Artigos

Onte 1391: Sobre as festas de Vigo

julieta-venegasPolo que adiantou onte Faro, o programa de concertos de Castrelos deste verán será moi austero: polo momento están confirmados os madrileños Los Enemigos e a mexicana Julieta Venegas, aos que o 25 de xullo na explanada do Verbum se adiantarán, Hombres G. Vaia elenco! Outro ano máis, Vigo será a cidade galega coas festas máis rotineiras e discretas, onde apenas salienta a celebración do 7 ao 9 de agosto do Marisquiño, que se consolida con quince edicións como un evento de referencia internacional de deportes e cultura urbana. Como sucedeu coa Feira do Libro de Vigo, onde nin sequera compareceu ningún dos 17 membros do equipo do goberno, é moi difícil entender o desinterese de Abel Caballero sobre a organización das festas. Non quero pensar que diría con semellante programa se estivesen en mans doutro partido.

Onte 1381: Presentacións na feira

Pechamos onte a participación de Xerais na Feira do Libro de Vigo coas presentacións dos libros de Silvestre Gómez Xurxo, De cristal, e Xabier Paz, A galera de Xelmírez.

Vigo_09-07-2015

A lectura dun texto do crítico Ramón Nicolás, que non puido participar, iniciou a presentación do libro de relatos de Silvestre Gómez Xurxo, que contou ademais coa participación de Pablo e Magoia, mestres gaiteiros do grupo Treixadura, que ao remate do acto estrearon a «Muiñeira da moa», en homenaxe ao autor. Nas súas palabras Silvestre explicou que a fraxilidade e vulnerabilidade humanas eran o centro dun libro, pouco convencional na literatura xuvenil actual.» «Creo que a vulnerabilidade é unha lei universal, todo o que existe desaparece. Eu teño esa visión. Tanto as persoas coma os animais son fráxiles e vulnerables.» «Percibimos a nosa existencia de forma máis primitiva grazas á amígdala, o centro das nosas atencións, que fai que reaccionemos sen pensar diante dos perigos, coma fan o resto dos animais. Ás veces temos medo de máis e prodúcese o “secuestro amigdalar”, e non sabemos reaccionar, quedamos bloqueados, sexa polo sentimento de culpa como polo propio medo.» Continuou Silvestre explicando que «por fortuna contamos cos lóbulos frontais que nos permiten planificar, aprender, facernos fortes fronte o abuso, grazas a eles temos posibilidades de ser máis resilientes, de aumentar as nosas defensas». Rematou Silvestre Gómez Xurso parafraseando un título memorable dunha novela de Kenzaburo Oe: Dinos como sobrevivir á fraxilidade.

A-galera_de_Xelmirez_Vigo_09-07-2015

A profesora da Universidade de Vigo Camino Noia ocupouse da presentación d’ A galera de Xelmírez. Comezou o seu discurso sinalando que na novela de Xabier Paz «as dúas versións da viaxe dos protagonistas, Fuxón Bonincontro e Stephano Bognoli, que camiñan de Pisa a Iria para construír unha galera para o arcebispo Xelmírez, ocupan un tempo narrativo distinto; Stephano conta cando regresa da viaxe e Fuxón apenas unhas horas antes da súa morte, explicando algúns detalles que sirven tamén para interpretar os comportamentos das persoas». «Fuxón coñece o mundo da sexualidade e das drogas que o leva a despreocuparse da misión que o leva a Compostela. En todo caso, a deles é unha viaxe con consecuencias tráxicas para ambos os dous. O relato da construción da galera é episódico. O actante é a viaxe polos camiños de Compostela, o que centra toda a historia. A viaxe é unha vía de autocoñecemento e autodestrución.»

Camino Noia salientou despois que «como nas novelas anteriores, Xabier Paz quere amosar o devir dos seres humanos que sometidos a condicións adversas sofren transformacións. Xabier é un autor máis preocupado pola introspección ca polo argumento, presenta máis caracteres ca acontecementos, non pretende arrastrar aos lectores a saber que pasa, senón o que serve para afondar na reflexión sobre cada un dos personaxes.» «A gran pregunta da novela é: “quen somos fóra do noso medio familiar e profesional?”, “como imos reaccionar?”»

«A galera de Xelmírez non é unha novela histórica, se entendemos por tal a que desenvolve episodios da Historia. Aínda que de fala de feitos reais, o espazo e o tempo é real, polo que se pode falar de “novela de aproximación histórica”. Descríbense moi ben as incipientes vilas do século XII, a vida das feiras, dos titiriteiros. Como tamén parece histórico o personaxe de Fuxón.» «Outro valor da novela é a descrición das paisaxes, que coinciden coas do Camiño francés de Santiago. As plantas, as partes dos barcos, o estado do mar son descritas con minuciosidade, como corresponde o gusto do autor como biólogo.» Rematou Camiño Noia resumindo que «este é un relato de experiencia, unha novela de viaxe moi ben escrita e de coidado espírito narrativo.»

Pola súa banda, Xabier Paz confesou que «este libro naceu como un empeño de síntese, un libro que pode entenderse de xeografías e identidades.». «Abordo o concepto de identidade como o da formación da conciencia, como somos e que cousas son as que nos ameazan, mais tamén a identidade dende o colectivo.» Explicou despois a xénese do libro. «naceu nun momento no que estaba ocupado con Xelmírez e a raíña Urraca, dúas figuras que entendo foron desenfocadas na nosa historiografía. Lendo na Historia Compostelana atopei a noticia da construción dunha galera por un tal Fuxón. E ocorréuseme desenvolver o que pensaría aquel mozo pisano.»

A seguir falou Xabier da importancia dos portos galegos no século XII e no traspaso da tecnoloxía naval daquela época na que se substituíu o sistema de construción das embarcacións. «Hai no libro unha vontade de poñer en contacto a cultura do país coa europea da época, a través do Camiño de Santiago.» Por último, explicou que pretendeu que o título da novela fose descritivo, «a galera simboliza o compromiso social, a responsabilidade profesional, a obriga que tensiona e xustifica a viaxe e o comportamento dos dous personaxes principais.» «Quixen facer un libro ameno e sintético», rematou.

Onte 1380: Conversas na feira

Magnífico serán de conversas literarias o de onte na Feira do Libro de Vigo, arredor d’As palabras poden matar de Marcos Calveiro e Un animal chamado néboa de Ledicia Costas.

Feira_do_Libro_de_Vigo_08-07-2015

Foi a escritora Iolanda Zúñiga quen presentou de forma vibrante a Calveiro como «valor seguro da nosa literatura infantil e xuvenil, xa que cada un dos seus relatos nos nutren e vitaminizan» e gabou un libro que «revolve as entrañas« e aborda «unha situación que segue a suceder en moitas cidades do mundo, hai centos de Seavias que merecen ser escoitadas». Na conversa coa autora de Perferia Calveiro confesou que a novela nacera dunha noticia que lera sobre un alumno dunha escola de mimo de Medellín que fora asasinado. Ambos os dous autores coincidiron que na novela existía un espazo para a esperanza, mais tamén asumindo que «a vida é un carrusel», onde se repiten as situacións. «Ente a vida e a lenda, preferín escribir unha lenda. A novela non é unha denuncia, é a realidade» dixo o autor, antes de confesar que despois de escribir de forma moi intensa durante os último nove anos, decidira darse un respiro, «aínda teño dúas novelas para adultos e unha xuvenil por publicar».

FLVIGO_08-07-2015

Fran P. Lorenzo, despois de estar asinando exemplares de Cabalos e lobos, conversou con Ledicia Costas sobre Un animal chamado néboa, Comezou abeizoando á Ledicia por tres cousas: por ser capaz de adaptar o seu discurso a públicos diversos, o que é síntoma de valía literaria; por abordar a guerra como tema para un libro e por optar polo relato curto, un xénero maltratadísimo. «Este é un libro moi duro, pero necesario, que remove a quen le», afirmou Fran para interpelar despois a Ledicia sobre o risco que isto podía supoñer para o lector. «Non quería escribir un libro amable», contestou a autora, «quixen escribir algo radical como é a guerra». «A escrita é valentía, hai que atreverse a contar do xeito máis cru.»

A afirmación de Lorenzo de que «escribir sobre a guerra exixe un plus de responsabilidade, xa que un tema non se pode abordar de forma frívola» deu pé a Costas a recoñecer que o seu nivel de exixencia na escrita do libro fora moi alta, sobre todo na obsesión pola documentación. «Estiven lendo sobre a Segunda Guerra Mundial durante dous anos. Busquei historias vividas como as de Tanya Sascideva durante o asedio de Leningrado que tiña por obxectivo que morresen de fame millóns de persoas».

Despois de ir debullando algún dos contidos dos seis relatos, con especial atención aos que fan referencia ao holocausto, Lorenzo e Costas coincidiron en que a redención a través do amor era a única esperanza que deitaba o libro. «No medio da dureza tiña que prender candeas, o único que quedaba era o amor. Foi o xeito que tiven de prender luces. Prender candeas para que o lector non sucumbise», rematou Ledicia Costas.

Onte 1375: O pregón de Ledicia Costas

Ledicia_Costas_03-07-2015

Inaugurouse onte a cuadraxésima primeira edición da Feira do Libro de Vigo cun extraordinario pregón de Ledicia Costas. A mudanza de ubicación ao primeiro treito da rúa Progreso, a pesar das súas dimensións reducidas, facilitará o encontro da cidadanía viguesa co libro, ademais de contribuír a dinamizar a actividade do pequeno comercio no centro de Vigo. Chamou a atención que no acto non participase ningún representante do goberno municipal, fose o alcalde Abel Caballero ou o concelleiro de Cultura, sendo a Feira do Libro un dos eventos culturais máis importantes do ano. Máis alá das liortas entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que poden explicar as razóns políticas do caso, a falta en Vigo dunha política municipal de lectura é algo dificilmente xustificable.

Xaora, o pregón de Ledicia Costas compensou calquera insuficiencia institucional. Peza literaria ben traballada e equilibrada nas doses xustas de documentación e emoción, a autora de Recinto gris alicerzouna dende a memoria familiar dos seus barrios vigueses de Brea Muiñeira, «onde conviven o real e o imaxinario», e de Beade, «o lugar onde aprendín a devorar libros e onde me acheguei ao galego de xeito definitivo». Fíxoo para reivindicar o espírito filantrópico nos eidos da educación e da cultura de figuras viguesas como Ramón Nieto, Tomás Alonso ou García Barbón, mais tamén dunha longa nómina de escritores e escritoras viguesas en lingua galega, reclamando visibilidade na cidade para os seus textos. Citou Costas algunha sobras recentes do Vigo literario e desvelou o nome dos locais onde se recita de madrugada poesía galega actual. Referiuse á condición de Vigo como capital editorial de Galicia e reclamou que os creadores fosen incorporados á cidade, xa que sen eles «está perdida». Rematou apelando a crenza no valor actual da filantropía. Un discurso vibrante, magnífico, que nos abriu outra xanela por onde enxergar esperanza.

Onte 1371: Feira do Libro de Vigo detrás do Marco

Xa podemos confirmar que a Feira do Libro de Vigo, tras tres décadas na beirarrúa exterior da praza de Compostela, muda de ubicación á rua Progreso, detrás do Marco. Paréceme unha decisión valente do concello e da asociación de librarías de Vigo que pode axudar a relanzar esta feira do libro. Ocupar un espazo máis centrico e frecuentado é unha oportunidade para facer chegar a oferta lectora a novos públicos, ao tempo que crea un novo aliciente para os feirantes. Agardo que as presentacións e asinaturas das editoriais e as escollas bibliográficas das librarías (15 en total) conviden a facer da rúa Progreso un fervedoiro de lectoras. Mágoa da desaparición da tan exitosa semana da música infantil de edicións anteriores, que organizaba a editorial Galaxia co apoio da Consellaría de Cultura. Xaora, o comezo coa escritora Ledicia Costas como pregoeira non pode ser máis acaído. Agardemos que esta sexa a Feira do Libro de Vigo que, por fin, inicie unha nova etapa.

Onte 993: Fin da feira do libro de Vigo

Feira_Libro-Vigo_30-05-2014

Pechou onte a cuadraxésima edición da Feira do Libro de Vigo. Na miña opinión o balance non é plenamente satisfactorio. Ben é certo que os concertos de música infantil organizados por Galaxia foron un exitazo, sobre todos os da fin de semana, como algunhas presentacións e asinaturas de Xerais, singularmente de autores e autoras viguesas. Xaora, nin o número de expositores nin o de visitantes (descoñezo a contía das vendas) acadou as expectativas. Como tampouco me pareceron axeitadas nin as datas escollidas para celebrala, coincidindo cos dez últimos días do mes, nin a ubicación das casetas no corredor exterior da Alameda, que pola súa proximidade ao carril-bus non facilitaba a circulación, chegando a resultar nalgúns momentos perigosa. Como tampouco foi para botar foguetes a escasa presenza publicitaria da feira tanto nos espazos e transports públicos da cidade como nos medios de comunicación locais. Nesta feira da Alamedacontinúa faltanto implicación do concello de Vigo, tanto a nivel da dotación da infraestrutura e dos servizos coma no seu encaixe dentro das políticas culturais e de fomento da lectura locais, moi minguadas no actual mandato de Abel Caballero. Para a vindeira edición é impresindible recuperar o calendario de inicio de mes, non sei se en xuño ou en xullo, como reubicar as casetas e carpas no corredor interior da praza. É imprescindible para iso que o concello de Vigo a Agrupación de Libreiros manteñan un contacto permanente ao longo de todo ano. Vigo merece outra feira do libro, á altura do seu carácter de cidade metropolitana, a actual mantense aínda moi lonxe do pulo da de Coruña na primeira decena de agosto.

Escaparate 22/2014: Librería Librouro (Feiras do Libro)

Librouro_.28-05-2014jpgAmparo tras o mostrador da Librería Librouro na Feira do libro de Vigo. A foto foi tirada o 28 de maio no Facebook da Federación de Libreiros de Galicia.

Escaparate 21/2014: Libraría Andel (Feiras do Libro)

Libraria_Andel_28-05-2014Xaime Nogueira tras o mostrador da Libraría Andel do libro galego e portugués na Feira do libro de Vigo. A foto foi tirada o 28 de maio no Facebook da Federación de Libreiros de Galicia.

Escaparate 20/2014: Libraría Mendinho (Feiras do Libro)

Libraria_Mendinho_31-05-2014Mar detrás do mostrador da Libraría Mendinho na Feira do Libro de Vigo. Foto tirada o 31 de maio de 2014 do Facebook da Federación de Libreiros de Galicia.

Escaparate 19/2014: Libraría Pedreira (Feiras do Libro)

Anton_Pedreira_FL_Vigo_29-05-2014

Antón Pedreira detrás do mostrador da Libraría Pedreira de Vigo na Feira do Libro de Vigo. Foto tirada do Facebook da Libraría Pedreira de Santiago.