediodía de Vai de mar (A ilustración galega no século XXI), tan intenso e prolongado, que chegou a emocionarnos a todos. A exposición foi outro motivo de orgullo dun día que non esqueceremos.

Pura e Dora escritoras na súa terra


Ourense 25-06-2005

Onte foron homenaxeadas pola AELG Pura e Dora Vázquez. Un recoñecemento ben merecido. Reproduzo a fermosa andoliña que escribiu o amigo Marcos Valcárcel:

“A poesía é unha forma que ten o home de orar, non sei a qué, pero de orar”, dicía hai uns anos o escritor Álvaro Mutis. E esa oración laica, aberta, participativa, prego de beleza e de autenticidade, encárnase cada ano como encontro colectivo nas homenaxes que desde 1995 celebra a Asociación de Escritores en Lingua Galega baixo a cabeceira O Escritor na súa Terra: cita que contou xa con nomes tan egrexios como Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Luz Pozo, Salvador García-Bodaño, Neira Vilas e Manuel María, entre outros.Este ano son dúas mulleres, Pura e Dora Vázquez, As escritoras na súa terra, e en Ourense, onde teñen unha rúa co seu nome desde 1995, recibirán o recoñecemento dos seus amigos e lectores coa plantación no Parque Barbaña de dous camelios, árbore que tanto amaron sempre, e unha Pedra Escultórica que inaugurará alí a Fervenza dos Poetas. Símbolo chamado a converterse en lembranza permanente como aqueloutra Pedra do tempo cantada por Pura: “Pedra dura do Tempo en desafíos. / Dos milenios chovendo corredíos/ no destempo, o devir onde pervive. / Trasustanciada voz a que nos fala/ da longuísima historia que a recala. / Dunha enlevada man que un nome escribe”.

Albixoi

Saímos satisfeitos do Mestrado. A derradeira sesión, sobre Internet, constituíu unha longa viaxe sobre o libro e a rede (sempre se atopan cousas sorprendentes, como a crise de Amazon na venda de libros, hoxe semella un bazar do principado).
Outra boa sorpresa foi coñecer o magnífico blo de Pablo. Pásoo aos meus enlaces favoritos. Recomendo seguilo.

Mariza transparente


Transparente

Volve Mariza con Transparente. Un terceiro álbum onde se volve renovar o fado do fado. Gusto de “Recusa” e de dúas versións de temas de Carlos do Carmo, “Transparente” e “Duas lágrimas de orvalho”. Escoitando este disco formidable do fado maior, quen dixo que coa música a alma non pode chegar a doer?

Congreso Ibérico de LIX


Valencia, 27-30 de xuño de 2005

Hoxe á notiña marcharei a Valencia para participar mañá nun debate de editores no Congreso Ibérico de LIX. Dubidei moito en cal debería ser o enfoque da miña intervención. Finalmente optei por proporcionar datos sobre a evidente inflacción produtiva da LIX (empregando un chisco de retranca) e analizar, despois, os efectos perniciosos ou perigos da súa excesiva escolarización. Como remate, propoñerei para o debate a consideración da lectura como un problema de estado; o recoñecemento das identidades culturais e lingüísticas coma unha diversidade que a todos enriquece; a consideración da lectura como elemento transversal dos currículums da educación non universitaria; o estatus da biblioteca e da libraría como as primeiras institucións culturais de proximidade da cada comunidade cidadá; e, por último, a consideración do libro, máis alá do seu soporte convencional actual, como contedor da creación cultural e o coñecemento. Sigo tendo dúbidas, semella un mitin (dos editores, xa se sabe, agárdase que fagan isto ou que se laien amargamente).
A pesar do interese do programa, deberei volver o mesmo luns (o martes temos asemblea e presentación da nova web). Xa me intranquiliza cál será a noticia que coñeza ao baixar do avión.

Máis blos sobre libros

Periodistas 21 abriu un wiki de blos sobre libros e literatura. Mágoa que haxa apenas galegos.