Coa lingua na maleta

O especial Letras Galegas 2005 de Vieiros é lindo lindo. Aqueladiño de todo. Un orgullo para a web galega.

Faro da Cultura

Novidade: pódese descargar en PDF o Faro da Cultura. Unha boa nova para seguir semanalmente o suplemento que coordina Moncho Pena. Hoxe, como a Voz, inclúe un monográfico sobre Lorenzo Varela.

Xa vai

A pesar da dor que nos produciron os trasacordos e os ataques cainitas que recibimos ben pagaron a pena e o manifesto na procura dun novo tempo político xa vai adiante, apoiado agora por unha ampla rede de cidadáns e colectivos. Esta é a mellor noticia que recibimos nos últimos meses.

Cuspindo a barlovento


Cuspindo a barlovento

Onte á noite asistimos á inauguración da exposición de Manuel Sendón no Museo do Mar. O traballo xa se expusera en Compostela, visitara varias cidades europeas, fora editado, e faltaba dalo a coñecer na cidade do fotógrafo. A espera mereceu a pena. Os formatos dun metro por un metro locen o seu. A sutileza de Sendón, transformando a emoción daqueles días en pezas inmorredoiras, volveu abraiarnos.
A novidade da serie Peixes, ao xeito de emblemas do mar salgado, foi outra sorpresa. Retratounos coma se fosen xefes de estados, reivindicando a natureza mariña fronte a industrialización das granxas que están inzando a Costa da Morte. Ademais das fotografías, a exposición presenta as ferramentas creadas e utilizadas na loita contra o chapapote. Recomendo visitala para revivir o espírito de Nunca Máis. Non ven nada mal nestes momentos de tanta confusión.

Manuel Seixas

Soubemos por Vieiros que o noso amigo Manuel Seixas posúe un espazo web. As súas facetas como narrador, poeta, músico (guitarrista virtuoso), ensaísta, editor (Madame Mir é o seu selo) ou profesor de filosofía amósanse neste vizoso espazo de creación. A páxina é moi recomendable; pódense ler os seus últimos textos, informarse dos seus proxectos musicais (sexa o seu traballo en solitario ou en Korosidansas o da súa nova aventura Neuroband) ou coñecer as súas últimas creacións sonoras. Non ten desperdicio escoitar a psicofonía recreada a partir das palabras proféticas do famoso alcalde de Negreira. Con este novo proxecto na rede, Seixas demostra que continúa sendo un dos rachadores do conformismo da nosa creación cultural. Parabéns por arriscarse con semellante proeza.

Votar polo cambio

Teño un disgusto enorme polos inxustos e desproporcionados ataques que está recibindo Suso de Toro (unha persoa honesta e xenerosa onde as houber) a raíz do manifesto que se fixo público onte. Non entendo a que vén a posición do profesor Losada.
Tratar de apoiar unha corrente de cambio, promovendo a participación do electorado nacionalista e progresista (sensible a adoptar unha posición abstencionista diante da innegable febleza da alternativa que se lle propón) non é, nin moito menos, apostar polo voto ao PSdeG-PSOE (como argumenta Losada); é, simplemente, a estratexia posible para impedir un novo triunfo de Fraga. Que cadaquén vote a quen mellor considere, en función das súas conviccións ou da valoración que faga da oferta electoral presentada por cada un dos dous partidos (candidato, listas, programas…). Ou é, que agora, non estamos de acordo en que o fundamental é abrir unha nova etapa política tras dezaseis anos de gobernos de Fraga Iribarne?
Canto máis falo coa xente coa que teño relación, palpo maior desolación e impotencia. Sen embargo, como son un optimista da vontade, creo que non é este o momento de pecharlle as portas á esperanza. Unha apreta fraterna para Suso de Toro.

RDM

O foro de gurús empresariais e económicos que se está desenvolvendo estes días achega reflexións que non teñen perda.
Preguntado o xaponés Kenichi Ohmae, considerado un dos gurús mundiais en estratexias de desenvolvemento rexional, sobre qué facer para que Galicia sexa máis atractiva, contestou de forma lacónica: a palabra clave é RDM: o resto do mundo. Tenche moita razón, neste país noso tan chovinista, cómpre abrir a mirada cara fóra.

Os correctores

O artigo de Moisés sobre os correctores abre un debate ben interesante. Ben se nota que sabe do que fala.

Concursos

Pasei boa parte do domingo lendo relatos de narradores e narradoras novos para os dous xurados nos que participo mañá. Observo que nas últimas edicións o nivel medio dos textos mellorou moito. Con todo, a maioría xiran arredor do dilema “amor/desamor” ou modernizan o famoso “conto da aldea” ou de “memoria dos avós”. Chamoume a atención a gran cantidade de contos ambientados nos trens. Os camiños de ferro estimulan a nostalxia e a creación literaria?