Artigos

Onte 998: Predicións

San_SimonEstivemos pendentes das diversas predicións meteorolóxicas para o serán deste sábado no que daremos a coñecer na illa de San Simón o ditame dos Premios Xerais 2014. Hai moitas probabilidades que chova, coma xa sucedeu nos dous últimos anos; aínda que tamén algunhas da existencia de clariños intermitentes. En definitiva, tempo variable e incerto, como lle acae a esta primavera do país de noso. Con todo, non teño dúbida que celebraremos o magnífico discurso de Xavier Senín de gabanza da lectura e dos membros da Xeración Lamote, gozaremos da música de Puntada sen fío, o grupo musical no que participa Xiana Lastra, gabaremos a Jules Verne na súa semana viguesa, leremos anacos d’ A illa misteriosa na tradución galega de Ánxela Gracián, coñeceremos tres novos textos, chufaremos ás súas autorías e, sobre todo, compartiremos co polbo e cos petiscos que prepara Fita anceios e angueiras de amigos e amigas chegados de todo o país. Eis a importancia do serán de convivio de San Simón. Quen dixo choiva!!!

Onte 888: Día Verne

Celebramos onte en Vigo o Día Verne lembrando aquel 18 de febreiro de 1868 no que entrou na ría o Nautilus do capitán Nemo. Unha efeméride de ficción que desta volta non foi esquecida pola prensa local, grazas ao esforzo dos vernianos vigueses. Excelente foi o artigo no Faro do mestre Carlos Núñez «Le vieux» equiparando o espírito innovador e modernizador da cidade nosa co acuñado polo novelista bretón. Como atinada foi a proposta de Antonio Giráldez Lomba, secretario do Instituto de Estudos Vigueses, solicitando o irmanamento («jumelage») con Nantes, a primeira cidade verniana, trazando unha autoestrada do mar literaria entre ambas as dúas fisterras atlánticas, unha iniciativa que axudaría a sacarnos da rotina cultural que padecemos en Vigo. Pola nosa banda, celebramos o Día Verne poñendo en marcha a edición d’ A illa misteriosa na colección Xabaril, a primeira das grandes novelas de aventuras que recomenda DoCampo na súa Illa de todas as illas, na que utilizaremos a tradución que Ánxela Gracián prepararou para Bivir. Deste xeito o capitán Nemo volverá á illa de San Simón onde presentaremos o libro coincidindo co ditame dos Premios Xerais o 8 de xuño de 2014.