Onte 419: De samaíns e magostos

En boa parte das escolas galegas de infantil e primaria celebrouse onte a festa de Samaín, a exaltación cabaceira de bruxas e espíritos, que sinala a entrada simbólica no tempo de inverno. Mágoa que o invasivo reclamo comercial do Halloween confunda tanto a moitos dos nosos pequenos. Polo que vimos no serán de onte polas rúas viguesas, algúns asumen esta festa coma un xeito de entroido de dráculas, vampiriños e outras xentes que meten medo. Sen menoscabo ningún do interese educativo do Samaín, no que levo acreditado dende hai anos, corremos o perigo de que co seu apoxeo desnaturalizado en jaloüín perdamos a celebración do Magosto, a humilde festa comunal dos zonchos e das castañas, tan ensarillada na cultural tradicional de noso. Máis alá dos intereses comerciais do jaloüín e compañía, precisamos dun criterio educativo para orientar á nosa rapazada no que son os símbolos da nosa tradición e identidade colectiva, non vaia ser que perdamos polo camiño tanto magostos coma samaíns. Con todo, celebremos na noite de santos a defuntos a festa das cabazas. Agardo que contribúa a iluminarnos, tamén aos maiores, entre tanta confusión e incerteza.

Onte 346: Nas Fragas do Eume

Foi unha xornada marabillosa a que gozamos nas Fragas do Eume. Ao mediodía visitamos a primeira edición do ETNOeume, unha feira de cultura tradicional xenuína, de auténtica estirpe, cunha importante presenza dos xogos populares e das actividades económicas artesanais. Unha organización comunitaria, baseada na participación veciñal, que constitúe unha alternativa ao modelo neofolclórico das chamadas «feiras medievais» que abrollan no país como cogomelos franquiciados de chourizos á grella e licor café. Esta feira forma parte do proxecto do Museo Etnográfico da Capela, promovido dende hai décadas polo incansable Secundino García Mera, sendo un dos modelos museísticos máis potentes de posta en valor da memoria da cultura tradicional agraria que coñecemos no país. A súa organización e contidos lembráronme os museos folk ingleses, que tanto sempre me gustaron. Merece unha visita moi demorada. Á tarde fixemos unha abraiante camiñada polas Fragas, seguindo o Eume dende os Altos de Fortandión até o Mosteiro de Caveiro, regresando monte arriba pola congostra de Ventureira. É innegable que o incendio da pasada semana santa deixou unha pegada desoladora nalgunhas zonas das fragas, sobre todo nas máis elevadas, onde é probable que afectase de forma irreversible a algún dos endemismos; mais tamén o é que a densidade do dosel arbóreo protexou os espazos de ribeira onde sentimos todas as fragrancias. Mágoa que non exista aínda un proxecto de protección integral dunha das alfaias dos noso patrimonio natural, como tampouco unha vontade de integración do parque natural nas actividades económicas e no desenvolvemento da comarca. Non esqueceremos este día nas fragas nin acollida tan agarimeira de Xabier, María Xesús e Daniel.